F. BLANCO. COORDENADOR DO AFONDO

"A limitación do principio de xustiza internacional afecta a persecución da barbarie sionista"

Lonxe quedan os tempos nos que o estado español era referente na aplicación do principio de xustiza internacional.

Fernando Blanco
photo_camera Fernando Blanco

As presións de China ou Israel explican a reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial que coarta a aplicación do principio de xustiza internacional. Fernando Blanco, presidente de Esculca, fálanos do A Fondo desta semana.

-Por que xurdiu a idea de facer este A Fondo?

-En Esculca pensamos que debe haber unha continuidade no traballo de defensa de dereitos entre a acción de observación e denuncia "a pé de obra" e a reflexión de fondo sobre as causas e fins das políticas de restrición de dereitos. Nesta segunda liña encádrase a coordinación deste A Fondo.

-Por que consideras interesante neste momento unha reflexión sobre a xustiza internacional e o papel que xoga o estado español ao respecto?

-Hai razóns de orde interna, como a recente modificación da Lei Orgánica do Poder Xudicial no seu artigo 23.4 , que limita o principio de universalidade da xurisdición penal do Reino de España. As razóns de orde externo son evidentes, cunha orde internacional baseada no principio de forza, onde son retransmitidas por televisión execucións sen decisión xudicial ou masacradas poboacións civís invocando actos de retribución. Voltemos os ollos a Gaza nestas datas, agredida impunemente polo estado sionista de Israel .

-Como cambia o panorama o cambio lexislativo efectuado este ano?

-No A Fondo analizase en extenso a limitación do principio de universalidade da xurisdición penal da Audiencia Nacional. Mais, de novo no ámbito doméstico, a amputación das competencias de xustiza universal dos xuíces centrais de instrución vén subliñar o exclusivo carácter de tribunal excepcional penal da AN, eliminando as funcións que servían como coartada aos escasos sectores progresistas que aínda podían defender a existencia deste tribunal .

-Considera que a cidadanía en xeral é consciente do que isto supón?

-Difícil cuestión aventurar una opinión sociolóxica semellante. Mais asumindo o aventurado da opinión, a nosa sociedade, polo menos de xeito intuitivo, percebe a continuidade na actuación do poder político entre esta limitación da persecución internacional de ilícitos penais horrendos no ámbito internacional e as limitacións de dereitos que sofre a cidadanía. 

No A Fondo analizase en extenso a limitación do principio de universalidade da xurisdición penal da Audiencia Nacional

-Lonxe quedan tempos nos que o estado español era referente cando, nos 90, a Sala do Penal da Audiencia Nacional confirmou a competencia da xurisdición española para coñecer dos crimes de lesa humanidade das ditaduras arxentina e chilena. Estamos ante un desprestixio do estado español en relación co seu papel en temas de xustiza internacional?

-Sen dúbida. Mais este desprestixio correspondese á posición do Reino de España tanto en política internacional como no respecto á lexislación interna e supranacional nas súas fronteiras. 

-Neste A Fondo abórdanse polo miúdo causas abertas na xustiza española como o caso de José Couso ou o ataque á "flotilla da liberdade". Tamén, a querela na Arxentina polo xenocidio franquista. Por que se seleccionaron estes casos?

-A pretensión na selección era destacar que esta reforma non é inocente ideoloxicamente, que non é unha mera cuestión técnica procesual, senón que ten una fonda carga política que afecta a casos en que hai un elevado consenso social como acontece co caso Couso, os crimes no franquismo ou o intento de perseguir a barbarie sionista.

-Quen colabora neste A Fondo?

Colaboran persoas galegas como a profesora Pilar Allegue, autora do primeiro dos artigos e profesora de Filosofía do Dereito na Universidade de Vigo. Tamén escribe para o suplemento Gustavo García, un dos avogados da querela que presentaron as vítimas do golpe franquista na Arxentina ou o activista de BDS-Galiza, Bletxu Valeiras, que aborda o tema da impunidade de Israel. Contamos tamén coa importante colaboración de Raúl Maíllo, un dos avogados do chamado Caso Couso, e entrevistamos a unha figura sobranceira na defensa práctica da xurisdición universal, o avogado arxentino Carlos Slepoy.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios