"A crise está a xerar unha nova marxinalidade e Sermos Galiza quere ser todas esas voces"

A piques de cumprir dous anos (o dixital en abril; o semanario, en xuño), Xurxo Souto valora o tempo percorrido xunto a este medio de comunicación.

xurxo souto
photo_camera Xurxo Souto

Xurxo Souto integrou o grupo promotor que impulsou a fundación do grupo de comunicación Sermos Galiza. Músico incansábel cunha grande traxectoria en grupos como Os Diplomáticos e Os Tres Trebóns, continúa a traballar pola lingua e cultura deste país co firme compromiso de visibilizar "o volcán cultural" d@s nov@s creadoras e creadores. Neste senso, salienta a importancia dos medios de comunicación independentes comprometidos co país face "inmenso paradoxo" no que vivimos onde "os medios de comunicación públicos" non dan "espazo á música do país". 

A piques de cumprir 2 anos, cales foron os erros e acertos deste tempo percorrido?
Foi un todo ou nada. Foi todo un inmenso acerto. Face a desaparición da imprensa en galego, o agromar dun proxecto como Sermos Galiza, independente e comprometido, foi un verdadeiro acerto. 

"O agromar dun proxecto como Sermos Galiza, independente e comprometido, foi un verdadeiro acerto"

Traballaches na Radio Galega, en dous dos programas máis importantes para a lingua e a cultura galegas: Mil ribeiras e Aberto por reformas. Mais agora faise difícil mesmo escoitar música en galego nos medios públicos. Que papel cumprimos, nese senso, os medios privados comprometidos coa lingua?
Vivimos nun inmenso paradoxo onde os medios de comunicación públicos, creados para promover e difundir a cultura galega, non dan espazo á música do país. En troca, ten que ser a sociedade civil a que pule por ela. Nese senso, a iniciativa que desenvolve Sermos Galiza no seu dixital, con Radio Sermos, mais tamén na sección de Cultura da web e o papel, cumpre con esa función de difusión das novas tendencias e constitúe unha referencia dese volcán cultural. 

Tamén desapareceron todas as cabeceiras da imprensa na nosa lingua. De feito, Sermos Galiza é o único semanario integramente en galego. Facemos máis falta do que nunca?
Iso é unha evidencia. Cando comezabamos falabamos desa realidade e diciamos que se chegase a Galiza un alieníxena doutra galaxia e lese a imprensa, pensaría que neste país só se fala unha lingua embora existir outra relegada unicamente para cuestións litúrxicas e culturais. Isto é algo insán, viciado que nos auto-marxina castrando a nosa propia forma de ser. 

Tomaches parte do grupo promotor e continúas no Consello de Administración. Darlle voz a quen non a ten era unha das premisas que deron lugar a este proxecto. Os medios hexemónicos non cumpren con esta función?
Por suposto, á marxe dese colectivo maioritario de galegofalantes que non aparecen reflectidos en xornais escritos practicamente na súa totalidade noutra lingua, están todas as minorías silenciadas: colectivos feministas, a infancia, a xente sen recursos, os novos pobres a consecuencia da pobreza enerxética, novos inmigrantes... A crise está a xerar unha nova marxinalidade e nós queremos ser todas esas voces. 

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios