MARíA VICTORIA CARRERA, PROFESORA E INVESTIGADORA DA UVIGO

"Continúase a obviar o pracer e o goce no tratamento da sexualidade"

Co gallo da presentación do A Fondo 'A sexualidade feminina alén tabús' esta terza feira no Liceo de Ourense, conversamos cunha das colaboradoras. "Os tabús mantéñense no tratamento do pracer en xeral mais sobre todo no pracer feminino", salienta. 

María Victoria
photo_camera María Victoria Carrera [Imaxe cedida]

María Victoria Carrera é profesora e investigadora na Universidade de Vigo. Colaboradora no A Fondo 'A sexualidade feminina alén tabús', conversamos con ela sobre o tratamento da sexualidade na actualidade e a ocultación de aspectos e cuestións que aínda hoxe, resultan incómodos para o modelo sexo-xénero heteronormativo. 

"Hai que educar" noutros modelos para "termos unha sociedade máis libre", afirma. E nese senso, acrecenta, "os medios de comunicación teñen un papel crucial" como "tecnoloxías de xénero" que, no entanto, poden "contribuír a liberar ou a reproducir" os roles e estereotipos actuais. 

Esta terza feira (18 de novembro), Sermos Galiza presenta o caderno monográfico "A sexualidade feminina alén tabú"s no Liceo de Ourense ás 20.00 horas na procura de afondarmos no coñecemento dunha sexualidade libre de nesgos de xénero. 

-Por que resulta tan incómodo falar de sexualidade, aínda hoxe?

É unha boa pregunta [ri]. O modelo que sempre imperou é de culpa e pecado. Ese foi o modelo que transmitiu a moral cristiá. E aínda que semelle que está superado, non o está. Pois nas escolas continúa a falarse de sexualidade cun modelo prevencionista, centrado nos riscos: as Enfermidades de Transmisión Sexual (ETS), embarazos non desexados, abusos sexuais... Continúase a traballar nos aspectos negativos da sexualidade obviando o pracer e o goce. O que antes se denominaba culpa agora é risco ou enfermidade. Polo que continúa a transmitirse unha visión negativa da sexualidade. 

"Nas escolas continúa a falarse de sexualidade cun modelo prevencionista, centrado nos riscos. O que antes se denominaba culpa agora é risco ou enfermidade"

Nomeadamente nas mulleres... O tratamento que se fai da sexualidade nas escolas, mantén tabús?

Os tabús mantéñense no tratamento do pracer en xeral, mais sobre todo feminino. O clítoris, por exemplo, non se estuda nen traballa e se se fai é unicamente a respeito da ablación. Mais nos países desenvolvidos o tratamento que se fai do clítoris supón tamén unha ablación cognitiva por non se traballar sobre el. Por negalo. Aliás, outra cuestión que se obvia é a construción da identidade sexual e de xénero. Unha educación libre de nesgos, de estereotipos, con actitudes positivas cara ás outras identidades sexuais que saen do modelo sexo-xénero e unha única orientación sexual. Todas as persoas que transgreden ese modelo son rexeitadas. E sobre iso non se traballa nas escolas. Hai que educar para termos unha sociedade máis libre. 

Son estes modelos e estereotipos consecuencia dunha concepción da sexualidade pensada unicamente no pracer masculino?

O pracer masculino sempre se tratou por estar vencellado á reprodución. E, neste senso, o pensamento católico prevalece no dobre gume co que se trata a sexualidade das mulleres e dos homes. Pénsase que a muller non pode gozar e continúa a transmitirse a imaxe de muller santa (a virxe María) e a prostituta (María Magdalena). Iso fai que o pracer masculino sexa considerado lexítimo mais o das mulleres non. 

"As persoas que habitan fóra do modelo sexo-xénero heteronormativo teñen, ás veces unha visión máis aberta. Porén, todas estamos socializadas nel e resulta difícil liberarse desa tradición interiorizada"

No teu artigo do A Fondo falabas de diversidade sexual, mantéñense estes roles e patróns tamén fóra da heterosexualidade?

Si, certamente. As persoas que habitan esoutras identidades moitas veces teñen unha visión máis aberta e trasgreden os roles impostos. Porén, é certo que todas as persoas estamos socializadas no modelo sexo-xénero e a heteronormatividade. Nese senso, independentemente da identidade, acábase reproducindo. É difícil desprenderse das relacións de xénero impostas. As persoas que traballamos sobre esta cuestión tamén recoñecemos que temos actitudes sexistas. É difícil liberarse desa tradición interiorizada e deconstruíla. 

Que papel xogamos os medios de comunicación á hora de rachar con esa realidade?

Os medios de comunicación teñen un papel crucial. Son un dos principais axentes de socialización, aínda que non o máis importante. Teresa de Lauretis denominou tecnoloxías de xénero a diversas ferramentas, entre elas os medios de comunicación, como aquelas que poden contribuír a liberar ou a reproducir eses roles. Neste senso hai medios de comunicación que traballan para educar noutros modelos, rachar cos roles de xénero e coas actitudes heteronormativas. Porén, a maior parte dos medios de comunicación  --falo de cinema, publicidade, tamén-- perpetúan e axudan a reproducir o modelo sexo-xénero, aínda que o fagan de maneira implícita e máis sutil o que é máis perigoso pois cremos que estamos a educar en igualdade e isto continúa a ser unha tarefa pendente. 

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios