GAÑADOR DE "SERMOS NO OBXECTIVO"

"Ideas como esta provocan maior conexión entre o xornal e quen o le"

Coa súa cadeliña Troika como protagonista, Borxa Castro conseguiu ser o gañador indiscutido do "Sermos no obxectivo". Recibirá, debalde, unha subscrición gratuíta ao semanario ao longo dun ano. 

borxa-castro-400
photo_camera Borxa Castro

Hai cousa dun mes botamos a andar na nosa páxina de facebook o concurso "Sermos no obxectivo", con motivo da saída aos quiosques do noso número 100. Queriamos fotos que amosaran o día a día das e dos nosos lectores co semanario e Borxa Castro, un mozo de 27 anos residente en Pontevedra, achegounos unha imaxe tenra e peculiar: a súa cadeliña Troika e mais el semellando ler con plena concentración o xornal. Vane Lains fíxose co segundo premio, cunha foto lendo Sermos coa torre Eiffel de fondo, e Alfonso Lains co terceiro, coa imaxe dun michiño lector.

-Como soubeches do concurso "Sermos no obxectivo?

-Habitualmente sigo Sermos pola rede, pola súa web e polo facebook, e, cando a economía o pemite, compro o semanario. Polo uso das redes sociais foi como coñecín o concurso.

-Es lector habitual de Sermos, entón…

-Eu adoito repasar as novas todos os días, e Sermos é un dos xornais que teño como lectura habitual.

-Ha moito que segues Sermos?

-Xa dende que naceu o proxecto interesoume, dada a falta de medios en galego.

-Que é o que che achega fronte a outros medios?

-O que me achega, que non me achegan os medios convencionais, é o uso do galego. Poder ler un xornal que está feito na miña lingua e no noso país, mirando o noso país, para min é algo importante, que non fan outros medios. Algo que considero moi importante é a voz que lle dá aos movementos sociais neste país, que son fundamentais para a construción nacional.

Para que o xornal siga medrando, eu creo que habería que conectalo con sectores educativos, coa universidade, coa mocidade

-Que é o que te animou a dar o paso a participar no concurso? Es afeccionado á fotografía?

-A min gústame a fotografía. Ademais intento, cada vez que podo, comprar o Sermos. Animeime a participar por varias razóns. A primeira, para poder optar ao premio. E ademais, por axudar a darlle difusión ao proxecto. Pareceume, ademais, un concurso bastante orixinal.

-E fixéchelo con Troika, a túa cadeliña…

-Sempre nos dixeron que era moi fotoxénica. A estampa da foto é a que se adoita dar habitualmente na casa. A cadela ao lado do xornal, mentres eu leo e analizo as novas. Moitas veces chega a miña compañeira á casa e ve a estampa: semella que os dous estamos sentados lendo o xornal concentrados.

-E contabas ter o éxito que tiveches?

-A verdade é que non. Pensei que igual o resto dos participantes se implicarían máis á hora de buscar apoios. Non agardaba que recibira tantos votos.

-E ti que estratexias utilizaches para buscar apoios na rede?

-Compartín a foto no meu perfil en facebook, os amigos axudaron a difundilo, e xunto cunha man que botou a familia… foi a estratexia que usei. Tiña pensado unha estratexia de difusión pero ao final non fixo falta. De todos modos, foi mais ben grazas ao apoio de xente que non coñecía de nada que conseguín ese éxito. Foi algo que me sorprendeu. Houbo xente tamén coa que falei e que non coñecía o xornal, así que foi unha maneira de conseguir que esa xente soubera de Sermos.

-Gañaches, ademais, con moita diferenza con respecto ao resto dos participantes…

-Si, fun o primeiro sorprendido, e creo que tivo moito que ver o uso dun animaliño.

-Animarías a Sermos a que volvera con algunha outra iniciativa similar? Gustaríache achegar algunha idea ao respecto?

-Eu creo que, cara á difusión do xornal, ideas como esta están moi ben, porque implican as persoas como suxeito principal da actividade, e provoca unha maior conexión entre o xornal e a persoa. Para que o xornal siga medrando, eu creo que habería que conectalo con sectores educativos, coa universidade, coa mocidade, porque a mocidade sempre vai ser o futuro, e afondar no pensamento crítico e seguir sendo altofalante dos movementos sociais.Traballar coa mocidade é fundamental porque somos, quizais, os que estamos máis desconectados.

-Ti formas parte desa mocidade, dese perfil de xente nova moi conectada coas redes sociais. A aposta polas redes sociais é importante, para un medio como Sermos, para conectar cunha xeración como a túa…

-A xente da miña idade é moi activa nas redes sociais e na adquisición de información mediante internet. Reforzar a presenza dos medios nas redes sociais sería importante porque, para ben ou para mal, para a xente da miña idade é o principal portal que usan para adquirir información.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios