"En Escocia estase a vivir unha revolución social"

Galega, mais ligada a Escocia por fíos sentimentais dende hai anos, Pilar Fernández coordina no exterior a campaña Solidarity with Scotland, a prol do si á independencia. Nesta entrevista, fálanos do A Fondo desta semana, sobre o referendo escocés, que ela coordena.

Pilar Fernández con Alex Salmond
photo_camera Pilar Fernández con Alex Salmond, o líder independentista escocés.

-Tes un vínculo persoal con Escocia e, ademais, a convicción de que este é un proceso histórico. Pero como animaches a involucrarte máis na campaña a prol do Si?

-O primeiro paso para involucrarme moito máis decidín dalo cando Mariano Rajoy insinuou que podería vetar o reingreso de Escocia na UE. Esas declaracións están feitas adrede para que o goberno tory  puidera utilizalas contra a independencia. Foi vergonzoso como os laboristas e os tories utilizaron as declaracións de Rajoy para intentar atacar o goberno escocés, e para ter un argumento en contra da independencia. Foi un ataque dun goberno español a un proceso democrático. Por outra banda, tamén se publicara na prensa que o goberno de Westminster estaba utilizando as embaixadas e os altos comisionados, que son pagadas polos impostos dos votantes do si e do non, como vehículo para facer campaña só polo non. Propuxéronme coordinar a campaña Solidarity with Scotland dende fóra a campaña e de cabeza me metín. Entendín que Better together estaba intentando asustar a xente co discurso de que os escoceses ían quedar illados, sen apoio internacional.

-No A Fondo desta semana entrevistas o reverendo Stuart Campbell, a persoa por detrás de Wings over Scotland, medio xurdido como unha voz alternativa a favor do si…

"A manipulación e o nesgo que hai na BBC é absolutamente escandaloso. Centos de persoas, por non dicir miles, deixaron de pagar as licencias  pola BBC, e hai manifestacións en contra das súas coberturas".

-Hai unha frase que di moito a xente de Radical Indy. Non odies os medios, convértete neles, se ti os medios. A manipulación e o nesgo que hai na BBC é absolutamente escandaloso. Centos de persoas, por non dicir miles, deixaron de pagar as licencias  pola BBC, e hai manifestacións en contra das súas coberturas. En Escocia hai 37 xornais. Só seis teñen donos escoceses, e só un dominical, o Sunday Herald, se declarou a a favor da independencia. O resto só repiten insistentemente os ditados de Better Together. Isto obrigoulle á campaña do YES  a reinventar os medios.

-E Wings over Scotland é de algún modo o top ten…

 -É impresionante a información que da, a análise que fai das noticias, a comparativa que fai dos distintos medios, a neutralización da manipulación que fai. O reverendo Stuart é unha das persoas máis importantes neste proceso. Wing over Scotland chegou a ser a voz non oficial da campaña do yes. Veñen de imprimir medio millón de exemplares do pequeno libro azul, que podes ver en todos os lados, e onde se contestan xusto as preguntas claves das principais dúbidas que teñen os potenciais votantes escoceses. Noutra web similar, Bella Caledonia, pasaron de 7.000 a medio millón de lectores ao mes. O aumento de tráfico nestas páxinas web é impresionante. Son un fenómeno. A clave é esa. Non odies os medios. Convértete neles. Algo como Comunidade Sermos. E dende o meu punto de vista é o futuro.

-Outro dos artigos deste A Fondo aborda o cambio vivido na sociedade escocesa nos últimos tempos. Como a convocatoria do referendo impulsou todo un cambio social?

"O que se vive aquí é unha revolución social. Aínda que gane o non, Escocia xa deu pasos para adiante. Xa non é esa Escocia á que todo lle dá igual. Pasou de ser unha sociedade aséptica a ser unha sociedade comprometida."

- A xente está falando de política despois de séculos. Estase vivindo unha efervescencia na conciencia escocesa impresionante. O debate está na rúa, a xente opina, comunica as súas inquedanzas, explica que é o que espera deste proceso. Tanto os potenciais votantes do non como os do si, din que a sociedade xa cambiou. Os unionistas veno como unha ameaza porque crea desunión, pero a campaña do yes, que é vibrante, superpositiva e optimista, insiste en que por fin estamos a falar  do que queremos cambiar de base na sociedade. A campaña do yes medrou tanto que a xente xa non se vai conformar con votar si no referendo. Se gana o si, iníciase un camiño cara a unha transformación social das mulleres, das clases traballadores, anciáns, dependentes, inmigrantes... O que se vive aquí é unha revolución social. Aínda que gane o non, Escocia xa deu pasos para adiante. Xa non é esa Escocia á que todo lle dá igual. Pasou de ser unha sociedade aséptica a ser unha sociedade comprometida.

-Un deses cambios de base que se propón ten que ver coa política internacional, da que fala, para o suplemento, Christina McKelvie presidenta da Comisión de Asuntos Exteriores do Parlamento de Escocia…

-No ámbito tanto da agricultura, como da pesca e o control da inmigración, Escocia non ten competencias e depende das voces de Westminster. E aos granxeiros, acaba de pegarlles unha puñalada trapeira en relación con Europa. En Escocia queren ter voz propia, queren xestionar os seus propios recursos, e unha Europa distinta no sentido de que non lles interesan este tipo de políticas que se están levando a cabo, políticas conservadoras que chocan totalmente co goberno escocés. Escocia é o único país que fixo unha declaración a favor de Palestina. En Glasgow, hai uns días, estaban diferentes comunidades relixiosas iraquís manifestándose.  A posición do goberno é moi respetuosa coa soberanía dos pobos e cos dereitos humanos. Hai un compromiso cos dereitos fundamentais e humanos e un país non debe promocionar guerras, como fai Wenstminster e non o poden facer de seguir nas mans de Westiminster.

-No A Fondo tamén escribe Carolyn Leckie, voceira de Women for Indy. Cal é a importancia das mulleres no referendo?

-Carolyn Leckie para min é un fenómeno. Procede do laborismo máis de esquerdas. Carolyn fala dese espertar da muller, da importancia para as mulleres de ter voz neste proceso. As mulleres que non estaban involucradas en políticas están meténdose en estudos de televisión, asistindo a debates, participando, dando a súa visión como nais por un futuro mellor para os seus fillos.

-Polémica foi o anuncio de Better Together amosando ás mulleres como ignorantes. A protagonista mesmo descoñecía o nome do Primeiro Ministro escocés, Alex Salmond…

-Os do non sacaron unha campaña coa visión da  muller do opus Ese tremendo erro que cometeron os de Better Together foi como unha labazada ás mulleres en xeral. No anuncio de Better Together presentaban á muller ignorante, a muller da súa casa, os patróns da sección feminina, e elas rebeláronse. Eu vin centos de vídeos espontáneos de mulleres de todo tipo dicindo que ían votar si e dando as súas razón. A razón fundamental é o respecto á muller. A razón fundamental do yes é que temos voz, e ninguén ten que dicirnos que temos que quedar na casa atendendo o que nos diga o marido sobre o que temos que votar. As mulleres sacaron o seu lado máis artístico, creativo e reivindicativo. Tamén nese aspecto hai unha revolución.

-Un dos artigos está elaborado por un escocés afincado en Galiza. Que importancia ten para Galiza o referendo escocés?

"Agora que desde Westminster están desesperados por ofrecer máis competencias, Galiza  é unha voz de alerta, o exemplo de cómo as competencias autonómicas son violadas."

- Politicamente, nós estamos anos atrás, e é por iso que estamos reivindicando soberanía, porque está en perigo. Dende a nosa experiencia, de estar perdendo constantemente poderes e competencias autonómicas, somos unha voz de alerta para os escoceses. Agora que desde Westminster están desesperados por ofrecer máis competencias, nós somos o exemplo de cómo as competencias autonómicas son violadas. É moi importante a nosa voz. Porque ademais temos unha estrutura política é semellante. Escocia ten un parlamento con, aparentemente, menos competencias có galego, pero as competencias de Galiza non son reais.  Hai acordos nos partidos conservadores para que a autonomía cada vez sexa menor, e un intento de recentralizar que vai deixar aos pobos máis desprotexidos.  Para nós o proceso escocés debera ser como unha especie de guía. Axúdanos a entender que para, conseguir soberanía e mesmo a independencia, é preciso buscar un obxectivo común, unha unidade. No proceso escocés hai moitísima unidade de moitos grupos moi variopintos para conseguir un obxectivo.

-Tamén se aborda, de maneira conxunta, noutro dos artigos do suplemento, os casos catalán e escocés. En que difiren?

-Dicía nunha entrevista a Praza Publica que o tema catalán é completamente distinto. En Cataluña estase mesturando un movemento popular coa estratexia política de Mas e compañía. É un pouco tratar de manipular, quitar o protagonismo a quen o ten, o pobo catalán, independentemente de que Mas e Convergencia i Unió fagan as declaracións que fagan.  En Escocia non quixeron mesturar as dúas cousas. En Cataluña ten que haber un referendo si ou si, é un reclamo popular e democrático.O resto é non democrático. En Cataluña hai moito que facer porque temos un goberno de ultradereita en Madrid, e está dando pasos cada vez máis para atrás. Eu estou convencida de que o goberno británico o que fixo foi permitir este referendo porque estaban convencidos de que ían perder, e é por iso polo que bloquearon unha segunda pregunta, que precisamente en Cataluña si van facer.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios