No nº99 de Sermos: 'Outra transición? Non grazas'

A abdicación do Borbón no seu fillo Felipe e os movementos do bipartidismo español para perpetuaren a monarquía centran este novo semanario. Podes mercalo xa na nosa loxa.

Capa_SG99

Rajoy anunciou esta semana que Juan Carlos I renuncia á Xefatura do Estado español. Un movemento premeditado e estudado entre a Coroa e as dúas forzas políticas que deseñaron, xunto co PCE, a segunda restauración borbónica. Trinta e nove anos despois PP e PSOE acordan de novo como pegar un golpe de leme para garantir que a monarquía española se manteña.

Cunha crise política que ficou en evidencia nas eleccións europeas e un importante rexeitamento social á institución real que se manifestou nas rúas do país --e do Estado-- no número 99 de Sermos Galiza falamos desoutra transición que está a piques de comezar.

As demisións da Pokémon

Doutra banda, afondamos na situación política que atinxe o goberno da capital de Galiza. Con 9 edís que presentaron a súa demisión o alcalde Ángel Currás anda á procura dunha nova equipa que estará formada en boa medida por persoas non eleitas nos comicios municipais de 2011. A Operación Pokemon está a remexer o Partido Popular e xa se levou por diante a súa portavoz e deputada, Paula Prado.

Ademais, nas páxinas interiores ollamos para o crecemento económico e desmontamos o discurso do Partido Popular. Ao contrario do que defende Feijóo a economía española despreguízase mais a galega estanca. Tamén así, debullamos as incógnitas da nova situación en Pescanova após o desembarque da banca como principal accionista.

En Comarcas percorremos a historia de Bueu da man da Asociación Gofiños e dun libro que recompila unha morea de fotografías antigas desta vila mariñeira, aliás achegámonos a San Sadurniño onde un conflito aberto polo traslado dunha imaxe relixiosa leva ao alcalde a denunciar "ameazas de morte nas redes sociais".

Deportes, cultura e información internacional

O acontecido no barrio de Sants (Barcelona) co despexo do CSO Can Vies ocupamos as páxinas de Internacional. Un exemplo de como construír a alternativa política desde os barrios.

En Deportes abordamos as catro chaves para un Dépor que chega de novo a primeira. E en Cultura conversamos con Antonio Reigosa que enceta unha nova sección sobre o conflito lingüístico. O escritor está certo de que "a literatura creada no país fixo unha aposta pola nosa lingua". Así mesmo, lembramos a figura do humilde pintor Antonio Fernández, que será homenaxeado na parroquia de Goián (Tomiño).

E na contra? Falamos coa Gentalha do Pichel que nos anima a xogar doutra maneira ás cartas. Como? Da man dos reis suevos.

Todo isto e moito máis no número 99 do Sermos Galiza. Xa á venda na nosa loxa.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios