COORDÉNAO A SEXÓLOGA MARÍA LAMEIRAS

O A Fondo bota luz sobre a intersexualidade

Son o 1,7% da poboación segundo apuntan estudos científicos, mais están por completo ocultos. Son os corpos censurados. Para elxs vai o A Fondo desta semana, xa disponíbel na nosa loxa.

capa A Fondo 480

Non hai quizais aserto máis incuestionado que a división dos sexos en muller e home. Ocultos e censurados quedan os corpos que non se encadran neste binomio, que incorporan á vez características femininas e masculinas, malia a supor, segundo a bióloga Anne Fausto Sterling, un 1,7% da poboación. O A Fondo desta semana, coordenado pola sexóloga María Lameiras, bota luz sobre a intersexualidade e outras realidades trans.

"Outras identidades lexítimas se erguen fronte á rixidez das identidades incluidas neste modelo hexemónico"─afirma Lameiras nun dos artigos do caderniño─. As persoas que están detrás de todas as identidades coas que se presentan no novo escenario social xa non queren nin poden seguir agochadas".

O caderniño desmitifica os mitos ao redor do binarismo de sexo, considerando construída e non natural a división entre mulleres e homes. Á marxe fican así  identidades que van dende as persoas intersexuais, aquelas transxénero, cuxo sexo biolóxico non coincide co seu xénero psicosocial, e as persoas homosexuais, lesbianas e bisexuais, alén a heretosexualidade dominante.

Os "outros" sexos

"As "transgresións" anatómicas poden ir dende xenitais ambiguos como clítores máis grandes do que se considera normal, até micropenes, ou combinacións cromosómicas máis aló da dualidade XX/XY"

As "transgresións" anatómicas, explica María Victoria Carrera, noutro dos artigos do A Fondo, poden ir dende xenitais ambiguos como clítores mais grandes do que se considera normal, até micropenes, ou combinacións cromosómicas máis aló da dualidade XX/XY, como poden ser a Síndrome de Klnefeiter. Están tamén as alteracións hormonais, como a Síndrome de insensibilidade a andróxenos, co que se diagnostica a persoas XY cromosomicamente mais con corpos femininos por ser os seus receptores dos andróxenos cegos á testosterona.

O A Fondo desta semana aborda, ademais, a violencia intraxénero, que non está contemplada na actual lexislación ao redor da violencia machista. É a violencia que se dá ao interior das parellas con lesbianas, gays, bisexuais, transexuais ou intersexuais.

Acoso e violencia

Así mesmo, repararemos no papel de Internet e das redes sociais na configuración das identidades sexuais, na súa dobre vertente: como espazo para a organización colectiva mais tamén coo espazo para o acoso e a violencia. Entre os avances, o recoñecemento por parte de facebook incluíse un novo caixón baleiro no que as persoas poidan escribir o que consideren en relación co seu xénero.

"A identidade intersexual non ten oportunidades de competir nas regras do binarismo, até cando?", pregúntase Lameiras.

No A Fondo reivindícase, así mesmo, un espazo diferente para a educación sexual, de carácter integrador, máis aló dunha visión en exclusiva hixiénica que incide nos riscos máis que na visión dunha sexualidade en positivo. Nesta liña sitúase un novo recurso educativo, Yoiyo e a sexualidade. Misión en Ultreia (Madrid: Dikynson).

Discriminación no deporte

Pecha o A Fondo cunha reflexión sobre a discriminación á intersexualidade no ámbito do deporte, onde, en verbas de María Lameiras, se ten levado a cabo unha auténtica caza de bruxas contra aquelas mulleres cuxa feminidade era cuestionada.  "A identidade intersexual non ten oportunidades de competir nas regras do binarismo, até cando?", pregúntase Lameiras.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios