Un ollar A Fondo sobre o comercio galego

En 2009 eran máis de 42.000 os estabelecementos comerciais en Galiza. En 2013, ficaban reducidos a pouco máis de 38.700. Este A Fondo, coordenado por Ana Rúa Souto, ex directora xeral de Comercio, diagnostica os males que afectan o sector.

Os xigantes cos que se enfronta o comercio galego son demasiado poderosos, e contan ademais co beneplácito do goberno central, da Xunta e dos principais partidos estatais. Neoliberalismo e uniformización nas pautas de consumo callan na proliferación de centros comerciais nas periferias das cidades, na liberalización de horarios e na perda acelerada de masa muscular do comercio retallista.

 O A Fondo desta semana analiza as políticas e normas que se aplican sobre o sector, a última, o decreto Ómnibus, e incide na falta de defensa das competencias propias. Incide naquelas cuestións que máis polémica xeral, como a liberalización de horarios e a implantación de centros comerciais, e analiza a influencia destas grandes superficies na trama urbana. Acode, así mesmo, á opinión sector, a través da entrevista a Xosé Bangueses, do Foro Galego de Comercia. O suplemento analiza, por último, medidas que contribúan a mellorar a situación actual.

O abandono das competencias propias

Rúa Souto, a coordinadora do A Fondo, repasa as políticas públicas sobre o sector e a deriva centralista das mesmas, que explican o bloqueo, no seu momento, do Anteproxecto de Lei de Ordenación do Comercio Interior de Galiza, que se intentou sacar adiante no goberno bipartito.  "Sobre o papel afirmaGaliza posúe competencias exclusivas en materia de comercio, un obstáculo para un capital financeiro que quere circular sen barreiras".

Beatriz Gómez Souto incide neste abandono das competencias propias: "Mentres Andalucía ou Asturias acoden ao Tribunal Constitucional contra normas estatais sospeitosas de invadiren competencias propias, Galiza permanece en silencio". Así mesmo, abonda naquelas políticas aplicadas sobre o sector na etapa bipartita, como o incentivo ao comercio rural galego ou o apoio a introdución do sector no comercio electrónico.

Xosé Bangueses responde ás cuestións que se lle formulan na entrevista para este A Fondo dende a súa delongada experiencia no sector comercial. Aborda a situación actual do sector, o efecto sobre o mesmo das políticas de austeridade e pronúnciase sobre a reiterada invocación ao emprendemento dende as institucións: "Emprender por emprender di non vale de nada e ten grandes riscos".

Retos de futuro

Victor Sixto San Xosé aborda os retos que o sector enfronta. "Son tempos difíciles conclúe mais coa correcta definición de políticas públicas e un axeitado traballo por parte do propio sector, o pequeno comercio pode ter un excelente futuro".

Xosé Santos Solla, profesor de Xeografía da USC, analiza os efectos da proliferación dos centros comerciais na trama urbana, do que A Coruña é exemplo paradigmático. Abonda no actual declive do pequeno comercio nos centros das cidades e propón medidas para porlle remedio. "As periferías urbanas escribe acollen os centros comerciais aproveitando as posibilidades de desenvolver rendíbeis accións urbanísticas".

Conclúe o A Fondo cunha aposta por un cambio real de modelo. "De continuarmos na actual dirección, sinala Ana Rúa Souto, o chamado pequeno comercio está perdido. De aí que cumpra disputar as maiores cotas de poder en todos os eidos (político, social, mediático, …) para lle colocar pedras no camiño aos poderes económicos"

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios