xoves 23/09/21
XOÁN DOLDÁN, COORDENADOR DO A FONDO DESTA SEMANA

"Máis de 455.000 persoas en Galiza poderían estar en situación de pobreza enerxética"

En Galiza, a pobreza enerxética afecta ao duplo de fogares do que en 2006 e é mesmo causa de mortes. O profesor de Economía, Xoán Doldán, afonda nesta realidade no AFONDO que fai parte do número 130 de Sermos Galiza, esta quinta feira nos quiosques.

-Que debemos entender por pobreza enerxética?

En xeral aplícase este concepto a aqueles fogares que ou ben son incapaces de facer fronte aos gastos ocasionados polos gastos enerxéticos (luz, calefacción...) ou que deben destinar unha parte excesiva dos seus ingresos a pagar a factura enerxética da vivenda. Aínda que habería que dicir que o concepto ten ido mudando e facéndose menos restritivo que cando comezou a utilizarse.

-Que é o que fai pertinente neste momento abordar esta problemática?

Convén abordala, por unha parte, pola extensión acadada e, por outra, porque fai aflorar outras cuestións máis profundas como a da inseguridade crecente no acceso á enerxía, como ese acceso non é universal e como pode verse reducido en pouco tempo. O problema é máis grave por estarmos ás portas dunha grave crise enerxética mundial, co actual escenario de cénit de extraccións do petróleo convencional e non lonxe para os non convencionais e outras enerxías fósiles que son a base do noso sistema enerxético.

-Como afecta de maneira específica aos fogares galegos?

Segundo o estudo “Pobreza Energética en España. Análisis de Tendencias” a proporción de fogares en Galiza que destinan máis do 10% dos seus ingresos –o que se considera un gasto excesivo –  en consumos de enerxía é dun 18% en 2012, é dicir, serían máis de 455 mil persoas no noso país as que se encontran nesta situación, máis do duplo das que había en 2006.

"Segundo o estudo “Pobreza Energética en España. Análisis de Tendencias” a proporción de fogares en Galiza que destinan máis do 10% dos seus ingresos en consumos de enerxía é dun 18% en 2012"

-Indícase neste A Fondo que a pobreza enerxética é mesmo causa de mortes. En que medida isto acontece en Galiza?

Ese mesmo estudo estima a taxa de mortalidade adicional de inverno atribuíbel á pobreza enerxética polos efectos sobre a sáude. Este indicador permite aproximar o número de mortes prematuras que poderían evitarse nas persoas de idade máis avanzada de non existir vivendas insuficientemente climatizadas no inverno. O promedio anual de mortes por esta causa en Galiza de 1996 a 2011 estaría entre 200 e 800 persoas, dependendo o criterio de cálculo que pode elixir.

-Formulas, no teu artigo para o A Fondo, esta pregunta: "Podemos permitirnos estragar recursos enerxéticos que, usados doutro modo, poderían salvar ou mellorar a vidas das persoas?". A que te refires?

Refírome ao feito de que, dispoñendo de recursos enerxéticos limitados, actuamos como se tivésemos sobreabundancia, de modo que a estragamos de mil modos: fomentando un transporte por estrada moi ineficiente en termos enerxéticos; separando os centros de produción dos de consumo; con planificacións urbanísticas que segmentan o espazo separando os lugares de residencia dos centros de traballo, das zonas comerciais, de servizos ou de lecer e que obrigan a unha mobilidade continua; subvencionando empresas automobilísticas ou aéreas e recortando transporte público; con actuacións municipais que estenden sen control os puntos de alumeado público; coa proliferación de edificios públicos onde ficou asusente a preocupación polo aforro e a eficiencias enerxéticas; coa subvención a empresas intensivas no uso de enerxía; cos consumos enerxéticos superfluos, etc. Utilizada doutro modo, esa enerxía resolvería moitas das situacións de probreza enerxética.

"O promedio anual de mortes por esta causa en Galiza de 1996 a 2011 estaría entre 200 e 800 personas, dependendo o criterio de cálculo que pode elixir."

-Falamos da pobreza enerxética dos fogares galegos. Mais Galiza é pobre enerxeticamente? En Galiza existen recursos enerxéticos suficientes para evitar a carestía enerxética?

Somos pobres se consideramos que non temos recursos enerxéticos propios suficientes para manter a sociedade tal e como está configurada. Porén, existe un potencial en enerxías renovábeis –sobre todo hidráulica e eólica– hoxe amplamente explotado que non debe ser desprezado. Mais isto non elimina a nosa dependencia enerxética, xa que o maior consumo é de carbón, petróleo e gas natural importados. Deberíamos cuestionar o papel de Galiza como fornecedora de enerxía eléctrica e derivados do petróleo para a exportación ao resto do Estado e reformular seriamente os usos e prioridades internos

"Deberíamos cuestionar o papel de Galiza como fornecedora de enerxía eléctrica e derivados do petróleo para a exportación ao resto do Estado"

-Cales serían solucións de acceso democrático á enerxía para familias, aldeas, comunidades de veciños, explotacións agrarias, etc.?

É preciso camiñar para aumentar a capacidade de autoabastecemento de todos eles e ir cara á unha xeración eléctrica distribuída e coa participación directa da poboación. Mais para conseguilo é necesario mudar o actual marco legal que vai en dirección contraria.

 -Como se estrutura este A Fondo? Que contidos centran os artigos?

-Buscouse que o tema da pobreza enerxética en Galiza fose tratada desde diferentes perspectivas. O artigo de Ángela Troitiño mira o tema desde o ámbito xeral da pobreza que existe na sociedade. O de Rosa Mª Regueiro céntrase, sobre todo, na perspectiva da crise económica actual. Miguel Anxo Abraira faino enfrontándoo coa situación enerxética galega. Manuel Casal convídanos a unha reflexión sobre o propio concepto de pobreza enerxética e, finalmente, o meu artigo tenta servir de ponte entre esas perspectivas, destacando a dependencia enerxética nas nosas vidas e a vulnerabilidade na que estamos.

"Xa non é problema duns poucos ou doutros países, nos países desenvolvidos agora é un fenómeno cotiá."

-Sendo unha realidade existente de vello, porque o concepto é actual, e ademais, importado?

Os temas da pobreza, en xeral, tenden a ser considerados problemas de segundo rango pola economía ortodoxa.  Considérase que, co paso do tempo e con fórmulas que favorezan o crecemento económico, a pobreza acabará por desaparecer. Sendo a pobreza enerxética unha das súas manifestacións, tampouco se lle prestou moita atención, a pesar de que a padezan millóns de persoas en todo o mundo desde hai tempo. Desgrazadamente as desigualdades e a exclusión, lonxe de retroceder, aumentaron e a crise ampliou os límites da pobreza. Con menores ingresos reais familiares e cunha elevación considerábel dos prezos da enerxía, o número de familias en pobreza enerxética medrou de forma notábel en países onde antes era máis residual. Xa non é problema duns poucos ou doutros países, nos países desenvolvidos agora é un fenómeno cotiá.

"Máis de 455.000 persoas en Galiza poderían estar en situación de pobreza enerxética"
comentarios