UN A FONDO EN HOMENAXE

No crisol de Francisco Carballo

O A Fondo desta semana -nos quiosques esta quinta feira- abonda nas moi diversas facetas que constituían a figura de Francisco Carballo: o teólogo, o nacionalista, o historiador e o político.

No A Fondo desta semana -na quinta feira nos quiosques do país, na cuarta feira xa na nosa loxa- adentrarémonos nese perfil poliédrico que encarnaba Francisco Carballo: teólogo, historiador, nacionalista, político, sindicalista, promotor cultural e dono de tantas outras facetas fundidas nun mesmo crisol, como a de ter sido durante anos o presidente do consello de administración de A Nosa Terra, ben como compoñente do grupo promotor de Sermos Galiza. O caderniño de Sermos convértese así en homenaxe á persoa, ao intelectual e ao activista, falecido en novembro do pasado ano.

O A Fondo reúne a colaboración de persoas próximas a Carballo nas súas diferentes vertentes. O investigador Santiago Prol, organizador  da homenaxe a Francisco Carballo en Maceda o pasado decembro, ganduxa as verbas deste intelectual na fronteira do eclesial e sempre na cerna do debate político e social, para tecer con elas unha caste de autorretrato. O texto fai así unha rápida panorámica vital, dende o seu nacemento en Maceda, os anos nun frío seminario da posguerra, o seu contacto co independentismo en Euskadi como superior da orde de San Vicente de Paúl en Barakaldo e a súa etapa como reitor do teologado en Salamanca, até a súa volta a Galiza, as súas investigacións como historiador, os intensos anos de activismo cultural e sindical en Vigo ou o seu paso pola primeira liña da vida política, como candidato da coligazón BN-PG por Ourense nas eleccións de xuño do 77.

Crente, nacionalista, activista

Rubén Aramburu, dende a revista Irimia, e Engracia Vidal, dende a publicación Encrucillada, fan unha achega a Carballo dende a súa implicación con ambos os dous proxectos de pensamento cristián. Presentan, así, a un Carballo comprometido, até os últimos días da súa vida, co espírito de renovación e inculturación da Igrexa emanado polo Concilio Vaticano II, próximo á Teoloxía da Liberación. "Na encrucillada de Paco (...) prendeu unha nova luz ─expón Vidal─ Asume os cambios que se producen na Igrexa universal e dá un xiro a súa vida, sen voltas atrás"

"Xan Carballa achéganos o retrato do activista político e social e á súa participación  nos sindicatos e nas organizacións clandestinas dos anos 70."

O historiador Anselmo López Carreira destaca o papel de Carballo na construción nacional a partir da súa investigación ao redor do pasado de Galiza. Defíneo como un historiador influenciado pola escola marxista e a dos Annales, que prioriza, fronte á historia d@s poderos@s, a investigación crítica ao redor das dimensións políticas, económicas, sociais e culturais. E lembra como mesmo chegou a ser sancionado por tal papel, procesado por cualificar de asasinato a morte de Moncho Reboiras.

Xan Carballa achéganos o retrato do activista político e social, a súa influencia na xuventude nacionalista dos anos 70, a súa participación  nos sindicatos e nas organizacións clandestinas do nacionalismo e o seu papel como promotor cultural e no mundo editorial. "Estaba ao día, estudando de continuo, moderno, avanzando sincrónico co seu tempo até o alento final, sempre actual, sempre curioso. Botamos en falta o seu respirar", recoñece.

O avogado Antón Gómez é o protagonista da entrevista deste A Fondo. Fálanos de Francisco Carballo dende a ollada e o sentir de quen foi, primeiro, discípulo seu e logo amigo. A el tívoo como guía dende a época de estudante na orde dos Pauís, na Universidade Pontifícea de Salamanca na que Carballo era rector e el estudante, e logo como o cura obreiro que Gómez foi até a súa secularización.

*Fotos de Xan Carballa

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios