NO A FONDO DESTA SEMANA

As outras violencias de xénero

O asasinato é só a punta do iceberg dunha realidade, a violencia de xénero, de múltiples caras. Analizámolas no A Fondo coordenado por Lola Ferreiro Díaz. Á venda na nosa loxa.

photo_camera capa 350

O terrorismo machista non dá tregua. Este ano foron sete as mulleres asasinadas na Galiza por homes que fan da violencia de xénero o brazo armado do patriarcado. Con todo,  é só a punta do iceberg dunha realidade de múltiples caras. A esas outras violencias que tamén o son de xénero, dende a sexual até as de caracter  simbólico e estrutural,  vai dirixido o A Fondo desta semana. Son violencias que forman parte do día a día, que a todas nos afectan e que actúan como estrume da ideoloxía machista na que asentan as agresións. Coordena o caderniño Lola Ferreiro Díaz, feminista, doutora en Medicina e experta en saúde mental.

O A Fondo desta semana conta cun bo monllo de expertas de Galiza e alén. A entrevista está protagonizada por Lydia Gómez Valverde, psicóloga social e psicanalista que supervisa centros de acollida para mulleres en situación de violencia de xénero en todo o estado. Coordenadora do Observatorio Rexional sobre Violencia de Xénero da Mancomunidade de Las Vegas (Madrid), é testemuña de primeira man de como os recortes afectan á redución de persoal especializado. "Redúcense drasticamente os servizos de privatización e privatízanse os que quedan", afirma.

Felisa Balboa Cardoso, psicóloga do CIMM de Vigo, fala da violencia directa, aquela que se dá no eido das relacións, e que vai non se queda só na labazada. Destaca o artigo a necesidade dun tratamento respetuoso e non vitimizador das mulleres en situación de violencia de xénero. A tamén psicóloga Alicia Vilar Barreiro aborda a violencia sexual. "Como frecuencia ─advirte─ non se identifica como tal a violencia sexual directa nas súas manifestacións máis sutís".

As violencias que todas padecemos

Na violencia estrutural, que nos dificulta ou mesmo nos nega o acceso aos dereitos básicos incide a socióloga Rocío Fraga Sáenz. Definea como a peor das tres. Non obstante, nela están recollidas as desigualdades da nosa estrutura social que seguen a situar ás mulleres en posicións subordinadas: "Somos as coidadoras mentres a nosa saúde non está minimamente garantida. Somos educadoras, mentres a nosa educación reproduce os roles que manteñen o sistema", subliña.

"Somos as coidadoras mentres a nosa saúde non está minimamente garantida. Somos educadoras, mentres a nosa educación reproduce os roles que manteñen o sistema", afirma Rocío Fraga Sáenz.

A experta en coeducación, Marián Moreno Llaneza, abonda na violencia simbólica, o conxunto de crenzas e os produtos culturais que xustifican de maneira sutil e case imperceptible a desigualdade. "Na educación dos maltratadores ─afirma─ entrou que a violencia é un xeito de solucionar os  problemas e a frustración". Aboga pola coeducación como mellor antídoto.

Dun dos principais transmisores de violencia simbólica, os medios de comunicación, trata a xornalista María Rúa Junquera, que repasa as malas prácticas nas que os medios adoitan reincidir na cobertura da violencia de xénero.

A loita pola violencia de xénero pasa, segundo conclúe a coordenadora, Lola Ferreiro Díaz, por un amplo abano de medidas que van dende políticas de igualdade efectivas, que realmente se cumpran, até a coeducación e a creación de dispositivos de acollida, información e axuda.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios