O A Fondo desta semana aprofunda no mundo da permacultura

A permacultura naceu como unha forma de agricultura que combina a ecoloxía e saberes ancestrais. Hoxe é moito máis: unha disciplina baseada non só no respecto á terra, senón tamén ás persoas que nos rodean. Descubrímoscha neste A Fondo. Telo aquí, na nosa loxa.

a fondo capa

O caderno de análise de Sermos Galiza aprofunda esta semana neste termo transgresor de raíz e descóbrenos as iniciativas que, ao respecto, existen na Galiza: dende hortos ecolóxicos e urbanos até iniciativas de bioconstrución e explotacións agrarias que fan dela, o seu modo de vida. Entrevistamos, ademais, ao biólogo galego César Lema, nome de referencia no ámbito.

Bugui García fala dende a súa experiencia de traballo en Permacultura Louro, nunha finca de 8.000 metros cadrados no Porriño. Dende ela, introdúcenos aos principios non só éticos, senón tamén para o deseño de proxectos e iniciativas, que a permacultura implica, e que abrollan non só no campo senón nos espazos urbanos. "Nas cidades medran iniciativas de Permacultura urbana que experimentan en solares e terrazas, reúnense en grupos de consumo, compran con moedas locais e impulsan cooperativas de educación e saúde".

A permacultura é, segundo o coordenador do suplemento, Marco Antonio Torres, "un potencial de futuro para nós e para o planeta

De bioconstrución fala a arquitecta Carmen Añón Ambroa, especialista en Ecodeseño. "Bioconstruímos -explica- combinando o mellor da sabedoría popular, baseada no lugar, coas tecnoloxías modernas apropiadas, coa innovación, deseñando e creando espazos onde satisfacer as necesidades humanas dentro dos límites dos ciclos naturais".

O A Fondo fai panorámica, ademais, da situación da permacultura na Galiza e repara tamén na súa práctica con dous exemplos contados en primeira persoa. Sara Cifuentes, labrega, conta a súa experiencia en Biochousa, unha iniciativa dedicada ao cultivo e comercialización de produtos de horta ecolóxica. Marco Antonio Torres "Oso" fálanos das hortas-escola dende a súa vivencia como monitor no Horto Infantil Ecolóxico de Carballo.

César Lema, con diversas publicacións no ámbito, é o entrevistado desta semana. Defende a redución do traballo agrícola, que implica o emprego de insumos contaminantes, e unha maior práctica do traballo de recolección. "Sempre que ti fas agricultura, sexa ecolóxica ou tradicional, necesitas uns insumos. Para rasurar a terra, precisas gasóleo. Hai que tender a unha agricultura que implique menos insumos. A recolección non ten ningún tipo de gasto enerxético". No seu último libro, Manual de Cocina Bellotera para la Era Post Petrolera, propón a redución de cultivo de cereal e a súa substitución polo cultivo do carballo, que tamén permite a produción de fariña a partir da landra.

A permacultura é, segundo o coordenador do suplemento, Marco Antonio Torres, "un potencial de futuro para nós e para o planeta. Só falta que vaiamos descubrindo o termo para explorar as súas posibilidades, o noso potencial".

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios