ELENA PéREZ-ARDá, A NOVA CRíTICA DE ARTE DE SERMOS

Elena Pérez-Ardá: “As exposicións están baleiras e os centros comerciais, cheos”

Elena Pérez-Ardá inicia unha sección de crítica de arte en Sermos Galiza. O seu obxectivo é dar a coñecer as novas creacións artísticas contemporáneas e achegar ao público as exposicións que se abren no país. 

Elena Pérez-Ardá, autorretrato
photo_camera Elena Pérez-Ardá, autorretrato

-Comeza unha sección de crítica de arte en Sermos Galiza, cal é o seu obxectivo?

Estudei Belas Artes e sempre gostei da parte máis teórica, da filosofía e da crítica de arte. Interésame e doume tamén conta de que é un ámbito non moi coñecido pola xente que vai ver exposicións sen reflexionar sobre o que están vendo. A miña idea é afondar e divulgar as mostras e as propostas sobre arte contemporánea que se dan en Galiza. 

-Dedicarase entón ao ámbito expositivo?

Farei fundamentalmente crítica de exposicións, do que atope interesante tentando dar conta tamén do panorama artístico galego, do que se está a producir aquí e fóra. Comentaranse as propostas artísticas e tamén as iniciativas expositivas. 

-Centros de arte e galerías que non están a atravesar un momento moi optimista. 

Á marxe da situación de crise, cómpre dicir tamén que a xente ten as súas prioridades e moitas veces custa que nelas estea a arte contemporánea. Poño un exemplo, a Fundación Seoane está aberta os sábados e é de balde. O pasado sábado había tres persoas vendo as exposicións cando á mesma hora os centros comerciais estaban a tope. A xente non ten preferencia polo mundo da arte e cómpre convidala a que o descubra. Precísase máis información, fomentar que se visiten as exposicións de maneira crítica. 

-De saída, atrévese a facer unha valoración do novo panorama artístico galego?

Sería moi atrevido. Apuntaría que a crise está a afectar o sector mais Galiza ten artistas novos, unha Facultade de Belas Artes e cumpriría que tivesen un maior apoio. Na miña idea está non só recoller o que se mostre en centros e galerías, senón tamén as exposicións máis transgresoras e arriscadas. Abrir a mente e promocionar apostas ao mellor non tan seguras. Quero recoller propostas que parezan interesantes, que paguen a pena e que teñan importancia dentro do contexto da arte contemporánea, non só de organización e museos coñecidos, senón doutros que non teñan tanta posibilidade de se promocionar. 

-A arte contemporánea é un ámbito de círculos pechados?

Pénsase que é elitista, clasista, moi difícil de chegar e eu defendo que cómpre romper esa barreira. Non hai que ter moito coñecemento previo para gozar nunha exposición. Sería necesario difundila máis e, por iso, vou tentar que as críticas fuxan de tecnicismo e dunha linguaxe para persoas especializadas. O obxectivo é que calquera persoa poda estar interesada. 

-Será un espazo só para a arte dos nosos días e de nova creación ou fitará tamén para a historia?

Atenderemos as exposicións que estean abertas nos distintos centros de arte e, nalgúns deles, hai importantes coleccións de arte galega que tamén trataremos cando corresponda. Por outra parte, as novas xeracións referencian a artistas que os precederon. Sempre existe relación. Trataranse tamén artistas de fóra de Galiza cando sexan obxecto de exposicións en centros galegos. De feito, as críticas iniciaranse cunha visita á instalación da artista brasileira Sandra Cinto na Fundación Luís Seoane. 

-A crítica de arte perdeu espazo nos xornais?

Case non hai. Vou tentar que as nosas críticas sexan para o público xeral sen especialización, sen se dirixir a unha elite cultural. Calquera vai poder ler as críticas e saber da existencia e contido das exposicións. 

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios