Un A Fondo sobre a sexualidade feminina alén tabús

A reivindicación da sexualidade feminina, alén do pracer masculino como único fin, continúa aínda a ser unha revolución pendente. Abordámola no A Fondo desta semana, coordenado pola profesora e sexóloga María Lameiras. Faite con el na nosa loxa por apenas 0,50 euros.

a fondo capa

A concepción do corpo e da sexualidade da muller en función en exclusiva do pracer do varón é unha das manifestacións sexistas con máis vixencia. Do descoñecemento da sexualidade feminina, mesmo da súa propia anatomía e potencialidade para o pracer, é bo símbolo a ignorancia ao redor do clítoris. A sexóloga María Lameiras, coautora da exitosa guía O clítoris e os seus segredos, coordina o A Fondo desta semana, que aborda cuestións como a reivindicación do clítoris e do pracer feminino, as liberdades sexuais e os dereitos reprodutivos, e as novas manifestacións da violencia de xénero, como a "dating violence" nas parellas de adolescentes, ou o "sexting", que ten no acoso cibernético unha das súas consecuencias.

"O clítoris empodéranos"

"Que a natureza dote as mulleres dun órgano dedicado enteiramente ao pracer outórganos un poder – empodéranos– que representa o mesmo tempo unha ameaza e convértenos en branco da orde patriarcal", afirma Lameiras no artigo introdutorio. A sexóloga, docente na Universidade de Vigo, denuncia a ablación non só física, senón tamén cognitiva do clítoris, e desvela as estratexias de desvalorización e ocultación deste órgano, coas que no seu momento se aliou o pai da psicoloxía moderna, Sigmund Freud.

Entrevista con Puri Mayobre

"A educacion sexual é moi deficiente e está baseada en descricións anatómicas censuradas", afirma a filósofa feminista Puri Mayobre na entrevista realizada para Sermos Galiza.  

 "A educación sexual é moi deficiente e está baseada en descricións anatómicas censuradas", afirma a filósofa feminista Puri Mayobre na entrevista realizada para Sermos Galiza. Mayobre, profesora de Filosofía na Universidade de Vigo, conta con ampla experiencia, tanto dende os libros como dende as aulas, na aplicación da perspectiva feminista e de xénero. Nunha das investigacións na que participou, sobre os libros de texto máis utilizados, ponse de manifesto o déficit en contidos sexuais, que se centran só no anatómico e, aínda así, ignoran a existencia do clítoris ou da masturbación feminina.

As novas caras da violencia de xénero

A "dating violence", manifestación que a violencia de xénero adopta nas primeiras relacións de parellas de adolescentes, e que estala mesmo nas primeiras citas, é obxecto de análise por parte de Yolanda Rodríguez, do campus ourensán da Universidade de Vigo.  "Esta violencia comeza cada vez a unha idade máis temperá. Sitúanse os primeiros episodios violentos entre 11 e 17 anos", explica.

O "sexting" nace, como termo, da unión dos conceptos "sex" e "texting", e supón o  envío, recepción e reenvío de contidos sexuais. O intercambio de material erótico adoita facerse nun espazo de confianza, coa persoa coa que se mantén unha relación, mais unha vez esta rota, pode ser empregado como acoso e chantaxe. "É preciso ter en conta que o Sexting leva consigo unha serie de consecuencias para quen o practica, e moi especialmente para as e os adolescentes, derivadas da perda do control das imaxes",  destaca a autora do artigo, Patricia Alonso Ruido.

Reparamos, tamén neste A Fondo, nas violencias sufridas polas sexualidades non heteronormativas. A homosexualidade, castigada co cárcere ou coa pena de morte aínda en certos países, en occidente, segue a ser branco de violencias máis sutís, aínda que nalgúns casos, non tanto, como os casos de bullying que teñen levado ao suicidio a adolescentes como, en 2013, a asturiana Carla.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios