ALBERTE MERA, COORDENADOR DO AFONDO

"A mocidade ten que superar a frustración e convertela en rebelión"

A xeración máis preparada que Galiza pariu é unha nova xeración perdida para o país. Alberte Mera, secretario xeral de Galiza Nova, fálanos do A Fondo que estamos a cociñar para esta quinta feira.

alberte mera 370

-Que non podía faltar nun A Fondo sobre a mocidade galega?

-Non podían faltar as principais problemáticas que sofremos como mozos e mozas deste país, entre elas o drama da emigración, a precariedade laboral, o abandono do rural, e coa crise, a recesión en dereitos e o aumento da desigualdade que padecen @s moz@s galeg@s.

-Iso é un problema non só para a mocidade do país senón para o futuro do país, como se dá a ver no suplemento...

-Un país que perde a súa mocidade ten un problema hoxe pero tamén para mañá. Que non haxa políticas que favorezan que a mocidade poida producir na nosa terra resultará nun maior empobrecemento para Galiza. É un círculo, unha dinámica que se retroalimenta e hai que rachar, para podermos vivir na nosa terra e no noso.

-Coidas que a mocidade é consciente das causas que provocan esta situación?

-Si que se clarificou entre a mocidade a identificación dos causantes destas problemáticas. Hai anos, pouco se discutía sobre o carácter antidemocrático que ten a UE, a banca, ou o goberno de Madrid. Porén, fai falta aínda reforzar unha alternativa que lle plante cara en serio. A mocidade ten que empoderarse para crear un futuro no propio país, porque nestes últimos anos de crise, de emerxencias sociais diversas, quedou claro que ninguén de fóra vai velar por nós e que os dereitos non se regalan.

-Neste A Fondo, ademais, faise análise crítica das políticas que se están a adoptar dende os gobernos estatal e galego ao redor da mocidade. Que nos podes adiantar?

-A nivel de emprego, hai distintas reformas laborais, primeiro do PSOE e logo do Partido Popular que o que fan é precarizar o pouco traballo existente, de modo que as condicións laborais son cada vez de maior explotación. Universalizan o traballo temporal e alongan os contratos en prácticas e con bolsas a cambio de máis beneficios para os empresarios, como son os contratos lixo e as subvencións con cartos públicos da seguridade social da mocidade. Iso pasa por medidas que contan coa complicidade de Rajoy, dos gobernos galego e estatal, dos sindicatos españois. O Plano de Emprego Xuvenil da Xunta de Galiza é unha cortina de fume que o único que fai é subvencionar as empresas que contraten a xente nova en precario e de  modo temporal. Así manteñen contidas as cifras do desemprego xuvenil.

"Un país que perde a súa mocidade ten un problema hoxe pero  tamén para mañá. Que non haxa políticas que favorezan que a mocidade poida producir na nosa  terra resultará nun maior empobrecemento para Galiza"

-Onde están as alternativas para romper con esta situación?

-Habería que rachar con estas normas impostas dende o PP, dende PSOE e dende a UE. A alternativa é avanzarmos en soberanía para desde nós mesmos dotarnos dun marco laboral xusto e en beneficio da mocidade e dos traballadores.

-Un dos artigos deste A Fondo está dedicado á educación. A reforma que prometía Boloña foi fume?

-Boloña vendeuse como unha modernización do sistema universitario galego e español, cando en realidade tiña dúas vertentes problemáticas. Unha, a mercantilización e a privatización da universidade. E outra, a posta en funcionamento sen o financiamento que requiría. Un dos problemas actuais que ten o estudantado galego é que o recorte de bolsas e o encarecemento das taxas obrígaos a buscar un emprego para poder pagar os seus estudos, mais non poden ao facer Boloña obrigatoria a asistencia ás aulas.

-Como se percibe no día a día esta elitización do ensino?

-É visíbel con só achegarse a un campus. Hai menos estudantes e mesmo facultades que están desertas. Coa redución drástica do número de bolsas e os efectos da crise económica nas familias, hai estudantes que teñen que abandonar os seus estudos, de modo que cada vez son menos as persoas que se forman cun espírito crítico. Atende os plans do sistema, que prefire unha sociedade con menos espírito crítico.

"Xa son moitas as despedidas que me tocaron facer a amigas, a amigos, a xente da miña idade, cos que medramos xuntos, e non porque queiran ver mundo. "

-Todas estas problemáticas increméntanse no caso das mozas, e a elas se lle dedica un dos artigos deste AFondo. Que poderemos ver nel?

-No caso das mulleres hai unha triple opresión. A discriminación que padecen nótase nos postos de traballo, en salarios inferiores, en menor presenza nos postos de decisión e, co ascenso da dereita e do Opus, na posta en marcha de políticas que buscan relegar a muller a roles impostos tradicionalmente, como o fogar e os coidados. Tal se pode ver coa Lei de Familia da Xunta de Galicia ou coa redución das axudas de dependencia. Cárganse,  polo tanto, nas mozas  os coidados e empúrraselles cara á volta ao fogar. 

-Precisamente, a entrevista do A Fondo é, nesta ocasión, a unha muller nova, a cantautora Alba María…

-Alba María é unha nova cantautora. Ten 19 anos. Con só escoitala tres segundos, envolve. Eu coñecín Alba nun peche nun instituto protestando contra a LOMCE, cando aínda nin se coñecía o nome da LOMCE. A partir de alí fomos coincidindo en moitos espazos. Sorprende pola súa sensibilidade cara ao noso país e cara á nosa poesía. Como di ela, o seu primeiro disco titúlase "Aínda" non porque esteamos xa cansos, senón porque aínda temos moito que facer. É un chamamento para conquistar o futuro. O futuro é noso e da mocidade.

-Como vive un mozo coma ti esta situación?

-Xa son moitas as despedidas que me tocaron facer a amigas, a amigos, a xente da miña idade, cos que medramos xuntos, e non porque queiran ver mundo. Vense na obriga de facelo porque acabaron os seus estudos e non puideron acceder ao primeiro emprego, ou, en caso de terse incorporado ao mercado laboral, fixérono en condicións de absoluta explotación. Cada vez quedamos menos e con menos dereitos. Hai frustración nos mozos e nas mozas galegas, pero hai que superala e convertela en rebelión. 

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios