#Sermos129: ofensiva contra as liberdades na Galiza

Neste número analizamos o asalto contra as liberdades públicas no noso país, entrevistamos o investigador Lucio Martínez, falamos da loita de Coia e moito máis. Xa no teu quiosco ou na loxa.

capa

As denuncias contra 5 militantes nacionalistas por protestaren contra a visita de Merkel remarcan a ofensiva contra os dereitos sociais e políticos e contra as liberdades públicas no noso país. Analizamos esta situación no Tema da Semana deste nº129 do semanario. “Non é unha simple 'represión' da protesta, mais unha estratexia para amedrentar un país e unha sociedade”. Un artigo de Bieito Lobeira, secretario de Organización da fronte nacionalista completa a reportaxe.

Entrevistamos a Méndez Romeu, portavoz parlamentar do PSdeG, que ataca con dureza o presidente da Xunta e o que considera “fracaso” comprobado do seu Executivo a metade de lexislatura; prefire non falar de pactos post-electorais, aínda que nega a posibilidade de unirse ao PP, e amosa reservas coas enquisas que sitúan moi alto en Galiza a novas forzas. “"A Feijóo dálle noxo o Parlamento".

Vigo, A Coruña, Compostela, O Grove

Coia resiste fronte á represión policial mentres avanzan as obras’. A veciñanza denuncia unha campaña de represión do Concello de Vigo para frear a protesta na rotonda de Castelao, tomada pola Policía Local.

En ‘Subas á policía local, non; contratos coa empresa da irmá de Feijóo, si’ tratamos de como miles de euros paga o goberno de Carlos Negreira a Eulén pola seguridade privada que substitúe, nun proceso que semella amplo, á policía municipal en medio dun conflito laboral por unha subida de soldos que non se concreta e que ademais coincide tamén cuns tempos nos que o labor d@s axentes está a ser discutido por actuacións con migrantes ou en desafiuzamentos.

Mais tamén falamos de como o exército instala tamén as concertinas no Grove ou de Compostela como ‘territorio comanche’ para a música ao vivo.

Dos wearables ao surf

En ‘O CES debulla a tecnoloxía que nos agarda neste 2015’ falamos de como este ano virá marcado pola tecnoloxía de vestir (os wearables), os drones e as selfies. En Deportes falamos do apoxeo do surf feminino e entrevistamos a Isa Gundín campioa dos circuítos galegos sub 16 e sub 18.

Na reportaxe titulada ‘A UE desempoa a “guerra contra o terror” após os atentados de París’ debullamos como os estados membros da Unión declaran un “conflito de civilizacións” entre occidente e o “terrorismo jihadista” logo do crime no Charlie Hebdo. En Viaxes na Miña Terra percorremos a ribeira ourensá dos Canóns do Sil.

Publicamos un avanzo de ‘Medo político e control social na retagarda franquista’ (Xerais), o libro que vai publicar o historiaor e investigador Lucio Martínez. “Filgueira Valverde participou da represión do franquismo mais iso eliminouse dos documentos”.

Mais neste nº129 hai moito máis: Por exemplo, o libro no que María Lado fai protagonista ao seu osiño Cuqui, ou ben a entrevista a integrantes da cooperativa ‘Bico de Grao’, centrada no consumo responsábel e ecolóxico

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios