Un A Fondo desde o corazón do IES Poeta Díaz Castro

Esta quinta feira, o semanario Sermos Galiza dedica o seu A Fondo ao autor homenaxeado no Día das Letras Galegas. Será un A Fondo moi especial, un A Fondo realizado integramente polo IES Poeta Díaz Castro, con participación destacada do alumnado.

.
photo_camera .

O corazón deste 17 de maio está no IES Poeta Díaz Castro. Desde hai dez anos, cando se mudou o nome do centro, toda a comunidade educativa traballa por difundir a obra e a figura do poeta dos Vilares. Agora, despois de moito traballo e entusiasmo, están de festa e unha das conmemoracións é o noso A Fondo realizado integramente polo centro educativo, con participación destacada do alumnado. 

Desde a directora até pais e nais ou traballadoras e traballadores, toda a comunidade educativa leva dez anos traballando para que se recoñeza a dimensión do poeta Xosé María Díaz Castro. Aí naceu a proposta de mudar o nome ao centro, a idea de pendurar en toda a fachada o nome “Penélope” evocando o poema máis coñecido do autor, de elaborar un documental todo feito na casa para difundir a súa figura e de petar con forza na rúa Tabernas para que as portas se abriran ao autor de Nimbos. 

"Trátase do primeiro A Fondo que se elabora desta maneira, co alumnado dun centro público como principal protagonista".

Agora están de festa e esta sexta feira estrean “Os camiños esquencidos”, unha curtametraxe de ficción que reconstrúe unha historia na que Díaz Castro é protagonista a través dun vello que cre ser o poeta. Nesa mesma xornada, ás 11 horas, no propio IES o conselleiro delegado de Sermos Galiza, Xoán Costa presentará o A Fondo que esta semana ten unha autoría moi especial xa que nace no propio centro e ensino público que reivindica desde hai dez anos a Díaz Castro. 

Trátase do primeiro A Fondo que se elabora desta maneira, co alumnado dun centro público como principal protagonista. O A Fondo é do IES Díaz Castro desde a primeira até a última páxina e, alén dos materiais elaborados polo propio alumnado, a directora do centro, Olga Aguiar e o presidente de Xermolos e ex-profesor do IES e amigo e gran coñecedor de Díaz Castro, Alfonso Blanco, relátannos a maneira de traballar de forma participativa durante todo este tempo e a integración de toda a comunidade educativa nun proxecto conxunto. 

Alén diso, as palabras de Díaz Castro vistas polo alumnado, os relatos sobre o poeta ou as visións persoais dun alumnado para o que o 17 de maio é o seu día, o Día das Letras Galegas que tanto tempo levan agardando, a festa da que todos e todas son partícipes. 

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios