MARíA LAMEIRAS, O AFONDO SOBRE A INTERSEXUALIDADE

"Mutilamos corpos ao nacer porque a súa estética é considerada monstruosa"

Entrevistamos a sexóloga  María Lameiras, coordenadora do vindeiro A Fondo, nos quiosques esta quinta feira 15 de xaneiro.

maría lameiras 400

-Como definirías o tema deste A Fondo?

-Vai ir sobre o recoñecemento e visibilibización das identidades máis aló do binarismo que a nosa cultura recoñece como único ou lexítimo: corpos e identidades de homes e corpos e identidades de mulleres.

-De que identidades se vai falar neste A Fondo?

-Falamos de todo o que é o espazo trans e da intersexualidade, é dicir, todo o que non é un corpo definido como corpo de home ou de muller, que pode ter ao mesmo tempo características de home e de muller na idea que temos de como deben ser eses corpos. Non son corpos a medio camiño de formarse, senón corpos diferentes.

-Que opinión che merece a cirurxía practicada a bebés interxénero ao nacer para que poidan ser clasificábeis como home ou muller?

-É o que Anne Fausto Sterling chama o calzador ʻcirúrxicoʼ. Transformamos un corpo sen patoloxías, sen ningún problema para sentir, nun corpo con cicatrices, que pode quedar tamén mutilado na capacidade de sentir, canto que se corta nas partes do corpo con maior cantidade de receptores sensoriais. É inxustificábel intervir nos corpos cando o obxectivo é que se adapten á estética intelixíbel, por ser considerada a súa estética monstruosa para a cultura.  

"É unha realidade totalmente soterrada. O máis dramático destes corpos é cando se mostran nus e se queren comunicar afectiva e sexualmente"

-É unha realidade, ademais, moi oculta malia a que, segundo Anne Sterling, un 1,7% da poboación nace intersexual...

-Está totalmente soterrada. O que fai a nosa cultura é intentar, mediante o performance, a representación que facemos da identidade, que se nos encadre como mulleres ou homes. Eu podo ter un corpo intersexuado e disfrazalo de xeito que ninguén identifique quen son en realidade. O máis dramático deses corpos é cando se mostran nus e se se queren comunicar afectiva e sexualmente.

-Por que? Porque non hai espazo para a aceptación?

-Cando mostras o teu corpo, mostras quen es e como te sentes, pero neste caso non hai un espazo lexitimo para que te poidas mostrar así. A sexualidade ten que implicar un respecto a outra persoa, o seu corpo e a súa identidade. Se non a teño identificada na miña conceptualización, non a vou respectar porque non a coñezo. Non en poucas ocasións estas persoas, para non ser rexeitadas, elas mesmas se aíllan co drama que iso supón pois o ser humano é fundamentalmente social e precisa manter un mínimo de vínculos emocionais cos demais, de relacións de apego con persoas moi próximas.

"É realmente unha gran valentía que este A fondo aborde esta temática, porque os medios de comunicación adoitan abordala non para valorizalas senón como noticias escándalo"

-Como analizarías o tratamento dos medios respecto a esta realidade?

-É realmente unha gran valentía que este A Fondo aborde esta temática, porque estas non son temáticas que se traten nos medios de comunicación para valorizalas senón que se adoitan abordar como noticias escándalo, dende unha perspectiva sensacionalista e caricaturesca. Este A Fondo é unha aposta valente e minoritaria por falar dunha realidade dende o respecto, dende a lexitimación, contribuíndo a chegar á xente cunha mensaxe positiva.

-Podesnos adiantar de modo breve os contidos deste A Fondo?

-Mari Carrera aproximaranos, na introdución, a estas identidades que van alén do binarismo home masculino-muller feminina heterosexuais. Yolanda Rodríguez abondará na educación afectivo sexual dos mozos e das mozas, dos nenos e nenas. Porá como exemplo o recurso Yoiyo e a sexualidade. Misión en Ultreia, o primeiro destas caractetisticas en España, que eu coñeza, un xogo de educación sexual que aborda a sexualidade dende un modelo integrado. O meu artigo fala do deporte como un espazo onde a identidade sexual tropeza.

"No ámbito do deportes houbo unha autentica caza de bruxas. Os corpos das mulleres son escudriñaddos e sufriron humillacións tales como ser contempladas espidas ou mesmo analizar o tamaño dos seus clítores."

-Por que?

-No ámbito do deporte é unha norma ríxida a separación dos sexos e os xéneros como se non houbera unha posibilidade de confluencia. Dende o modelo patriarcal considérase que o home ten máis cualidades para todos os deportes, e como a muller non vai conseguir esas marcas facemos outra competición secundaria e paralela na que non se pode colar ningún home porque sería superior. Iso provocou que se producira unha autentica caza de bruxas para identificar as que non son mulleres. No deporte, os corpos das mulleres son escudriñaddos e sufriron humillacións tales como ser contempladas espidas ou mesmo analizar o tamaño dos seus clítores.

-Tamén se aborda neste A Fondo a violencia que afecta as identidades que transgreden no sexual....

-Outro dos artigos aborda a violencia dentro das relacións de parella homosexuais, outra identidade que sae dese binarismo home masculino-muller feminina heterosexuais. Tamén se abonda neste A Fondo na violencia nas redes, como as TICS incorporan un novo espazo para manter a violencia que lamentabelmente existe na nosa sociedade contra estes sectores poboacioanis, e mesmo perfeccionala.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios