NO SEU CENTENARIO

O A Fondo recupera a memoria de Ramón de Valenzuela

Valenzuela foi o primeiro autor galego en escribir sobre a experiencia da represión, e a súa loita, nacionalista e de esquerda, levouno ao cárcere e o exilio. Dedicámoslle o número 87 do caderno A Fondo.

O A Fondo desta semana recupera a memoria de Ramón de Valenzuela, escritor, galeguista e un dos grandes esquecidos do país. Este 2014, no que se lle decidiu dedicar o Día das Letras a Filgueira Valverde, medrado ao calor do réxime franquista, fanse tamén cen anos do nacemento deste intelectual que loitou en dúas guerras, viviu o exilio e militou nas filas do Partido Galeguista, primeiro, e logo do comunismo. O recoñecemento á figura de Valenzuela, alén o seu concello natal, Silleda, é materia aínda pendente, tal e como recoñece Matias Rodríguez da Torre, coordenador deste A Fondo.

A dimensión política e a literaria

O heroísmo de Valenzuela, afirma Xoán Carlos Garrido, un dos colaboradores deste A Fondo, levouno a "expoñer a vida por un pobo que non llo pedía nin llo agradecía", combatendo nas frontes, nas cadeas da Gestapo, na deportación, na loita clandestina, condenado a morte. Este A Fondo analiza a súa figura política, o contrapunto que supuxo na posguerra fronte á figura de Piñeiro, e as coordenadas da súa ideoloxía política, dende a súa traxectoria no Partido Galeguista até a militancia, no últimos anos da súa vida, no Partido Comunista Galego, mais sen perder a concepción de Galiza como nación.

Foi o primeiro escritor galego en deixar plasmada a memoria da represión xa nos anos 50, coa súa novela Non agardei por ninguén

Da man do profesor e investigador Manuel Igrexas, o especial repasa a súa traxectoria vital. O caderno de análise de Sermos Galiza incide de maneira destacada no valor literario da súa obra, monolingüe en galego, que ocupa porén un lugar secundario nos manuais. Foi o primeiro escritor galego en deixar plasmada a memoria da represión xa nos anos 50, coa súa novela Non agardei por ninguén, á que lle deu continuidade, xa iniciados os 80, en Era tempo de apandar. Da súa vocación polo teatro, da que fala a actriz Cristina Collazo,  deixa constancia na escrita da obra As bágoas do demo. O filólogo Alejandro Breijo reivindica a reedición dos seus libros que, hoxe en día, dificilmente se poden localizar nos andeis.

O recoñecemento á figura de Valenzuela, alén o seu concello natal, Silleda, é materia aínda pendente

Entrevista a Mariví Villaverde

Mariví Villaverde, viuva de Valenzuela e figura destacada polo seu compromiso coa recuperación da memoria historia, evoca os anos compartidos co que foi, durante décadas, o seu compañeiro. "Ramón querería que todo o que se podía ter feito daquela se fixera agora", afirma. E engade, en relación cos actos de celebración do seu centenario en Silleda, o seu concello natal: "Menos mal que se lle dedica algo a Ramón porque así serve para contrarrestar a homenaxe das Letras Galegas a Filgueira, que non tivo méritos".

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios