Carme Vidal: “O apoio social é imprescindíbel para manter medios en galego”

Redactora de Sermos Galiza, Carme Vidal recibiu o pasado sábado en Pontevedra o premio da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) á mellor traxectoria no xornalismo cultural. Como “unha paixón máis tamén un oficio” define o xornalismo no que se iniciou por volta de hai dúas décadas na redacción de A Nosa Terra

Carme Vidal

-Que significa para ti o premio da AELG á traxectoria no xornalismo cultural?

Unha sorpresa e unha grande alegría. En certa medida esta é unha entrevista “contranatura”. Se algo me deron os anos de traballo creo foi práctica á hora de preguntar. Non para responder. Ás veces, mesmo na vida cotiá, atópome interrogando máis do debido. Teño a sensación de que o oficio sobrepasa o ámbito laboral para ser case unha marca persoal. Nese sentido, estás sempre do outro lado, tomando notas. O propio sábado, no día de entrega, programei en Pontevedra unha entrevista conxunta con Bernardo Atxaga e Anxos Sumai, premios da Crítica en lingua vasca e galega que sairá no próximo número de Sermos Galiza en papel. Era unha xornada de traballo que se tornou en festa. Situarte sempre do outro lado fixo, para min, aínda máis extraordinario o premio. 

-Cando recolliches o premio, falaches da paixón polo xornalismo. 

Teño paixón máis tamén defendo a súa condición de oficio, de traballo. Teño a fortuna de vivir do xornalismo, algo, infelizmente, cada vez menos habitual. Desde que comecei, a profesión foi indo a menos. Tamén por iso paréceme de moito valor que a AELG inclúa entre os seus premios o do xornalismo cultural. Como todo o mundo que está neste oficio, podería facer unha grande listaxe de nomes de persoas que traballaron ou estudaron comigo e que ou están no desemprego ou abandonaron a profesión por puro esgotamento. Como di unha amiga que traballa en comunicación cultural, cando manda unha información e recibe os correos electrónicos de volta comproba como van aumentando os “caídos” do xornalismo. Cada vez máis devaluado e máis precarizado, sobrevivir no oficio do xornalismo comeza a ser unha fazaña. 

-Máis no xornalismo cultural?

Máis. A crise está batendo forte no sector. Os medios xeralistas están a reducir os espazos de información cultural mentres medran blogs, webs e outras plataformas especializadas que promoven   xornalistas e outras persoas do ámbito cultural á marxe das empresas de comunicación. A nada que analicemos o noso panorama cultural podemos atopar blogs de crítica literaria como os de Ramón Nicolás, Armando Requeixo ou Xosé Manuel Eiré, propostas singulares como Trafegando Ronseis, Letra en Obras ou Fervenzas Literarias no ámbito literario por non falar do traballo dos propios escritores e escritoras, algúns moi áxiles na rede como Miro Villar, Helena Villar ou Antonio García Teixeiro, no ámbito literario. Gzmúsica.com ou Acto de primavera en cine ademais das ambiciosas propostas Biosbardia de César Lorenzo Gil ou o Magazine Cultural Galego de Montse Dopico están a ofrecer información e crítica de calidade. A oferta é extraordinaria, mais eu sentín a necesidade de defender tamén a profesión de xornalista con todos os dereitos laborais de calquera traballo. Hai cousa de un mes, unha institución cultural fixo unha convocatoria de prensa e conseguiu un amplo grupo de participantes. De todas as persoas asistentes, só unha estaba contratada. Lamentabelmente, este é o panorama da situación actual. 

-No teu caso, iniciácheste no xornalismo escrito xa en galego, o que fai singular a túa traxectoria tal e como é a situación dos xornais na nosa lingua. 

Foi unha aposta persoal de compromiso coa lingua que ás veces tamén tivo os seus custes. Despois dun breve tempo na sección de cultura de “O correo galego”, cando comezara a cabeceira na nosa lingua, entrei a formar parte da redacción de A Nosa Terra. Gústame recoñecer que esa foi a miña verdadeira escola. Por razóns que non paga a pena explicar, a miña vida académica foi longa de máis, moito máis do que estaba previsto. Se agora poño nunha balanza o que me deu a Universidade e o que aprendín na redacción de A Nosa Terra non tería dúbida algunha de cara onde se inclinaría. Compartín anos con extraordinarios profesionais que admiraba e dos que aprendía día a día, non só do xornalismo senón tamén da cultura galega.

Cada vez máis devaluado e máis precarizado, sobrevivir no oficio do xornalismo comeza a ser unha fazaña. 

De seguido me decantei polo xornalismo cultural e, para iso, estaba no mellor dos lugares. Lembro tamén a confianza que en seguida sentín naquela redacción que dirixía Afonso Eiré. Agardo que algún día se faga xustiza co que foi o proxecto de A Nosa Terra, non só o semanario senón tamén a editorial. Nas súas páxinas foron entrevistad@s os principais nomes da nosa cultura, aí se iniciou a recuperación da nosa historia nas voces dos seus protagonistas despois da represión franquista e da súa escola saíron grandes profesionais e extraordinarias iniciativas culturais. Para min, o peche de A Nosa Terra foi unha das peores noticias para a cultura galega dos últimos cincuenta anos. 

-En Sermos Galiza estás desde os seus inicios. 

Dous anos xa na rede e pouco menos no semanario. Sermos nace nun momento no que o galego desaparecera completamente do papel xornal, unha desgraza, ao meu ver, para unha lingua. Sumarme desde o comezo ao proxecto foi unha sorte, aínda que tivo tamén os seus momentos difíciles. Por veces, mesmo teño a sensación de que pasou moito máis tempo. A nivel persoal, estes dous anos foron especialmente duros mais tamén moi interesantes. Asistir ao parto dunha cabeceira non é algo que aconteza todos os días. O de Sermos foi, ademais, especial. Sabías que estabas a participar nun proxecto colectivo e iso aumentaba aínda máis a responsabilidade. Desde o inicio apostou porque a cultura fora un dos seus eixos e iso queda en especial á vista no semanario. Para min significou volver ao xornalismo escrito e en galego. 

-Que diferenzas hai entre eses dous momentos?

Grandes, son tempos distintos. Cando traballaba en A Nosa Terra o soporte era o papel, con periodicidade semanal. Iso permitíache outros tempos. Lembro, por exemplo, ir desde Vigo á Coruña para entrevistar ao último pintor que facía os carteis do Teatro Colón, marchar a Ourense a pasar toda unha tarde con Antón Tovar , unha mañá enteira con Mia Couto ou tomar un día en Porto para conversar polo miúdo con Eugénio de Andrade, por poñer algún exemplo no ámbito da cultura. O ritmo era outro. Agora, o xornalismo dixital imprime outras urxencias e outras prácticas.

Para min, o peche de A Nosa Terra foi unha das peores noticias para a cultura galega dos últimos cincuenta anos

Ás veces, cando chamas a alguén para facerlle unha entrevista contéstanche que lle mandes un cuestionario por correo electrónico. Esa resposta, cada vez máis repetida, significa que esa práctica se está a impoñer. Ao meu ver, a diferenza entre unha entrevista coa persoa diante e un cuestionario cociñado é o abismo. García Márquez rexeitaba o uso de gravadoras porque dicía que distorsionaba a comunicación e o obxectivo do oficio que el definía como o mellor do mundo. Non quero nin pensar a súa opinión de entrevistas e reportaxes que nacen por correo electrónico. 

-Esa non é unha visión un tanto clásica ou romántica da profesión?

Pode ser, non o nego. Como redactora, cada día teño que facer informacións de todo tipo, e atender seccións nas que me podo sentir máis ou menos cómoda, agora, de todo o meu traballo, o que defino como xornalismo son eses momentos nos que o entusiasmo volve ter protagonismo e sentes a fortuna de dedicarte a unha profesión única. Na redacción de A Nosa Terra foi onde escoitei por vez primeira falar de Mª Luz Morales, unha xornalista da Coruña que dirixiu La Vanguardia de Barcelona en 1936. da que, por certo, nunca me falaron nos catro anos da carreira. Morales ten un libro que titula “Alguien a quien conocí” no que escribe sobre as figuras que foi atopando no exercicio da súa profesión, desde García Lorca a Gabriela Mistral. O xornalismo tamén é  iso, o goce de atopar persoas e historias e contalas. Ás veces penso no luxo de traballo que teño que me permite chamar por teléfono ou quedar para facerlle preguntas a Amalia Bóveda, a Mariví Villaverde, a Agustín Fernández Paz, a Xavier Queipo ou a Berta Dávila, por poñer só uns nomes. Tampouco nego que poda ter algo de “naif” esta visión “afectiva” da profesión e até me dá un pouco de reparo confesalo mais conforme van pasando os anos decátome con máis intensidade de que ese é o pouso que queda. O dos felices e intensos encontros, o das reportaxes ao vivo, o das historias que te conmoven e o da aprendizaxe continua que é connatural a este oficio. 

-Cando recolleu o premio pediu apoio social para os medios en galego. 

É fundamental. E referíame non só ao apoio económico, que é preciso nun momento no que as principais institucións do país lle dan ás costas á nosa lingua, senón tamén á colaboración cos medios que, como Sermos Galiza, están a desenvolver proxectos para que a nosa lingua teña un uso “normal” na información. A nómina de persoas que nestes dous anos colaboraron nalgunha ocasión na sección de opinión supera os trescentos nomes e as portas continúan abertas. Nun auditorio composto maiormente por escritores e escritoras quería destacar tamén a importancia da súa colaboración, da súa presenza nos medios en galego. Case mil accionistas e máis de trescentas colaboradoras son as trabes nas que se sustenta un proxecto que ten dous anos de vida mais precisa esa forza plural para continuar, nos tempos adversos para a lingua e para a cultura nos que, ao meu ver, é aínda máis necesario.

-Como é a sección de cultura de Sermos?

Sermos Galiza cunha redacción pequena conta cun grupo importante de persoas que colaboran cada semana e iso é especialmente importante na sección de cultura. Estamos a falar, claro está, de dúas seccións distintas, unha no dixital e outra no papel, no xornal semanal. Os esforzos dun xornalismo máis demorado se deitan no semanario que inclúe, cada semana, distintos xéneros de maneira fixa. En cada número hai unha entrevista, unha reportaxe e críticas fixas de literatura, de Mario Regueira, de cinema, de Andrés Castro e de música de Olga Brañas e, ocasionalmente, de espectáculos de Lois Blanco. Temos unha sección fixa de patrimonio cultural, natural e histórico da autoría do grupo XEA, Adela Leiro, Mon Daporta e Xoán Colazo e outra de deseño que leva Lola Dopico. Desde hai pouco incorporouse a sección "Mesa e mantel", de gastronomía, e unha aposta por ofrecer adiantos editoriais. Desde o inicio, en Sermos incluíuse unha páxina semanal de cultura infantil porque consideramos un sector especialmente interesante tanto dentro das industrias culturais como pola súa función no achegamento da cultura e a lingua ás crianzas. O que eu desexaría sería afortalar tamén a sección do dixital, sempre máis urxente e con informacións máis apegadas á actualidade. 

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios