A sexualidade, a debate en Ourense con Sermos Galiza

A presentación do A Fondo 'A sexualidade feminina alén tabús' suscitou un interesante debate no Liceo ourensán promovido por Sermos Galiza.

DSC_0003

Perto de medio cento de persoas achegáronse na xornada de onte (18 de novembro) ao Liceo de Ourense á presentación do caderno A Fondo publicado por Sermos Galiza sobre 'A sexualidade feminina alén tabús'. A profesora da Universidade de Vigo e coordenadora da publicación, María Lameiras, foi a encargada de debullar polo miúdo os asuntos sobre os que se debruza o monográfico editado no mes de setembro. 

Lameiras estivo acompañada pola redactora de Sermos Galiza, Olalla Rodil, quen deu a coñecer @s asistentes este proxecto xornalístico nado entre 2011 e 2012. Rodil fixo fincapé no carácter popular do xornal, posto en andamento grazas ás achegas económicas de máis de 900 persoas, entidades e colectivos que quixeron "devolver a lingua galega aos quiosques" mais tamén, "dar voz a quen non a tiña" através dunha "perspectiva crítica" que poña "riba da mesa aqueles temas que fican ocultos polos medios de comunicación hexemónicos". 
 

Rachar cos estereotipos

A redactora de Sermos Galiza deu paso á coordenadora do A Fondo salientando un dos obxectivos cos que foi creado o caderno monográfico que, semanalmente, acompaña o xornal en papel. "Os A Fondo naceron tamén coa vontade de contribuír a rachar" co discurso dominante "achegando información máis completa" sobre aqueles asuntos que teñen interese social. Neste caso, "rachando os estereotipos e roles impostos polo modelo sexo-xénero e a sexualidade". 

Un feito que foi remarcado por María Lameiras quen debullou as principais cuestións tratadas no caderno 'A sexualidade feminina alén tabús'. A ocultación do clítoris, a proliferación do "amor violento" nomeadamente entre as xeracións máis novas, os riscos na difusión de contido erótico através das novas tecnoloxías e redes sociais ou a necesidade de ser superado o binomio home-muller en aras dunha sociedade que recoñeza e normalice a diversidade sexual son algúns dos temas que aborda o caderno monográfico e que suscitaron o interese do público nun froitoso coloquio posterior á presentación. 
 

Visibilizar a transgresión

Desde as bancadas do público diversas voces reclamaron unha maior cobertura por parte dos medios de comunicación a respeito de temas xeralmente "ocultados" ou "invisibilizados" como a intersexualidade e aqueloutras identidades sexuais que transgreden o binomio muller-home e que fican excluídas da axenda mediática e o discurso dominante. 

Así mesmo, as persoas que asistiron á presentación amosaron a súa preocupación pola re-produción da violencia machista nas novas xeracións e, no concreto, dos denominado Dating Violence, a ameaza ou uso do abuso físico, sexual ou verbal na parella. As profesoras e investigadoras Yolanda Rodríguez e Mavi Carrera --coautoras do A Fondo-- alertaron da presenza cada vez máis habitual desta forma de violencia "nas primeiras citas". 

"Como detectar esas situacións de violencia", preguntou unha das asistentes. Analizando os aspectos que constitúen o denominado "ciclo da violencia", explicaron as profesoras, "actitudes, comportamentos e fórmulas de relación" en que se produza "dominación ou control". 

"Houbo sempre violencia" exercida contra as mulleres, enfatizaron as co-autoras do caderno, "é un erro pensar que a violencia machista predomina máis agora". O que resulta de maior complexidade, acrecentaron, "é identificar a violencia ideolóxica", entendida como "aquela que está normalizada". Neste senso, recalcou Olalla Rodil, "os medios de comunicación xogamos un papel fundamental na medida en que constituímos axentes socializadores que producimos ou re-producimos" actitudes e comportamentos sexistas mais que tamén poden constituír unha ferramenta chave para mudar esta realidade. 

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios