GONZALO CONSTENLA COCIÑA O PRÓXIMO A FONDO

"Menos galego significa menos traducións, menos tradutoras/es e piores condicións"

Malia á súa invisibilidade e á precariedade das súas condicións, a tradución en galego destaca pola súa calidade. Descubrímolo no A Fondo desta semana, a saír do prelo esta quinta feira 5 de marzo.

-Por que neste momento te animaches a propornos un A Fondo sobre tradución?

O galego, desde o momento da súa aparición como lingua, sempre tivo na súa axenda, parello ao seu desenvolvemento, a tradución. Nestes momentos críticos para o futuro da nosa lingua mais tamén de grandes oportunidades, o papel do diálogo e as pontes de comunicación con outras linguas e culturas segue a ter unha relevancia fundamental.

-A tradutora Eva Almazán é a persoa entrevistada neste A Fondo. Almazán fixo parte da equipa premiada co premio estatal de tradución por virar ao galego o Ulises de Joyce. Que supuxo este premio para a cultura galega e para o eido da tradución?

"Eva Almazán e a súa xeración déronlle un pulo preciso á tradución de obras contemporáneas. Isto, xunto con algún período de políticas decididas a prol da tradución, fixo que se vivise unha época dourada"

-Puxo en evidencia que, a pesar da obvia concorrencia desigual con outras tres linguas, o noso idioma é quen de cumprir as mesmas funcións, coa mesma e mesmo superior calidade que calquera outro. Nuns tempos de desvalorización a mantenta, o premio volveunos facer lembrar que o das linguas e as culturas non é unha cuestión de cantidade, mais de autenticidade.

--Eva Almazán pertence a unha nova xeración de tradutoras e tradutores profesionalizados que estudaron na Universidade de Vigo. En que medida esta nova xeración supuxo unha revolución para a tradución en galego?

-Eva e a súa xeración déronlle un pulo preciso á necesidade de que o público lector tivese a oportunidade de ler en galego non só clásicos da literatura universal, mais tamén obras contemporáneas. Isto, xunto con algún período de políticas decididas de investimento público a prol da tradución, fixo que as editoriais apostasen e publicasen e que, dalgún modo, se vivise unha época dourada para a tradución que, mal que ben, abriu un camiño polo que agora máis xente quer transitar.

-A tradución é unha profesión que se desenvolve en condicións de precariedade, tal e como se explicita neste A Fondo. Como se manifesta esa precariedade?

"Á endémica invisibilidade das persoas tradutoras, ás que son mulleres súmaselle a propia invisibilidade de xénero."

-Isto fai parte dun todo. Menos galego significa, en primeiro lugar, máis desalento, pero tamén menos libros, menos lectores, menos traducións, menos persoas tradutoras e piores condicións laborais. Mais nunca choveu que non escampase. As necesidades persisten e as persoas que lle dan saída seguen estando aí, mellor formadas do que nunca, dispostas a capear este temporal.

-O artigo de María Reimóndez fala da situación das tradutoras. En que medida esa precariedade é maior no caso das tradutoras? Existen cifras da porcentaxe que as mulleres supoñen no ámbito da tradución?

"O debate respecto á tradución do portugués e ao portugués non se resolverá definitivamente até que se produza o re-encontro, natural e necesario, entre os dous pobos e a súa lingua."

-É dificil atinar nunha cifra, e habería aínda que falar dos diferentes tipos de tradución. Mais é claro que son maioría. Porén, á endémica invisibilidade das persoas tradutoras, ás que son mulleres súmaselle a propia invisibilidade de xénero. Segue habendo quen pensa que, no caso da tradución oral, cando a fai unha muller é unha secretaría e cando é home, un intérprete.

-Carlos Quiroga posiciónase no seu artigo a respecto das traducións do galego ao portugués e viceversa. En que medida está presente este debate no mundo editorial galego actual e como se soluciona?

-É un debate que leva estando aí desde sempre, e que non se resolverá definitivamente até que se produza o re-encontro, natural e necesario, entre os dous pobos e a súa lingua. Mais é un debate arriquecedor, que pon en cuestión tabús e preconceitos, que acaba por beneficiar o galego e a súa internacionalización, e tamén por abrirlles os ollos a moitos dos nosos irmaos e irmáns do sul.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios