O A Fondo bota luz sobre a figura de Suárez Picallo medio século despois do seu pasamento

O caderno de análise de Sermos Galiza -xa disponíbel na nosa loxa bota luz sobre textos descoñecidos deste nacionalista, que chegou a ser secretario xeral e presidente do Partido Galeguista.

O AFONDO -esta quinta feira 2 de Outubro nos quiosques do país, na súa condición de suplemento do semanario Sermos Galiza- contén oito páxinas, en total, que queren esclarecer a vida e o pensamento deste activo político e xornalista que bebeu tanto das fontes ideolóxicas do marxismo de principios de século como do Partido Galeguista, e do que boa parte da súa obra aínda é descoñecida.

O suplemento conta cunha entrevista ao escritor Xosé Neira Vilas, que coincidiu con Suárez Picallo nos anos do exilio en Arxentina, así como con artigos de bos coñecedores da obra, como o historiador Justo Beramendi, e os colaboradores de Sermos Galiza, Xoán Carlos Garrido e Cilia Torna, quen coordena este A Fondo.

Cilia Torna descóbrenos os inicios de Suárez Picallo na vida política, como destacado sindicalista en Arxentina, a onde emigrou xa nos seus anos mozos, e militante tanto das Xuventudes Socialistas e do Partido Comunista Arxentino. Repara, así mesmo, no encontro de Suárez Picallo co nacionalismo e a súa incorporación ao Partido Galeguista, na súa volta á terra, así como o seu labor como parlamentario nos anos da II República.

Ponte cara á unha nova xeración nacionalista

"O historiador Justo Beramendi perfila a Suárez Picallo como pioneiro da esquerda nacionalista"

Xoán Carlos Garrido analiza os anos da Guerra Civil e do exilio, as súas relacións cos partidos da esquerda estatal e as súas discrepancias con destacados galeguistas como Castelao, Bóveda e Otero. Justo Beramendi, pola súa banda, perfila a Suárez Picallo como pioneiro da esquerda nacionalista e ponte cara á unha nova xeración nacionalista que será de inspiración maioritariamente marxista.

Xosé Neira Vilas dá testemuño do activismo político e cultural de Suárez Picallo no exilio. Fai memoria da súa relación coas Mocidades Galeguistas na Arxentina e co seu papel no Consello de Galiza e no Consello da Emigración.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios