mércores 08/12/21
SERGIO TIRADO, EXPERTO EN POBREZA ENERXÉTICA

"Que existe unha proximidade das empresas enerxéticas ao poder político é innegábel"

Entrevistámolo para o A Fondo que viu a luz co Sermos Galiza número 130. Disponíbel aquí.

Sergio Tirado Herrero 380

Coa crise, medran os fogares que non son quen de procurar calor suficiente para afrontar o inverno, unha situación que chega a producir mesmo máis mortes que os accidentes de tráfico. A conivencia entre poder político e empresas enerxéticas evita avanzar cara a outros modelos máis descentralizados.

-Vai a pobreza enerxética sempre unida a situacións de pobreza e exclusión social?

-Non todas as persoas que están en situación de pobreza monetaria sofren pobreza enerxética, e viceversa. A pobreza enerxética ten un carácter máis temporal e está relacionado con aspectos como a perda do posto de traballo ou que un inverno sexa máis frío. Vexo intereses no caso do goberno e das eléctricas ao tratar de non separar a pobreza enerxética da pobreza en xeral. Deste xeito, eliminan un problema.

-Ademais, a pobreza enerxética non só ten que ver coas dificultades das e dos consumidores para pagar, senón tamén co incremento de prezos por parte da oferta....

-Cómpre reparar en cuestións como o sistema de determinación de prezos da enerxía, que é regulado polo Estado,  a polémica ao redor dos beneficios que obteñen as compañía eléctricas, o déficit de tarifa, ou o modo en que se calcula o prezo da electricidade, pois é a tecnoloxía máis cara a que determina o prezo das restantes tecnoloxías. Así, estase a pagar a prezo de ciclo combinado de gas natural o kilowatio da hidroeléctrica e da nuclear. Existe a sospeita de que compañías eléctricas, sobre todo as grandes, como Iberdrola, poden xogar coas súas tecnoloxías para conseguir un determinado prezo nalgún momento.

-Os datos apuntan a que a situación empeorou de maneira preocupante nos últimos anos no caso do Estado español. Por qué?

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

"Existe pouco investimento en eficiencia enerxética nas vivendas xa construídas e non é ambicioso nin no número de vivendas nin na profundidade da rehabilitación."

-Sobre todo empeorou o indicador  que fai referencia á porcentaxe de fogares que gasta máis dun 10 por cento dos seus ingresos en enerxía. Segundo as estimacións da Asociación de Ciencias Ambientais, baseada na enquisa de presupostos familiares, os fogares medios en España gañaba 24.000 euros en 2008 e 22.100 en 2012. Ademais, téñenlle que facer fronte a gastos crecentes por mor da inflación. En paralelo, os gastos promedio de enerxía por fogar pasaron de 900 euros a 1.200 entre 2008 e 2012. E é moi probábel que haxa fogares que estean gastando menos en enerxía para aforrar dada a situación económica que viven. Hai un incremento do 30 por cento no gasto en enerxía e unha redución do 10% nos ingresos nominais.

-Por que consideras insuficientes as medidas que se adoptaron para mellorar a baixa calidade do parque edificatorio e a súa eficiencia enerxética?

-Segundo a fundación La Casa que Ahorra, o último código técnico da edificación é moi pouco ambicioso. Existe tecnoloxía para que as casas que se están construíndo, probabelmente por un prezo non moi superior, teñan un consumo de enerxía baixo. En 2018-2020, de feito, todos os edificios novos da UE, por directiva, teñen que ser de consumo case nulo. Por outra banda, a vivenda construída é unha parte moi pequena do stock de vivendas agora mesmo. O problema gordo está naquelas que foron construídas hai décadas. Existe pouco investimento en eficiencia enerxética nelas e non é ambicioso nin no número de vivendas nin na profundidade da rehabilitación.

"Que o pasar frío no fogar ten influencia nas taxas de mortaldade está bastante demostrado. Nun mes promedio de inverno, a mortalidade é un 20 por cento maior ca nun mes promedio do verán"

-Cal é o efecto da pobreza enerxética no incremento da mortaldade no inverno?

 -Que o pasar frío no fogar ten influencia nas taxas de mortaldade está bastante demostrado. Nun mes promedio de inverno, a mortalidade é un 20 por cento maior ca nun mes promedio do verán, e aféctalle sobre todo a persoas maiores de 65 anos, con enfermidades cardiovasculares e respiratorias. Destas mortes, segundo un estudo da Organización Mundial da Saúde publicado hai uns anos, un 30 por cento poden estar relacionadas coa pobreza enerxética. Miles de mortes en España, probabelmente por enriba das que producen os accidentes de tráfico, débense á pobreza enerxética.

-Cales serían solucións de acceso democrático á enerxía para familias, aldeas, comunidades de veciños, explotacións agrarias, etc.?

-Un dos factores que explica a pobreza enerxética é a desigualdade nas relacións entre quen subministra e quen consome, pois o poder está claramente do lado do primeiro. Hai movementos que están apuntando ao corazón desa desigualdade, como é o caso de cooperativas como Som Energia, en Cataluña. Na contra deste modelo, emprégase o argumento de que un sistema descentralizado sería máis complexo de xestionar, porque non tes un número limitado de centrais que poidas apagar ou acender segundo che conveña senón que tes que xestionar millóns de produtores. Mais coido que eses argumentos non son os que están atrasando que haxa un sistema de produción máis democrático e descentralizado.

"As grandes compañías evitan que se poida explorar abertamente se é posíbel chegar a un sistema máis democrático e descentralizado"

-Que é o que o está atrasando entón?

-Existen empresas con intereses creados moi grandes e, ademais, hai un exceso de capacidade de produción de electricidade en España. Fixéronse, antes da crise, investimento en centrais térmicas de ciclo combinado e gas natural, que están entrando en funcionamento moi pouco. Iso xera resistencia por parte das grandes compañías que evitan que se poida explorar abertamente se é posíbel chegar a un sistema máis democrático e descentralizado.

-De que forma o evitan?

-Que existe unha proximidade das empresas enerxéticas ao poder político é innegábel. E que iso é probabelmente unha das fórmulas coas que as empresas enerxéticas defenden os seus intereses, eu creo que é unha sospeita razoábel.

"Que existe unha proximidade das empresas enerxéticas ao poder político é innegábel"
comentarios