A FONDO SOBRE EXCLUSIÓN URBANA E XERINTRIFICACIÓN

As miserias da cidade escaparate ao descuberto

Os centros históricos das cidades viran en escaparates dos que se expulsa a colectivos desfavorecidos. Analizámolo no A Fondo desta semana, disponíbel nos quiosques do país e na nosa loxa.

capa 380

Vigo é o último laboratorio dun proceso de lavado cara que afectou, nos últimos anos, a cidades como Barcelona e Bilbao. Os cascos históricos déixanse degradar de maneira moitas veces interesada para favorecer o xurdimento de procesos de especulación. Coa escusa da cidade soñada, da cidade fermosa, rematan por expulsar os colectivos desfavorecidos que nela habitaban. As cidades viran escaparate e deixan de ser, cada vez menos, espazo público, da cidadanía e para a cidadanía, para converterse en lugares de consumo. É o que se coñece como xentrificación, ao que se lle dedica este A Fondo coordenado, dende Vigo, polo historiador Eduardo Rodríguez Saiz e o traballador social Diego Lores Correa.

"Que é unha cidade? É un compoñente de miles de formas de vivir e de ser, ou é soamente a parte que queres ensinar e o resto o botas para que non se vexa?", pregúntase Antón Bouzas, ex coordenador do Colectivo Imán, centrado na atención a persoas en exclusión social. Bouzas atendeu durante anos, no casco vello vigués,  a persoas con drogodependencias, sen teito e empobrecidas no local municipal do programa Sereos que o concello clausurou para trasladar a unha furgoneta. Na entrevista que ofrece para Sermos Galiza abonda nas consecuencias do peche do local  na redución da calidade do servizo ofertado: son agora menos os seus usuarios e usuarias e mesmo se reduciu o material de inxección intercambiábel que se repartía entre persoas con drogodependencias.

"Céntrase de maneira especial no caso de Vigo: a transformación e os procesos especulativos no seu casco vello, en zonas durante anos degradadas e interesadamente abandonadas."

Abandono e degradación

O A Fondo desta semana introdúcenos na problemática da xentrificación e nas súas distintas etapas: abandono e degradación dunha zona urbana, estigmatización dos colectivos que alí viven, especulación, encarecemento do nivel de vida, expulsión da súa poboación orixinaria e consolidación da zona para o turismo e o comercio. Abonda, así mesmo, nunha das súas múltiples caras, a banalización do espazo público para o turismo, e céntrase de maneira especial no caso de Vigo: a transformación e os procesos especulativos no seu casco vello, en zonas durante anos degradadas e interesadamente abandonadas.

"As nosas cidades, os nosos barrios, están en constante transformación e a cidadanía ten que ser un suxeito activo no presente e no futuro do ecosistema no cal nos tocou vivir", destacan os coordenadores deste novo A Fondo. "Se non construímos as cidades, alguén o fará por nós."

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios