A BLOGOSFERA GALEGA, A ANÁLISE

O A Fondo debulla no blogomillo

Que foi do "blogomillo"? Cal é a situación da blogosfera galega? No A Fondo desta semana (aquí na nosa loxa) navegamos sobre a actualidade das nosas bitácoras.

"Cos blogues pasa como coa enerxía: nin se crea nin se destrúe, transfórmase". Quen así fala é Martin Pawley, un dos blogueiros históricos do océano galego das bitácoras e o entrevistado do A Fondo desta semana. No caderno de análise de Sermos Galiza, esta semana tomámoslle a temperatura á blogosfera galega. Fronte ao tópico que reza que as redes sociais foron estocada de morte, os blogues manteñen a súa vixencia como arquivo e para unha escrita máis repousada.

O A Fondo conta, nesta ocasión, coa coordenación de Tati Mancebo, blogueira e consultora de medios dixitais. As oito páxinas do suplemento repasan a evolución do chamado blogomillo, as relacións humanas creadas ao seu redor, e o seu papel como arquivo permanente fronte ao efémero das redes sociais. Aliás, abonda nos blogues de tecnoloxía e nun dos ámbitos onde as bitácoras máis proliferan, a escola, así como nas posibilidades que o formato ofrece para un ámbito da creación como é a fotografía.

"Os blogues manteñen a súa vixencia como arquivo e para unha escrita máis repousada"

Na intrahistoria do blogomillo

A escritora Uxía Casal, autora do blogue Gradicela, afonda nos vínculos humanos creados ao redor das bitácoras. Ela, que leva once anos habitando no "blogomillo", fai historia, ou máis ben intrahistoria, da súa evolución. "Dominaba entón entre a xente blogueira a colaboración, o afán de compartir e o desexo de cooperar ante algo novo para nós", relata.

"A ferramenta empregada para aglutinar o que somos na rede determina os marcos do que poderemos facer ou non", expón Pedro Silva, xestor e impulsar de Blogaliza, que se debruza sobre o papel que xogan como arquivo os blogues, esa ferramenta na que un autor ou autora, publica contidos de forma periódica que son ordenados cronoloxicamente.

Iago Varela, a persoa por tras do blogue "Mallando no Android", analiza o panorama dos blogues tecnolóxicos en Galiza. "Trátase dun tipo de publicación -afirma- que esixe unha actualización permanente moi sacrificada, sen levar a cabo unha profesionalización que, se xa é moi difícil de por si, aínda o é máis escribindo nunha lingua minorizada como o galego".

Blogues, creación e educación

Gracia Santorum, profesora e blogueira, analiza o papel dos blogues no ámbito escolar. Blogues de aula, de bibliotecas, dos equipos de normalización lingüística, clubes de lectura…, a "edublogoesfera" galega é vizosa. Os blogues son, para Santorum, "unha ferramenta idónea para o ensino porque dá unha total liberdade de adaptación a calquera materia ou nivel educativo".

" Poida que xa non fagan falta etiquetas como o blogomillo, porque a blogosfera galega é xa tan ampla que xa non é preciso, como no inicio, unha marca que aglutine"

Tamén para a fotografía os blogues abren novas posibilidades. Paula Gómez del Valle fala dende a súa experiencia como blogueira e fotógrafa, autora dunha bitácora excepcional, por ser de fotografía e en galego. "O blogue -di- é unha ferramenta perfecta para que a fotografía atope un lugar máis alá dunha sala de exposicións temporais".

"Os blogues -conclúe a coordenadora, Tati Mancebo- continúan a súa andaina a día de hoxe, coa diferenza de que xa non son novidade e, polo tanto, o seu alcance vén determinado pola calidade e a pertinencia dos contidos". Poida que xa non fagan falta etiquetas como o blogomillo, porque a blogosfera galega é xa tan ampla que xa non é preciso, como no inicio, unha marca que aglutine e dea visibilidade, tal e como apunta Martin Pawley. Porén, segue aí  e  mantén a súa vixencia, malia aos cambios derivados da eclosión das redes sociais.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios