MARTIN PAWLEY, BLOGUEIRO

"Cos blogues pasa como coa enerxía: nin se crea nin se destrúe, transfórmase"

Este veterano do blogomillo teno claro. Malia que o lercheo, a conversa inmediata, se trasladou ás redes, os blogues seguen vixentes. Debruzámonos sobre este asunto nun A FONDO monográfico.

a fondo pawley

-Que te animou a aventurarte en 2003 na blogosfera con "Días Estranhos"?

-A lectura doutros blogues, sen dúbida. Naquela altura lía con moito entusiasmo Blogalia. Pareceume interesante a idea de abrir un blogue en galego nun portal, Blogalia, onde todos os blogues que había naquela altura estaban en castelán.

-Comezaches con "Días Estranhos" e segues con "Acto de primavera", blogue compartido con Xurxo González e Xosé Manuel Sande. Que te levou a manterte máis dunha década no blogomillo?

-Non son o único que se mantén. Quen nos gaña a todos é Manolo Bragado. Empezou un pouquiño máis tarde, pero mantense con paixón e probabelmente o seu sexa o blogue de referencia en lingua galega hoxe por hoxe, e con máis vocación blogueira."Acto de Primavera" naceu como algo máis a unha revista on line sobre cine con formato de blogue pero aberta a outras voces. O blogue segue sendo moi cómodo é o blogue como soporte para a escrita na rede.

-Ti consideras que é, aí, precisamente, onde radica a revolución que supuxeron no seu momento…

-A grande revolución dos blogues é a de simplicidade tecnolóxica, a aparición de portais que permitían a escrita na rede dunha forma moi sinxela para calquera usuario sen necesidade de ter coñecementos informáticos moi sofisticados. A forma máis eficaz e rápida de escribir en internet segue sendo un blogue.

"As mesmas vantaxes que proporcionaban os blogues hai dez anos seguen proporcionándoas hoxe. E tamén moitas outras virtudes. Acaban sendo un arquivo público."

 

-Foron derrotados os blogues polas redes sociais?

-Aínda que aparentemente é así, na práctica os blogues seguen vivos. As mesmas vantaxes que proporcionaban os blogues hai dez doce anos seguen proporcionándoas hoxe. E tamén creo que moitas outras virtudes. O blogue acaba sendo unha especie de arquivo público de cousas que un vai dicindo e pensando .

-En que medida botas man do blogue como arquivo?

-Textos que publicas noutros lugares polos no blogue como unha estratexia para conservalos nun sitio no que teñas control sobre eles. Cando Xornal morreu en papel, eu tiven a intuición de que sería anticipo da morte na rede, e recuperei, para o blogue "Acto de primavera" os contidos que publicaramos alí tanto José Manuel Sande coma min ao longo dos anos. Se non, desaparecerían para sempre por mor dun editor que tomou a decisión covarde e despiadada que destruíu o traballo creativo da xente durante anos.  Eu trasladara a Xornal o meu blogue "Días Estraños", que se deu por rematado co asasinato da cabeceira.

-En que medida as redes sociais variaron as funcións que agora teñen os blogues?

-Ás redes sociais derivouse a condición de conversa que tiñan os blogues, que era moi fluído, a veces polémico, no momento  máis efervescente da blogosfera ou blogmillo, entre o 2003 e un pouco máis aló de 2005. Eran tamén momentos de efervescencia política, de cambio. Hoxe en día é case inusual que haxa comentarios mesmo nos blogues máis lidos. Incluso nos blogues de Bragado ou Agustín Fernández Paz as súas anotacións case non teñen comentarios.

 -Ti dis que as redes sociais son agora o lugar de lercheo…

-En Facebook, onde xa non estou, hai moita conversa, e en Twitter é moi fácil que se desencadeen as conversas de maneira máis aberta, e non é un clube de amigos como Facebook. A conversa e o diálogo é máis directo. Os blogues tamén eran empregados como ferramentas para dar pistas na rede, para recomendar algunha noticia ou artigo interesante, e iso agora faise nas redes sociais. Hoxe en día o blogue préstase a textos máis elaborados.

"O blogomillo parecia moi vivo cando eramos pouquiños e nos coñeciamos as caras, pero iso tamén era un indicio de escaseza"

-Acreditas na morte do blogomillo?

-Eu creo que o blogomillo parecia moi vivo cando eramos pouquiños e nos coñeciamos as caras, pero iso tamén era un indicio de escaseza. Chegou un momento en que os blogues pasaron a ser moitos, e seguramente sigan sendo moitos, e xa non tiña sentido agregar e arroupar para dar visibilidade nas rede.

-Tal vez se confunde o fin do blogomillo coa desaparición de nomes destacados no mundo blogomillo…?

-Boto de menos a xente que antes escribía e que agora non, como Marcos Calveiro. E gustaríame que escribise con periodicidade xente que abriu blogues como Xabier Puente Docampo. A propia Tati Mancebo ou Alfredo Ferreiro foron abrindo e pechando sitios para ir contando cousas, proxectos na rede moi vivos aínda. Ás veces cos blogues pasa coma coa enerxía, nin se crea nin se destrúe, simplemente se transforma. Probablemente haxa blogs que foron morrendo pero hai outros que se seguen mantendo ou que se foron replicando. A incorporación doutros autores ao espazo da rede, como Agustín Fernández Paz, é moi útil. Manuel Bragado ou Jareguizar seguen utilizando o blog con certa naturalidade.

-Entón, a decadencia do blogomillo como etiqueta ten que ver coa normalización dos blogues en galego na rede?

-Si, está claro. Está bastante máis normalizado o blogmillo que a prensa en galego. Quen nos dera o grao de normalización dos blogues en galego en medios de comunicación en lingua galega! Eu creo que a normalización até certo punto implica a morte de calquera intento de agregación. Toda a etiqueta nace para darlle pulso a algo. Agora calquera sabe que pode abrir un blogue se lle peta. Non é máis complicado que crear unha conta de twitter. Hai contidos que se perden como bagoas na choiva, como as cousas que se falan pola radio ou mesmo na prensa, que ao cabo dunhas semanas poden non están accesibles. E a necesidade de crear arquivos para depositar é moi importante.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios