DIEGO LORES E EDU RODRÍGUEZ, COORDENADORES DO A FONDO

"No decorado para atraer cartos, os colectivos desfavorecidos afean a foto"

Varrer das rúas os sectores máis desfavorecidos e converter os cascos históricos en escaparate. É o que se coñece como xentrificación. Dela falamos no vindeiro A Fondo, nos quiosques esta quinta feira 19 de febreiro.

edu e david 380
photo_camera Diego Lores e Eduardo Rodríguez

A cidade de Vigo está a virar prototipo nisto de converter a urbe en escaparate. O acoso policial aos colectivos desfavorecidos increméntase cada vez que un cruceiro vomita no porto turistas de consumo rápido. O traballador social Diego Lores e o historiador Eduardo Rodríguez coordenan, dende Vigo, o A Fondo desta semana, sobre os procesos xentrificadores.

-A xentrificación aínda é unha verba que soa estraña. Que debemos entender por tal?

-É un proceso de transformación urbana mediante o cal un sector da cidade, ben por acción ou por omisión, se abandona e se degrada, co fin de acometer posteriormente unha rexeneración que ennobreza o espazo, desprazando á veciñanza orixinal en prol dunha nova de maior poder adquisitivo.

-Os cascos históricos, antes abandonados, agora convértense en escaparates para o turismo. En que medida o city marketing vai parello a unha debilitación da cidadanía e do espazo público, ao feito de sermos concibidos cada vez máis como consumidores e consumidoras e non como cidadanía?

-A xentrificación non é máis que outra das expresións agresivas do capitalismo. Calquera cousa é convertida en mercadoría, e os barrios, as vilas, as cidades, non son menos. A paisaxe urbana é secuestrada, e pasa a ser unha mercadoría máis dentro das lóxicas mercantís. A veciñanza dilúese e xorde o consumidor e o turista.

"A paisaxe urbana é secuestrada, e pasa a ser unha mercadoría máis dentro das lóxicas mercantís. A veciñanza dilúese e xorde o consumidor e o turista."

-Dende cando traballades neste tema?

-Dende hai un tempo vimos traballando na historia do barrio de Coia, centrándonos no paso dunha parroquia rural tradicional a un barrio prototípico do desenvolvemento tardofranquista. Sen ser un proceso xentrificador clásico, decatámonos que aparecían varias das premisas (extorsión, expulsión, novos habitantes) que definen a xentrificación. A partir de aquí, abrimos o foco, apoiándonos en persoas que levaban moito máis percorrido, como as xentes do colectivo Xentrificación en Vigo.

TURISMO VERSUS CIDADANÍA

 -En que medida noutras cidades galegas teñen lugar procesos xentrificadores?

-Este fenómeno non entende de fronteiras nacionais. Non garda relación con ningún espazo en concreto, senón cun sistema económico. Os barrios históricos das nosas vilas sufriron, polo xeral, o abandono por parte das administracións ata hai poucas datas. Porén, ao decatarse dos beneficios que podían obterse ao recuperar estas areas degradadas, non para poñer ao servizo da veciñanza senón para o comercio e o turismo, aparece a xentrificación.

-Foron publicados diversos libros que abordan a problemática noutras cidades como Barcelona ou Bilbao. Existe masa crítica en Galiza ao respecto?

-Un primeiro paso positivo é que o termo xentrificación comece a gañar terreo en cada vez máis lugares, xa forma parte da linguaxe común. Ademais hai colectivos que están a traballar arreo para difundir e concienciar á cidadanía. Precisamente, no mes de marzo desenvolveranse unhas xornadas sobre o tema en Vigo, con proxeccións, palestras, obradoiros,..

"A paisaxe urbana é secuestrada, e pasa a ser unha mercadoría máis dentro das lóxicas mercantís. A veciñanza dilúese e xorde o consumidor e o turista."

-Podedes adiantar, brevemente, cales son os contidos que estruturan este A Fondo?

-Comezarase explicando o concepto de xentrificación, para a continuación centrarnos no exemplo concreto de Vigo. Falarase do impacto da recuperación dos barrios históricos sobre os seus habitantes tradicionais, que se ven abocados a trasladarse lonxe do seu entorno habitual. Tamén trataremos un aspecto moi interesante como é o patrimonio cultural como un axente máis que favorece a xentrificación. Por último, achegarémonos ao caso de Coia como un exemplo que se afasta da concepción tradicional de xentrificación, pero no cal poderemos atopar moitos nexos comúns cos procesos actuais.

-Cos procesos xentrificadores o problema de fondo non se soluciona, só o sacamos de diante da nosa vista, desprazando a e sectores da poboación como as persoas con drogodependencias, as que se prostitúen ou as sen teito. Que é delas? Cara a onde son desprazadas?

-Nos procesos xentrificadores o que priman son os intereses económicos, deixando de lado as necesidades das persoas. No decorado para atraer cartos, os colectivos máis desfavorecidos afean a foto, e sofren o abandono ou a persecución como resposta. Non importa onde vaian, só se retiran para quen non molesten á vista do resto dos seus concidadáns.

"Temos que tomar conciencia de que o urbanismo do futuro está aínda por construír, e que a cidadanía ten que ser un axente moi activo na súa construción."

-Os procesos de xentrificación non son novos. En que medida o acontecido co barrio vigués de Coia dende os 70 nos permite facer prospectiva das consecuencias que poden ter os actuais procesos de xentrificación?

-A situación sociopolítica non era a mesma que a actual, como tampouco o era o proceso xentrificador en si. Unha posible lectura que pode facerse dende a Coia dos 70, pero tamén dende a dos 80, cando a nova veciñanza xa estaba asentada no barrio, é a importancia da colectividade, da veciñanza organizada para solucionar os problemas. Temos que tomar conciencia de que o urbanismo do futuro está aínda por construír, e que a cidadanía ten que ser un axente moi activo na súa construción.

-Cales son, na vosa opinión, as alternativas á xentrificación?

-O primeiro paso é identificar o problema, interiorizar que hai intereses económicos por riba do benestar da xente na recuperación do Barrio Histórico de Vigo ou no Barrio do Cura, por poñer dous exemplos. E logo a alternativa debe ser a que a cidadanía decida: se nós non pensamos nas cidades e os barrios que queremos, alguén o fará por nós.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios