NO A FONDO DESTA SEMANA

A pobreza enerxética en Galiza, a análise

Hai casos nos que morrer de frío é algo máis ca unha expresión feita. A pobreza enerxética afecta cada vez a máis fogares na Galiza. Analizámolo neste A Fondo. Podes adquirilo na nosa loxa por 0,50€. 

capa

Hai casos, e cada vez máis, nos que morrer de frío é algo máis ca unha expresión feita. A pobreza enerxética, é dicir, a carencia de recursos para facerlle fronte aos gastos enerxéticos da vivenda, afecta cada vez a máis fogares. Na Galiza, case medio millón persoas tiñan que afrontar, en 2012, un gasto enerxía doméstica superior ao 10% dos seus ingresos, case o dobre ca en 2006. A pobreza enerxética lévase mesmo vidas por diante, entre 200 e 800 ao ano, dependendo das varas de medir, segundo o economista Xoan R. Doldán, coordenador deste A Fondo.

"En Galiza, os gastos dos fogares na súa vivenda (electricidade e gas, aluguer, intereses de hipoteca, comunidade, auga...) increméntanse nun 37% do 2008 ao 2012", expón Ángela Troitiño, profesora de Economía Cuantitativa da Universidade de Santiago, no artigo que escribe para este A Fondo. O caderniño conta, ademais, con colaboración de Manuel Casal Lodeiro, coordenador da revista 15-15-15; de Rosa María Regueiro, profesora na Universidade da Coruña, do propio Xoán R. Doldán e do político e activista social Miguel Anxo Abraira,  membro de Vesperadenada.

O caderniño de análise do Sermos Galiza bota man de cualificados expert@s para analizar a incidencia desta problemática no país. Ofrécenos non só datos que dan conta da súa dimensión, senón o seu contexto na crise económica actual, na realidade enerxética de Galiza e no devalar das reservas dos combustíbeis fósiles. Así mesmo, analízanse as posíbeis alternativas cara a un modelo enerxético máis descentralizado e democrático, e menos monopolizado polos intereses das grandes compañías eléctricas. "Sermos pobres ─sinala Manuel Casal Lodeiro─ non é carecermos de diñeiro: é, antes de nada, carecermos de enerxía".

"Que existe unha proximidade das empresas enerxética ao poder político é innegábel", afirma Sergio Tirado, un dos maiores expertos en pobreza enerxética do Estado, en entrevista para este A Fondo."

Entrevista a Sergio Tirado

"Que existe unha proximidade das empresas enerxética ao poder político é innegábel", afirma Sergio Tirado Herrero, un dos maiores expertos en pobreza enerxética do Estado, na entrevista que sae publicada neste A Fondo. O investigador coordenou os dos dous estudos que, sobre pobreza enerxética en España, se realizaron en 2012 e 2014 da man da Asociación de Ciencias Ambientais, claves na introducción da visibilización do problema no debate político. "As grandes compañías ─sinala─evitan que se poida explorar abertamente se é posíbel chegar a un sistema máis democrático e descentralizado".

"Somos pobres enerxeticamente, e serémolo cada vez máis", conclúe Xoán R. Doldán, máis aínda cando o mundo acadou xa o cénit de extracción do petróleo convencional. Por iso, deféndese neste A Fondo, urxe mudar de modelo enerxético, configurando a nosa sociedade "cara a unha vida máis local e máis consciente dos seus límites materiais e ecolóxicos".

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios