NO A FONDO DESTA SEMANA

Carvalho Calero, a 25 anos do seu pasamento

Esta quinta feira 26 de marzo, na mesma semana en que se fan 25 anos do pasamento de Ricardo Carvalho Calero, Sermos Galiza dedicaralle en exclusiva o seu caderno de análise.

Xusto un cuarto século despois do seu pasamento, recuperamos para o A Fondo a figura deste profesor, poeta, narrador e ensaísta, relegado ao ostracismo pola súa aposta reintegracionista. O A Fondo fará un percorrido pola súa vida e obra, e incluirá, así mesmo, dous artigos da profesora Pilar García Negro e da Fundaçom Artábria. Fechará coa visión de varios mozos e mozas na vintena, nacidos aproximadamente na época en que Carvalho finou, para saber que teñen escoitado e lido del.

No ostracismo

"Reivindicar Carvalho Calero nos dias de hoje nom fai sentido se nom for com todas as conseqüências -escriben para Sermos dende a directiva da Fundaçom Artábria- Se hoje ganha um sentido pleno reivindicarmos a figura do inteletual ferrolano nom é por outra cousa que polos seus posicionamentos quanto à normativizaçom do galego". E engaden: "Nós reivindicamo-lo como pensador, literato, erudito da língua e a literatura galegas, renovador pedagógico, mas, dentro disso todo, e ante todo, como fundador ideológico do reintegracionismo tal como hoje o conhecemos".

"O A Fondo fará un percorrido pola súa vida e obra, incluirá artigos de Pilar García Negro e da Fundaçom Artábria, e pechará coa visión de varios mozos e mozas na vintena, nacidos aproximadamente na época en que Carvalho finou."

"Un verso infeliz. Tal foi o decreto que se cerneu sobre Carvalho cando decidiu ser un verso libre e, na derradeira década da súa vida, reatar a súa biografía con aqueles anos da mocidade republicana e nacionalista", afirma no seu artigo Pilar García Negro. A profesora destaca a coherencia da traxectoria política de Carvalho Calero, fiel ao Partido Galeguista até a súa disolución e próximo ao BNG e a diversas asociacións culturais nacionalistas nos últimos anos da súa vida. Unha traxectoria que se constitúe como verso libre fronte á outros coetáneos galeguistas da súa xeración que, seguindo as teses piñeirianas, se aliaron coas forzas estatais nos primeiros anos da democracia.

Fronte ás descualificacións

García Negro defende a figura de Carvalho Calero fronte ás voces que procuran descualificalo, tachándoo de sexista ou "mandamáis" da historiografía literaria. A súa obra, insiste, fala por si mesma, "polo traballo valioso de tantos anos, polo valor da historia de noso, máis moderna, desde logo, da que representan grandes figuras da intelligentsia española contemporánea, como Unamuno, Ortega y Gasset, Marañón, Gómez de la Serna, Juan Ramón Jiménez ou Martínez Sierra."

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios