RODRI SUáREZ, COORDENADOR DO CADERNO DE AGOSTO

"A idea é facer un caderno que reflicta o verán galego popular e activo"

Reportaxes, literatura, conversas, a emoción dos lugares contada en primeira persoa… Eses serán os vimbios de Caderno de Agosto, que coordena o xornalista Rodri Suárez e conta con colaboradores como Xurxo Souto ou Xabier P. Docampo. 

selfirodri3
photo_camera Selfie de Rodri Suárez

Esta quinta feira, co vindeiro número do Sermos Galiza en papel, estrearemos un novo suplemento, o noso caderniño de verán, que substituirá, até finais de agosto, ao A Fondo, o noso cartafol de análise. Rodri Suárez, o seu coordinador, adiántanos nesta entrevista algunhas pistas sobre os seus contidos.

-Agosto, festa, praia, descanso… e Sermos. Cal vai ser o espírito deste caderniño de verán?

-Pois sen traizoar o que significa Sermos, engadir outro ton, que sexa consciente das datas nas que nos atopamos pero sen caer nese erro tan común que é relacionar o verán coa frivolidade sen contido. Unha persoa en bañador, ou biquini, ou espida nunha praia non se converte automaticamente en alguén sen cerebro. Ao contrario, un areal −por poñer o exemplo que máis relacionamos con este tempo− é natureza, ecoloxía, e sobre iso hai moito que contar, igual que un festival de música ou unha festa popular é cultura, palabras maiores que se poden adaptar perfectamente a un caderno xornalístico que engada certas licenzas felices que estes días están no ambiente. E tamén procuren achegar algo de orixinalidade e valentía, por certo, disto último xa demostra moito Sermos ao encargarlle a coordinación a alguén coma min, que considera que o calor é unha das cousas máis sobrevaloradas do mundo.

-Que o diferenciará doutros caderniños de verán?

-Simplificando, na prensa escrita hai dous modelos de caderno de verán. Un é aquel que converte todo nunha festa de datos sobre quilos de churrasco e actuacións de divas españolas detrás da cal prevalece o baleiro e o folclorismo aderezado de fotos da famosa televisiva con curvas en tal paraíso inalcanzábel. Un horror. Outro é aquel que aproveita para dar saída a toda a información cultural que tiñan na neveira sen publicar. Está algo mellor pero nótaselle o destempo. A idea nosa –porque este é un traballo en equipo por moito que eu sexa o coordinador– é facer un caderno que reflicta o verán galego popular e activo e que ademais sexa o único do quiosque no que non apareza nin unha soa foto de tipos con polos náuticos con escudo de elite e bandeira española no pescozo.

-Cal vai ser a súa estrutura?

-Son oito páxinas, será accesíbel e rápido, pero tampouco de usar e tirar. Reportaxe, literatura, memoria festeira, conversas e a emoción dos lugares contada en primeira persoa. Eses son os vimbios.

-Podes adiantar algún nome de persoas que colaborarán?

-Teremos o luxo, por exemplo, de contar coa escrita de Xavier P. Docampo.

-Haberá unha dobre páxina reporteiril. Que tipo de temas terán cabida?

 "Intentaremos contar o verán doutro xeito, sen negar a imaxe directa e a grandeza do pracer pero remexendo no que hai detrás."

-Abriremos con iso, si. Intentarán contar o verán doutro xeito, sen negar a imaxe directa e a grandeza do pracer pero remexendo no que hai detrás. Por exemplo, como che dicía antes, onde algúns se limitan a dicir “tanta xente comeu tantas vieiras e escoitou a tal artista” pois nós intentaremos contar tamén os esforzos heroicos das xentes que hai detrás desas festas, sobre todo das que nacen desde a base, e os contidos que ofrecen, as súas razóns e o seu contexto. Con alegría pero con cabeciña. Preferiremos contar as posibilidades de gozar dun ecosistema sen danalo que caer nesa parvada de animar as masas a ir a tal lugar a deixalo feito un desastre, que no fondo lanzan a mensaxe que o bonito é querer ser como Puerto Banús. E non, iso é o peor.

-Unha das dúas páxinas literarias estará dedicada ao relato erótico. Unha débeda pendente da literatura galega? Conseguiremos confirmar iso que nalgunha ocasión ten comentado Helena González de que un bo relato erótico só se pode ler cunha man?

"Co relato erótico apostamos polo pracer, comezando polo que se denomina íntimo, que é unha forma de emancipación de grande potencia."

-Xunto a Docampo, na dupla páxina literaria estará Pepe de Pura con ese tipo de relatos de alta temperatura interna. Supón algo bastante novo na prensa galega e unha forma de rachar con tabús. Apostamos polo pracer, comezando polo que se denomina íntimo, que é unha forma de emancipación de grande potencia. As mans pertencen a cada quen, no sentido no que falamos que @ lector/a as use como queira e lle preste. O importante é que non serán páxinas pensadas para Rouco Varela, non. Por fortuna.

-Ti terás unha sección de entrevista no caderniño. Como a vas enfocar? Que tipo de personaxes van ser obxectivo das túas preguntas?

-Eu levo lustros sen tomar o sol nunha praia, sonche máis de terrazas. E as entrevistas intentarán ser con xente talentosa e coñecida coa que me gustaría compartir un vaso nunha delas, falando con naturalidade e o máximo humor posíbel, tamén porque ás veces cunhas risas é como se alcanza o máis lúcido ton crítico contra todo o que non nos gusta, por certo.

-Terás de compañeiro de páxina a un amigo e compañeiro na vida real, Xurxo Souto. Que nos podes adiantar da súa sección?

-Ademais de ser o meu amigo, persoa fundamental na miña vida e co que paso moito tempo ultimamente a raíz dun libro que saquei sobre Os Diplomáticos, Xurxo Souto é unha das cabezas máis interesantes desde país. E cuns coñecementos enciclopédicos que sabe transmitir dun xeito único, nada pedante. A súa sección chamarase ‘Somos un Pobo de Artistas’, para lembrar esa gran verdade que enuncia e que desde círculos oficialistas queren agochar. E supoño que haberá algún recordo para o XX aniversario dese estoupido rebelde e festeiro que foi o bravú, claro.

-A páxina de peche do suplemento será o Recuncho. En que consistirá?

-Con isto das postais bonitas eu teño algún escepticismo. Coas postas de sol ou eses paraísos  que cando visitamos subimos en foto ao Facebook para presumir, por exemplo, a min pásame que non creo que se poida aplicar o de que “unha imaxe vale máis que mil palabras”. As paisaxes e os lugares gañan moito cando teñen unha historia detrás. E co Recuncho intentaremos que xentes deste país, das que tod@s coñecemos, conten a súa experiencia persoal neses sitios que aman cunha paixón que moit@s compartimos pero que non só representan unha bonita imaxe, senón tamén emocións persoais.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios