"O humor gráfico é unha forma de sacar fóra a raiba"

Ticiana Ghigliote é a nova colaboradora gráfica de Sermos Galiza, quer no semanario quer no dixital. A súa personaxe, Dina Mita, achéganos, desde a retranca e unha ollada aceda, a actualidade. A súa autora descríbenola: feminista, crítica e soberanista.

DSC_0755
photo_camera [Imaxe cedida pola entrevistada]

Ticiana Ghigliole é a autora de Dina Mita. Ou, en certa maneira, é Dina Mita. Esta arxentina afincada desde hai dez anos na Galiza, de raíces asturianas e uruguaias, é, antes de máis, unha artista. E desde esta semana, unha nova colaboradora de Sermos Galiza. Ergo, unha máis na nosa comunidade.

De onde vén a túa faceta de humorista gráfica?
Estudei Belas Artes. De feito, sempre dixen que ía ser artista. Ao rematar a universidade fixen o CAP e logo un mestrado de Ilustración en Pontevedra. Cando rematei os estudos non tiña traballo e farta de tantas voltas ocorréuseme comezar con isto do humor gráfico. Foi unha maneira de sacar fóra a raiba e a impotencia por non poder vivir do que estudei. É unha forma de terapia. [Ri].

Quen é Dina Mita?
En certa medida é un alter ego. É unha rapaza de 9 anos moi crítica coa realidade que estamos a viver por mor da crise e a que gosta de estar informada, sobre todo escoitando a radio. Dina Mita quere pór no punto de mira aqueles acontecementos que descolocan á xente. Ao comezo, cando creei a páxina de Facebook, tiña medo de non poder publicar cando menos un cadriño ao día, mais agora teño nun caderno unha morea de ideas. A realidade supérame.

Non son habituais as mulleres no mundo do humor gráfico. De feito, ningún xornal dos de maior tiraxe ten mulleres. Por que acontece isto? Ti das boa conta de que as hai.
Non queren que se nos vexa, como en tantos outros espazos, pois se te pos a buscar, en todos eles hai mulleres. Mais nós para saír temos que nos mover máis do que calquera home. Dina Mita fica claro que é feminista.

Vés de te incorporar como colaboradora de Sermos Galiza, que é para ti este medio?
Dina Mita e eu propia temos unha visión crítica da cultura, do territorio... e cremos que os pobos teñen dereito a decidir sobre o seu propio destino. Neste senso, Sermos é un exemplo clarísimo diso e un símbolo.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios