MARCO ANTONIO TORRES, “OSO”

“Falar de permacultura non interesa nos medios”

O coordenador do A Fondo que estamos a cociñar para esta quinta feira teno claro. Falar de permacultura non interesa. O termo é transgresor de raíz. Naceu como unha forma de agricultura radicalmente respectuosa coa terra, pero agora vai máis aló: un modo de vida alén o capital.

oso vertical

-Por que consideras que a permacultura non ten máis presenza mediática?

-Non interesa algo como a permacultura nos medios. Non ten repercusión porque non hai beneficio económico detrás. Non hai forma por agora de que o mercado se faga co pastel. Que estea nos medios é importante para dala coñecer. E sobre todo é importante que a xente que manda empece a saber o que é.

-A permacultura naceu como un modo de agricultura respectuoso coa terra, mais agora vai moito máis aló. No suplemento explicamos, no artigo introdutorio, o modo en que a permacultura se entende agora. Para quen non saiba o que a permacultura é, como se podería definir de maneira sinxela?

-A permacultura é unha ciencia multidisciplinar de deseño que engloba as relacións humanas e medioambientais. Naceu como un modelo de agricultura, pero estendeuse moi rápido. Ten uns principios éticos moi claros, e tamén uns principios de deseño. Basicamente, consisten no respecto e na sostibilidade, a nivel humano e social.

-En que consiste a permacultura como modelo agrícola?

-A agricultura actual é causante de gran parte do cambio climático. Simplemente o modelo de transvase do produto dunhas zonas a outras supón unha queima de combustíbel bestial. Dentro do ámbito da permacultura, na agricultura sinérxica a terra non se laborea e imítanse os patróns da natureza.

"Dentro do ámbito da permacultura, na agricultura sinérxica a terra non se laborea e imítanse os patróns da natureza."

-A permacultura aplícase tamén aos modelos de construción. Neste A Fondo fálase da bioconstrución. En que consiste?

-A bioconstrución procura construír buscando o menor impacto ecolóxico posíbel. Para iso hai que pensar no gasto enerxético que require calquera tipo de material que se utilice. O cimento é unha das causas máis importantes de contaminación do mundo. Seguindo á permacultura, adáptanse a cada zona os principios de deseño e éticos. Non é o mesmo construír no Colorado, onde o teito das casas ha de estar ao nivel do chan, ca en Galiza, onde a madeira sería o material recomendábel, malia a ter mala sona no país por considerarse que non aguanta..

-No suplemento abórdase  a situación da permacultura en Galiza. Que nos podes adiantar?

-Malia ao silencio e o descoñecemento da permacultura en todos os medios, eu penso que si está habendo un boom, soterrado, ao igual que no tema da agricultura ecolóxica. Para min o exemplo máis claro é a cooperativa integral do Noroeste, baseada na cooperativa integral catalá.

-En que consisten as cooperativas integrais?

-Trátase de vivir dunha maneira máis razoábel. Moita xente, con distintas actividades, con distinto tipo de producións ou bens, xúntanse nunha cooperativa e fan intercambio entre eles á marxe do sistema económico imperante. Teñen moeda propia, banco de traballo e unha serie de condicións propias. É como unha especie de burbulla dentro do mercado. Por agora, a catalá, que foi a primeira, funciona moi ben. Nela, ademais, tamén se traballan o mercado exterior. 

"As cooperativas integrais teñen moeda propia, banco de traballo e unha serie de condicións propias. É como unha especie de burbulla dentro do mercado"

-Ti traballaches como monitor este verán no horto infantil ecolóxico de Carballo. Nos obradoiros coas e cos cativos aplicaches os principios da permacultura. No A Fondo contas algo desta experiencia. Como foi?

-Experiencias como estas son importantes porque neles están as rendas no futuro e é moi importante que tomen conciencia. Houbo algo que me parece moi curioso. Unha cantidade considerábel de nenos preguntábanme cando iamos facer cartos. Creo que é triste. O descoñecemento por parte dos líderes do termo permacultura fai que non haxa unha aplicación en base a iso. A horta escolar está moi ben, ten un potencial enorme, o que quere dicir que hai moito potencial desaproveitado aínda.

-No suplemento, relátase tamén en primeira persoa a experiencia da empresa Biochousa, unha horta de cultivo ecolóxico en Mondariz…

-Biochousa é un exemplo claro de cómo este formato é totalmente válido e con proxección de futuro canto á economía. Galiza pódese converter co paso do tempo nun dos viveiros xa non só de España senón tamén de Europa. En Biochousa son un exemplo claro de cómo traballando de forma natural podes facer un negocio.

-No A Fondo entrevístase tamén o biólogo galego César Lema, pola súa importancia na difusión dos principios da permacultura…

-É como un apostol. É un precursor, alguén que vai por diante. Hai xente que, coma min, ou mil máis, somos afeccionados, e aos seus textos e aos seus libros acudimos para informarnos. Tendo en conta que a permacultura ten que ser aplicada en cada parte segundo as súas necesidades,  ten ademais o valor de ser galego.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios