CARLOS VARELA, FISCAL SUPERIOR DE GALIZA

"Hai que vencer actitudes neglixentes e rutinas descoidadas"

Entrevistamos para o AFONDO desta semana o fiscal superior de Galiza, Carlos Varela, sobre a situación do patrimonio cultural. É unha das 8 páxinas que dedicamos a aprofundar neste asunto. O caderno íntegro, aquí na nosa loxa.

Carlos-Varela

Carlos Varela achega propostas cara á unha nova lei do patrimonio e apunta, tamén, responsabilidades sobre o seu abandono. A Igrexa e a Administración levan a súa parte.

-Cal é o tipo de delitos máis frecuentes en relación co patrimonio cultural galego?

-Un dos delitos mais frecuentes é a apropiación indebida de bens que constitúen o Patrimonio Histórico, empregando detectores de metais en zonas onde se ten coñecemento da existencia de xacementos arqueolóxicos para posteriormente comercializalos de forma ilegal. Tamén se coñecen espolios, a través da tecnoloxía radar, para a detección de bens somerxidos baixo o mar, e o contrabando, referido á importación ou exportación de bens sen autorización da Administración, sempre que o seu valor sexa igual ou superior os 150.000 euros. E, por suposto os clásicos roubo/furto, receptación e danos contra o patrimonio, figuran entre os delitos mais representativos.

-Cal é o perfil da persoa que comete este tipo de delitos?

-Hai delincuentes ocasionais que actúan aproveitando os descoidos en museos, exposicións, pazos, arquivos, bibliotecas e librarías. Hai delincuentes habituais, relacionados co consumo de droga, que cometen a subtracción para financiar a súa adicción. Este tipo de delincuentes non representan demasiados problemas e adoitan ser facilmente detidos e recuperadas as pezas porque descoñecen os circuítos de comercialización. Finalmente, estarían os delincuentes profesionais como os máis perigosos, polos seus coñecementos artísticos, e con capacidade para seleccionar as obras mais valiosas e as vítimas.

"As Administracións que descoiden este patrimonio poderán ser demandadas por vía contencioso-administrativa por quen teña interese"

-Que tipo de patrimonio é o máis afectado?

 -Os ben culturais da igrexa son moi cobizados polos criminosos. As accións espoliadoras afectan aos bens culturais mobles (escultura sacra, pintura, xoias litúrxicas, campás, libros e documentos); ao patrimonio integrado (retábulos, altares, cadeiras, mosaicos, azulexos…); ao patrimonio non cultural (caixas de esmolas), e ademais están os danos e actos de vandalismo sobre estes mesmos bens. No patrimonio subacuático destacan as áncoras e os canóns antigos, e no chamado “patrimonio menor” destacarían os hórreos, cruceiros e petos de ánimas que fornecen o mercado ilegal de esculturas en pedra.

CARA Á UNHA NOVA LEI DE PATRIMONIO

-Estase a preparar unha nova lei de patrimonio. Que aspectos urxe máis actualizar?

-Na Memoria do ano 2010 desta Fiscalía fíxose a proposta de actualizar os principios xerais de actuación: inventario, clasificación, coordinación, inspección e prevención, información, interpretación, accesibilidade e consulta e creación dun sistema integrado de xestión do patrimonio inmoble. Incidiuse tamén na mellora dos instrumentos de colaboración da Administración Pública con outras entidades e particulares. E abordáronse os dereitos e deberes especiais dos titulares dos bens culturais, as limitacións sobre a súa transmisión, a desclasificación do patrimonio cultural e a inclusión do concepto de parque arqueolóxico e o patrimonio fonográfico e fotográfico.

-Como actuar para a protección do patrimonio en terreos de uso forestal, en propiedades moi fragmentadas, e sen un control por parte da Administración das cortas?

-A destrución dolosa ou impudente de castros, mámoas, dolmens e xacementos arqueolóxicos está castigada no Código Penal. É importante que se denuncien estes feitos para poder actuar contra os seus autores. As Administracións que descoiden este patrimonio poderán ser igualmente demandadas por vía contencioso-administrativa por quen teña interese. Desde a Fiscalía Superior reclamamos un marco lexislativo que nos permita defender tamén este patrimonio cultural a través dunha acción civil pública, como ocorre noutros países da nosa contorna.

"A Fiscalía Superior concluíu o seu traballo no programa Igrexa Segura. Só falta que Igrexa e Administración queiran materializalo"

O PATRIMONIO ECLESIÁSTICO

-Na época do roubo do Códice Calixtino, vostede manifestou a súa preocupación polos graves problemas de seguridade das igrexas rurais. Mellorou a situación?

-Queda un longo camiño por percorrer. Hai que vencer actitudes neglixentes e rutinas descoidadas. Os nosos veciños portugueses ensínannos como debemos actuar. Recentemente tiven ocasión de presentar unha ponencia sobre esta materia no Instituto Andaluz de Arte Contemporáneo (Sevilla), que verá a forma de libro, onde se dá conta dun manual de procedementos básicos para a prevención contra os delitos de apoderamento ilícito dos bens culturais da Igrexa. Nel recóllense as propostas máis avanzadas sobre a protección deste patrimonio, onde xogan un papel esencial os inventarios en liña e a base de datos de obxectos subtraídos.

-A Fiscalía Superior de Galiza promoveu hai un par de anos o programa “Igrexa Segura-Cultura Protexida”. En que estado se encontra?

-A Fiscalía Superior concluíu o seu traballo, só falta que os outros parceiros (Igrexa e Administración) queiran materializalo.

"Abondan os receptadores sen escrúpulos, algúns coleccionistas particulares e, a maior parte, comerciantes de porta pechada, que coñecen moi ben o medio e os respectivos circuítos"

-Manifestaba recentemente que o panorama criminolóxico adquire contornos preocupantes tanto a nivel nacional como internacional…  A que se refire?

-Detectáronse grupos organizados que se desprazan por distintas comunidades, adoitan pertencer a grupos étnicos cunha tradición ambulante antiga que controlan gran parte do negocio de compravenda de antigüidades de pequena e media calidade. A través de ligazóns familiares e comunitarias obteñen información sobre pezas interesantes e o seu emprazamento. Tamén abondan os receptadores sen escrúpulos, algúns coleccionistas particulares e, a maior parte, comerciantes de porta pechada, que coñecen moi ben o medio e os respectivos circuítos, conseguindo colocar rapidamente os bens no estranxeiro aproveitando o espazo sen fronteiras Schengen. Cando os obxectos saen ao estranxeiro é difícil localizalos e non resulta fácil restituír un obxecto de arte roubado. A Unión Europea, consciente deste problema, aprobou unha Directiva para a restitución dos bens culturais, que permite reclamar pola vía civil os bens culturais exportados ilicitamente. España asumiu e ratificado esta Directiva mediante unha lei.

Esta entrevista fai parte do A FONDO sobre o patrimonio cultural de Galiza que publicamos no número 118 do noso semanario Sermos Galiza, disponíbel nos quiosques do país e tamén na nosa loxa. Podes facerte con el por separado a un prezo de 0,50 céntimos.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios