ANTÓN GÓMEZ, MEMBRO DE ENCRUCILLADA

"Paco Carballo non morreu. É un símbolo para moitos de nós"

Para Antón Gómez, Paco Carballo foi amigo e mestre. No A Fondo desta semana, lembra ao teólogo nacionalista que foi para el estrela guía.

paco carballo 350

-Ti pertenciches á congregación relixiosa dos paúis como Paco Carballo e estudaches en Salamanca cando el era reitor do teologado de San Vicente de Paúl alí. Como coñeciches a Carballo?

- Coñecino cando cheguei a Salamanca para estudar teoloxía. El estaba como reitor dende o 65 e eu cheguei no 67.  Para min supuxo un renacer, porque me encontrei cunha persoa aberta, que intentaba abrirse ao exterior.

-Como foi o papel renovador de Carballo en Salamanca?

-Carballo chegou cando se cerraba o Concilio Vaticano II. Cando eu comecei, el xa levaba dous anos no teologado e aquilo xa cambiara un pouco. Até entón, dende que entrabas  no noviciado pasabas sete ou oito anos sen ver a familia. Eu, porén, xa podía saír sábados e domingos a actividades de todo tipo de carácter solidario. No verán, autorizábannos a que fosemos como asalariados a desempeñar diferentes traballos. Uns ían ás minas, outros á agricultura... A teoloxía íase renovando, a Universidade Pontificia ía dando un paso adiante. Todo iso deunos unha visión da realidade moi distinta da que tiñamos. Eu, en Salamanca, nacín ao galeguismo.

-En que momento Paco e mais ti decidides volver a Galiza?

-Despois de terme ordenado, convidoume a unhas misións na zona de Mieres, en Asturias, e no verán do ano 73, propúxome virme con el a Vigo para inserirnos no mundo obreiro.

-Como foi esa volta a Galiza e a Vigo, ti xa como cura obreiro?

-Como cura obreiro, estiven 17 anos traballando nunha empresa en quendas de mañá, tarde e noite. Carballo, aos 48 anos, xa non estaba para ir ao mundo obreiro. Despedíronme, sancionáronme, detivéronme, como a calquera cura obreiro. Houbo un tempo no que eu estaba máis dedicado ao sindicatos obreiros e el ao mundo sindical do ensino e a actividades culturais. Nese tempo tivemos menos contacto pero seguimos mantendo esa relación até que morreu.

-Sospeito que o perfil do cura de esquerdas e nacionalista, é bastante incomprendido...

-Si. Hai un anticlericalismo extremolaicista que considera que todos os cristiáns son iguais, e non. Eu penso que o evanxeo está máis cerca da esquerda ca da dereita. Coido que un cristián comprometido ten que implicarse tamén politicamente. Paco tíñao moi claro e eu tamén, e o papa vai por aí.

"Para el a política era básica. Tiña clara a súa militancia, e nunca se reservou. El estaba pola unidade da esquerda e de superar certos matices partidistas."

-A morte de Paco Carballo deixouvos, nese sentido, un pouco máis sós.

-Si, en Galiza Paco Carballo era unha institución. A todos os niveis. El era capaz de escoitar a todo o mundo, de dialogar con todo o mundo. Tiña unas bases históricas moi elaboradas. Co que deixou escrito temos unha pequena biblia. O que sabía, sabíao transmitir, facíase escoitar, e era acolledor. Era un home entregado, nunca pretendeu nin carreiras nin honores, senón ser unha persoa normal, cando como historiador e teólogo podía falar de ti a ti con calquera porque estaba ao día en todas as correntes. Aínda que nunca se dixo que era teólogo da liberación, a súa liña ía pola teoloxía da liberación.

-O seu era un perfil singular, no sentido de que se involucrou directamente en política, mesmo nalgún momento en primeira liña do nacionalismo.

-Para el a política era básica. Tiña clara a súa militancia, e nunca se reservou. El estaba pola unidade da esquerda e de superar certos matices partidistas. Tiña a espiña cravada de que a esquerda, en Galiza, en España e en todo mundo, non fora capaz de superar pequenas diferenzas, malia a que o que nos une é máis do que nos separa. El sentía non ter conseguido máis do que se conseguiu, a pesar do tempo que lle dedicou.

-Carballo puido ter cargos de poder e renunciou a eles. Por que?

-Porque tería que cambiar o seu rumbo, e el foi fiel ao seu rumbo. Carballo estivo marcado pola súa fe cristiá, que foi madurando, e pola interpretación histórica da biblia. Para el non bastaba con anunciar o evanxeo, había que levalo á práctica. El coñecía moi ben os curas obreiros franceses. E o movemento obreiro en España foi o que o animou a virse para Vigo.

"Queríano e respectábano, o que quere dicir que non só era unha persoa que se entregaba senón que era recibido. Sentiuse co deber cumprido"

-Ti remataches secularizándote e deixando a congregación. Carballo, a pesar das ideas tan progresistas que profesaba, non deu ese paso.

-A xente máis aberta mentalmente fómolo deixando porque non era fácil, mais Carballo mantívose fiel até o último momento. Ir morrer a Salamanca foi moi doloroso para el, mais el morreu dentro da congregación e satisfeito. Estaba satisfeito de ser paúl até as últimas consecuencias.

-Viviu entregado ao compromiso nacionalista e a unha práctica progresista da fe, na liña do Concilio Vaticano II. Mais morreu en tempos en que ambas as dúas causas pasan por momentos complexos. Con que sensación cres que se foi?

-El adoitaba dicir que se sentía feliz porque a súa semente caera no suco. Tiña claro que a congregación de San Vicente Paúl en España ía desaparecer, que a Igrexa así non tiña futuro, pero tiña a esperanza de que as cousas cambiaran e que había que loitar para que así fora. El non morreu. É un símbolo para moitos de nós. Estou sorprendido do que lle quería a xente, na editorial, no ámbito político, no BNG... Queríano e respectábano, o que quere dicir que non só era unha persoa que se entregaba senón que era recibido. El sentiuse co deber cumprido.  

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios