ISIDRO RAJO, NOVO CRíTICO DE ROCK EN SERMOS

“No rock hai que ser honesto, para falsidade xa está o mainstream'

Este sábado, Isidro Rajo inaugura un novo espazo en Sermos Galiza, adicado ao rock'n'roll, onde terán cabida críticas de discos actuais ou antigos e diversas opinións musicais.  

entrevista

-Vai abrir unha xanela ao rock en Sermos, que poderemos ver a través dela?

Un pouco de todo, pero basicamente centrado en dúas, chamémoslle, seccións. Por unha parte, a dedicada á actualidade, as cousas que acaban de saír ou están riba da mesa pola cuestión quen sexa. Pola outra, o que quero chamar 'Volvendo a Escoitar', que será unha revisión de discos doutras épocas que merecen que se volva a eles. Para empezar, esta semana no primeiro apartado falarei do novo traballo de AC/DC e no segundo, dos Yellow Pixoliñas. 

-Trátase tamén de cubrir un oco: apenas hai crítica musical en galego. 

Certo. Eu detecto moita parálise, mesmo tamén a nivel de bandas, onde en Galiza seguen mandando os clásicos. 

-As túas bandas preferidas do rock en galego?

Yellow Pixoliñas, cos que crecín no musical e no persoal; Heredeiros da Cruz e Diplomáticos de Monte Alto. Logo tamén está Siniestro Total, pero en castelán. 

-Todos grupos de ampla traxectoria. Cales destacarías das máis actuais?

Sinto dicir que no que é rock'n'roll non chegan a esa altura ningunha das que está comezando, das que levan dous ou tres anos, porque despois... se pensas por exemplo en Nao ou Raiba xa é xente que con moita carreira detrás, non se lles pode considerar novidades. 

-Polo que se ve non vas caer no estendido vicio de aplaudir todo o que é de por aquí, senón que prometes polémica se é necesaria

Si, claro. Nisto do rock hai que ser honesto, para falsidades xa está o mainstream. 

-Por último, xa fóra de Galiza, as túas bandas referenciais

No punk todo no que estea Evaristo Páramo como La Polla ou Gatillazo, e tamén os Toy Dolls. Noutra onda, son moi de Iron Maiden. 

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios