Neste Sermos Galiza nº97, votar por Galiza o 25M para que se lixe a Troika

Máis un semanario SG e novas informacións, entrevistas e reportaxes. Desde un percorrido polos mitins de barrio até unha viaxe a Enciña da Lastra, pasando por entrevistas a imputados no #8f45anos ou á escritora Helena Villar Janeiro. Xa á venda na loxa de Sermos Galiza.

Capa_SG97

Xa está o Sermos Galiza a punto. Máis un número e camiñando cara o 100. Este é o nº97 e nel as eleccións europeas seguen a ter un tratamento especial. Viaxamos a mítines de barrio e preguntamos na rúa que se pensa de 'Europa'.

Tamén viaxamos a Santa Comba para coñecer a mobilización veciñal contra a construción dunha pranta de gas a carón das vivendas; e mergullámonos no negocio de vender precariedade por teléfono. A loita do plantel de Seaga contra a precariedade ou o impacto que ten o recorte nas axudas a razas autóctonas son outros temas a debullar neste número.

Falamos coa lucense Aroa Freije, de 14 anos, e a un paso de asistir aos Xogos Olímpicos da Xuventude. E en Viaxes na Miña Terra imos de rota polo Val do Sil.

Entrevistamos a Helena Villar Janeiro, que nos fala do seu último libro de poesía, Remontar o Río,do que publicamos un adianto. Outra entrevista que podes ler neste número é a Joam Peres, unha das persoas encausadas no xuízo #8f45anos. E tamén falamos con Carlos Gende (Gendebeat, Xenderal), a crear ritmos e historias co poder da palabra e da boca. Do 'beatbox' ao 'ragga'.

E non se nos escapa o libro-dvd de 'Brinca vai!!' de Paco Nogueiras e as súas doce cancións que visitan o Samaín, o Entroido, o Verán, a natureza ou os afectos, materiais acaídos para animar a escola e a casa con humor e alegría.

E todo completado polas colaboracións de C. Garrido, Mario Outeiro, García Negro, Andrés Castro...

 

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios