A polémica das bandeiras azuis no Caderno de Agosto

Son as de bandeira as mellores praias? O segundo número do Caderno de Agosto de Sermos afonda na polémica das bandeiras azuis. Mércao na nosa loxa por 0,50€.

caderno 2 de agosto capa 380

Galiza está á cabeza do Estado en bandeiras azuis, mais a polémica rodea ao distintivo da ADEAC, que non é garante do respecto ao medio ambiente. É máis, a instalación dos servizos que esixe o selo de calidade desta entidade privada fai que se deterioren praias virxes. Outros certificados, como a ISO 14.001 ou o EMAS, que destacan pola súa esixencia ambiental, teñen de momento pouco predicamento no país. Reparamos, ademais, na máis afamada das praias galegas, a das Catedrais, o segundo lugar máis visitado de Galiza despois de Compostela, para o que o concello de Ribadeo reclama especiais medidas de protección fronte á avalancha de turistas. E facemos o noso ránking propio das mellores praias, ou das máis atractivas, por diversos motivos.

Rodri Suárez, o coordenador do noso Caderno de Verán, aborda a Carlos Ares, o guionista de "Era Visto!", presentador ademais da Asociación Galega de Guionistas, cando viña de tomar uns vasos nunha terraza Corrubedo cuns mariñeiros do Gran Sol. Ares fálanos, entre outras cousas, do verán en Lameiro, a localidade imaxinaria onde transcorre o programa de humor: "En Lameiro teñen unha peculiaridade: aproveitan o verán para facer obras ilegais, converter galpóns en chalés e cousas dese estilo".

Como non, non podían faltar no noso suplemento estival as novas entregas do relato erótico de Pepe de Pura e do inédito de Xabier P. Docampo, ilustrados nesta ocasión por Ticiana Ghiglione Darriba (Cha). A trama complícase no relato de Docampo, con corrupción político-municipal polo medio: "Verás como fas para arredar a esa tipa deste asunto. Eu teño todo xa atado no partido e no concello, que non veña agora unha merda a intentar tocarme os collóns", dille Marcial, un dos personaxes, ao seu interlocutor. Pola súa banda, Pepe de Pura debruza o seu peculiar costumismo sexual sobre tres protagonistas e tres localizacións: Estocolmo, Londres e as paradisíacas praias da Galicia.

"Non hai festa sen gaiteiros", lembra Xurxo Souto na súa sección "Somos un pobo de artistas!. Repasa na súa páxina, adubada co bo sabor de boca que deixan as anécdotas, algún dos episodios da nosa historia gaiteira, como a polémica estético-musical entre tradición e novos ritmos que se protagonizada a comezos do século XX polos gaiteiros Rilo de Betanzos e Xan Míguez.

Pecha o suplemento Bea Hervella, de profesión "muller do tempo", que nos leva ao seu recuncho do verán, o lugar no que, sendo nena, pasou o período estival. E non é costa, senón interior, e cheo de encanto: San Cosme de Cusanca, no Irixo, en Ourense.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios