DAVID RIBAS, DESEÑADOR DE #PORMINNOVAIQUEDAR

"Ao igual que as abellas, Sermos é preciso para que Galiza exista"

David Ribas é deseñador, ribadense e subscritor de Sermos Galiza. Dos seus miolos saíu a imaxe gráfica da nova campaña do xornal #porminnonvaiquedar.

David Ribas
photo_camera David Ribas [Imaxe cedida]

Subscritor de Sermos Galiza, deseñador gráfico, natural de Ribadeo mais residente en Barreiros é autor da campaña #porminnonvaiquedar. David Ribas cóntanos como xurdiu a idea de conxugar a supervivencia das abellas cun proxecto como Sermos.

Como xurdiu a idea de que a imaxe central da campaña fose unha abella?
Dándolle voltas á idea do necesario que é Sermos Galiza para o país lembrei a frase de Einstein "Se as abellas se extinguisen a humanidade non duraría máis de catro anos". As abellan son unha desas cousas que poden semellar moi insignificantes mais que a súa desaparición nos levaría ao desastre. Aí fixen o paralelismo coa importancia do proxecto para que Galiza exista. 

Como conxugar esa idea co lema #porminnonvaiquedar?
Era unha boa maneira de reflectir a necesidade dun xornal galego, propio; de transmitir a idea de que non podemos deixar que as abellas se extingan. O lema partiu de Sermos e pareceume que conxugaba ben coa premisa de Einstein. Aliás, presentamos un deseño diferente, unha campaña distinta que podía chegar ben ao público. 

Como valoras estes dous anos de proxecto?
Na casa somos subscritores e valoramos moito que, embora ser un medio de comunicación de focaxe nacional, tamén recolle os acontecementos importantes das localidades. 

Que razóns darías para animar a máis persoas a se sumaren á Comunidade Sermos?
Na liña da campaña, coido que ninguén quere que a lingua e a cultura deste país desaparezan. Nese senso, subscribirse a Sermos Galiza é un primeiro chanzo para garantir que iso non aconteza, para contarmos cunha voz propia. Mantendo este xornal vivo axudamos a que Galiza perviva. 

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios