"Queremos que 'Somos galego' sexa unha ferramenta participativa"

Esta quinta feira Sermos Galiza e A Mesa pola Normalización Lingüística lanzan 'Somos galego', un suplemento bimestral sobre a lingua galega.

IMG_0609
photo_camera Marcos Maceira [Imaxe Sermos Galiza]

A Mesa pola Normalización Lingüística e Sermos Galiza publican esta quinta feira o primeiro número de Somos galego. Un suplemento desenvolvido en parcería que visa ser, explica Marcos Maceira, "unha ferrmenta participativa" coa que "dar visibilidade a aquelas cuestións que xiran arredor da lingua". 

Como xorde a idea de crear este suplemento?
Queriamos crear unha ferramenta coa que dar visibilidade a todas aquelas cuestións que xiran arredor da lingua. Non só sobre dereitos lingüísticos e as denuncias que vimos facendo dos incumprimentos por parte da administración, senón tamén opinións e puntos de vista. Até o de agora só contabamos con ferramentas dixitais e queriamos aproveitar a existencia dun xornal como Sermos Galiza --o único semanario en galego-- para pór en andamento esta iniciativa e estender con ela o noso traballo.

Nese senso cal é o obxectivo co que lanzades Somos galego? 
Son varios. Ten un interese informativo, formativo, divulgativo... mais tamén contarmos cunha ferramenta para o contraste de ideas. Desde A Mesa e por parte das persoas que colaboran con nós. Queremos que sexa un proxecto participativo. Para isto, a partir do primeiro número [que acompañará o semanario a partir desta quinta feira] Somos galego contará cun espazo a modo de 'consultorio' no que se dará resposta ás dúbidas d@s leitor@s. 

Que novidades irán incorporándose ao suplemento após este primeiro número?
Esta semana o que publicamos é un avanzo do que será o suplemento. A medida que se publique queremos que tamén se vaia construíndo coa axuda das persoas que o len. O noso obxectivo é que sexa participativo. 

"A medida que se publique queremos que o suplemento vaia construíndo coa axuda das persoas que o len"

Como se poderá participar?
Através do correo electrónico da Mesa ou mesmo das redes sociais. A idea é que editármolo en papel nos permita chegar aos quiosques e através deles a un maior número de persoas. Ora ben, as persoas asociadas á Mesa pola Normalización Lingüística receberán o pdf en formato dixital e aos centros de ensino enviaráselles por correo postal. Os envíos faraos a Mesa. Aliás, queremos estabelecer sinerxias cos centros de ensino e que tamén poidan empregalo como ferramenta de traballo. 

Coa realidade lingüística que atinxe Galiza, cal é o papel dos medios de comunicación no proceso de normalización de usos do galego?
A súa función é difundir que a lingua galega existe e que pode usarse con normalidade. Porén, iso non acontece no noso país, agás en contadas excepcións. En Galiza non hai medios en lingua galega se ben houbo avanzos, por exemplo no papel coa chegada de Sermos Galiza, e sobre todo no ámbito dixital. Mais todos eles son froito do impulso e vontade social. 

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios