Un ollar a fondo sobre a herdanza de Castelao 30 anos despois da volta

Un 28 de xuño de 1984 os restos de Castelao chegaban a Compostela, no medio da polémica e con carga policial incluída.

Non era esta a Galiza liberada á que Castelao aspiraba volver. Non foi o seu un soterramento abeirado ao calor do pobo, porque as autoridades así o impediron. Sermos Galiza lémbrao neste A Fondo, baixo a coordenación de Xoán Carlos Garrido, que conta coa participación de Manuel López Foxo, Pilar García Negro; Cesáreo Sánchez Iglesias e o xornalista X.M. Pinheiro. En senllas entrevistas, o concelleiro pontevedrés Luis Bará e o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, son os encargados de dar conta da situación do legado de Castelao tanto en Pontevedra, onde residiu ao longo de vinte anos, como na súa vila natal.

"Só querían traer os seus restos para enterralos co seu pensamento político", sentenza o divulgador cultural Manuel López Foxo, que viviu en primeira persoa aquel 28 de xuño de 1984. Lembra como un campo de guerra os arredores de Bonaval trala carga policial e dá conta da conversa mantida naquel día con Xosé Benito Abraira, un dos máis achegados colaboradores de Castelao no exilio arxentino.

O xornalista de Sermos Galiza, X.M. Pinheiro, rianxeiro, era por aquel entón só un neno, mais recorda, nunha persoal crónica, a súa visita a Compostela na comitiva organizada polo concello natal de Castelao para recibir o cadaleito do seu veciño en Lavacolla. A comitiva volveu ao rematar o acto en Compostela pois o Concello non quixo formar parte do que consideraba un "paripé" montado polas autoridades ao redor da traída dos restos de Castelao.

"Nós, hoxe, non podemos levarlle flores frescas a Rosalía ou Castelao, pois as súas tumbas só poden ser visitadas con permiso eclesiástico", destaca no seu artigo o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias, que repara na situación na que se encontra hoxe o Panteón de Galegos Ilustres, baixo a tutela da Igrexa.

Para a profesora Pilar García Negro, foron varias as mortes de Castelao: en 1950 na Arxentina;  en 1984, no medio do escándalo da traída dos seus restos; agora, secuestrado nun Panteón de Galegos Ilustres baixo control eclesial e tamén coa sucesiva manipulación da súa mensaxe, mesmo polas máis altas institucións culturais galegas, e sobre a que fai unha análise detida.

Luis Bará denuncia, por parcial, o modo en que o legado de Castelao é exposto no Museo de Pontevedra, en mans da Deputación, nunha entrevista na que afirma que unha visión íntegra de Castelao, non só artística, senón tamén política, non é asumíbel polo PP. O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, fala do legado de Castelao en Rianxo. Repara, en particular na casa de Castelao na vila, propiedade da familia Baltar. Coida que este é o momento idóneo para recuperala para a cidadanía galega, como un proxecto público liderado polo goberno galego. 

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios