Un A Fondo sobre as novas caras da diáspora

O A Fondo desta semana desmonta tópicos ao redor da emigración, actualiza as caras da diáspora e descobre o potencial da colectividades da Galiza exterior. Coordínao, dende Bos Aires, a xornalista Débora Campos. Podes mercalo na nosa loxa.

capa 350

"Como a propia Galiza, a diáspora que fomos construíndo polo mundo adiante cambia, medra, faise complexa, con idas e voltas", afirma Débora Campos, xornalista filla da emigración que coordenou, dende Bos Aires, este A Fondo. "Galiza ─explica─ é un pobo espallado no mundo. Chegará o día no que alguén decida articular esa rede planetaria en beneficio de todos."

O suplemento de análise de Sermos conta, neste número, coas colaboracións do alumnado do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires, único centro oficial de ensino fóra da Galiza; de Micaela Fernández, a creadora da revista virtual "Foeminas"; dos escritores Francisco Castiñeira, e Eduardo Estévez, que escriben dende a súa experiencia migratoria, e de Gabriel Rei Doval, que o fai dende Estados Unidos e ao redor da experiencia dos Estudos Galegos en Norteámerica. Así mesmo, Víctor Freixanes, o entrevistado desta semana no A Fondo, fala de Mar Maior, o proxecto editorial co que a editorial Galaxia quere levar o libro galego aos mercados hispanoamericano, europeo e estatal.

"Como a propia Galiza, a diáspora que fomos construíndo polo mundo adiante cambia, medra, faise complexa, con idas e voltas", afirma Débora Campos

Educar na galeguidade

O alumnado de quinto ano de bacharelato do Instituto Santiago Apóstol conta a experiencia do centro educando na galeguidade dende a diáspora. Nel estudan na actualidade 544 cativ@s e moz@s, dende os dous até os 18 anos. "Supuxo a culminación de moitas dificultades, inquedanzas e esforzos que a colectividade emigrante soubo sobrepoñer para cumprir o soño que os galegos da diáspora ambicionaban dende tempos pretéritos, proporcionar unha educación de calidade aos seus descendentes para convertelos en dignos sucesores e transmisores da esencia patrimonial galega".

Micaela Fernández aborda a emigración dende a vivencia das mulleres. "Galiza -di- é unha nación atravesada pola experiencia da emigración, pero esa experiencia non se presenta de xeito similar en varóns e en mulleres".

"O A Fondo desta semana incide nas potencialidade da diáspora, do feito de contarmos cun gran potencial creativo e humano ao longo do mundo."

 

A emigración dende a escrita

Os escritores Francisco Castiñeira e Eduardo Estévez son exemplo das moitas caras que hoxe en día adopta a diáspora. O de Castiñeira é o relato do escritor galego que procura seguir adiante coa creación na súa lingua malia as dificultades que implica facelo dende a emigración. Estévez, nado en Arxentina e residente en Galiza dende hai case dúas décadas, fala da súa experiencia migratoria volvendo á terra d@s anterg@s e asumindo a súa lingua para a escrita.

O potencial da diáspora

O A Fondo desta semana incide nas potencialidade da diáspora, do feito de contarmos cun gran potencial creativo e humano ao longo do mundo. Faino a través de dúas iniciativas. Por unha banda, a creación dun MLA en Lingua, Literatura e Cultura Galega en Estados Unidos, co que o galego quedará incorporado na principal asociación académica das linguas e das humanidades en xeral, a Modern Language Association. Por outra, da man do editor Vítor Freixanes, a experiencia do proxecto editorial Mar Maior, que no verán creou filial en Bos Aires, e que foi xa presentado en Bruxelas e en Madrid.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios