ANTÓN LOPO INICIA A SERIE"EXTINTIV@S" EN SERMOS GALIZA

Antón Lopo: "Deixar o periodismo activo non foi unha opción: vinme obrigado"

Referencia do xornalismo cultural, Antón Lopo inicia no nº 113 de Sermos Galiza a serie de entrevistas "Extintiv@s".

Antón Lopo
photo_camera Antón Lopo (Imaxe: Eduard Velasco)

Xornalista, escritor e creador multifacético, Antón Lopo regresa -neste Sermos Galiza nº 113, xa nos quiosques- despois de anos ao papel de xornal, no que desenvolveu unha longa, recoñecida e anovadora traxectoria. 

-Inicia un sección de entrevistas co título “Extintiv@s” Quen son os “extintiv@” e por que o seu interese?

Extintivo, en certo modo, é unha mutación de extinción e instinto: o significado do término resultante nada ten que ver cos significados previos: Os extintivos converteron a súa extinción como elementos sociais nun instinto de sobrevivencia colectiva.

-Ao primeiro, o escritor e editor Emilio Araúxo, defíneo como “ideólogo” dos “extintivos”. Que elementos definen esa condición?

Emilio Araúxo é o prototipo de individuo dismoderno: alguén que loita contra identidades integradoras que os integran en identidades que non queren ser. El ven da Filosofía pero a súa obra non é estritamente científica senón creativa. O resultado -sexa unha obra literaria, etnográfica ou fotográfica- é sempre a dun poeta consciente de que a poesía non é sempre escrita ou verbal: é simplemente creación sen producción. O maior acto creativo hoxe en día é non producir nada, un antídoto perfecto para esta sociedade fascinada pola uniformidade versátil, a homologación da sensatez e os productos da China. Eu non digo que Araúxo sexa o idéologo dos extintivos senón o ideólogo -ou indagador- da noción de extición: ninguén coma il formulou en Galicia un discurso creativo tan complexo e escintilante sobre a cuestión: a extinción no ser humano -ven dicir- é a consecuencia de individuos que eluden as súas responsabilidades. Ao tempo, tamén lle deixa a eses individuos a liberdade de sucumbir, aínda que para el non sexa liberdade senón extravío. É curioso que das dez causas máis probables para a extinción da humanidade, nos últimos anos gañase peso -segundo os científicos- a da autoaniquilación.

-Despois de ser un referente do xornalismo cultural, deixou a profesión de maneira activa e centrouse na súa traxectoria artística. “Extintiv@s” é un proxecto artístico ou xornalístico?

Deixar o periodismo activo non foi unha opción: vinme obrigado: a empresa na que traballaba decidiu pechar a cabeceira do único diario que había en galego e despedíronnos a uns vinte traballadores. Todos eramos redactores: os cargos directivos da cabeceira -responsables en parte da debacle- conservaron o seu soldo. Tampouco debe sorprendernos unha acción así: dáse todos os días: cada vez os ricos son máis ricos e os probres máis pobres, mentres a clase media se extingue. A caída da cabeceira non foi culpa dos traballadores senón da mala administración da empresa durante a burbulla inmobiliaria, da estratexia de Alberto Núñez Feijóo para minar as bases do idioma e da renuncia dos propios galegos a defender as súas responsabilidades. Tampouco é que me centrase despois nunha traxectoria artística: o periodismo é literatura e, portanto, arte. Extintivos obedece a esa idea.

-A impresión é que vostede irá tras unha cultura que esmorece. Que quere atopar ou que busca amosar?

Somos moita a xente que temos medo: medo a perder o traballo, a morrer, a que o teléfono deixe de soar, a non recibir whatsapps, a volvernos invisibles, a que che torzan a cara polas rúas, a que te consideren un fracasado... Medo á loucura, a que os teus fillos te abandonen, medo a que se volvan violentos e batan en ti, medo ás conspiracións, ao terrorismo de Estado... O medo contáxiase, hérdase, foméntase... O medo encaixa nas nosas cabezas como o sono encaixa nos nenos. Eu non busco nada diso nin, moito menos, unha cultura esmorecente. Busco o contrario: a ousadía, sexa a ousadía dunha resistencia, dunha ofensiva ou de enfrontarse á derrota. O que me interesa esculcar é se a noda (o exilio, o intervalo...) é o espazo de creación contemporánea: o espazo de pensamento na dismodernidade.

-O seu espectáculo Lampíricos tivo as súas mais recentes representacións no ámbito rural. É ese o espazo privilexiado dos extintivos?

Lampíricos é unha performance de gran presenza física sobre o paro, a expulsión, o exilio e os orificios. O seu título fai referencia aos vagalumes, que son unha especie en extinción: unha das razóns desa extinción é que as luces nocturnas os desorientan e morren, cegos de amor por unha farola, sen poder aparearse con ela. Para Pasolini, a desaparición dos vagalumes nos anos setenta marca o comezo da escuridade perpetua na humanidade e consideraba que a súa reaparición sería o sinal dunha nova luz. Eu vin vagalumes en Lóuzara e en Cereixa e no Courel... Creo que os parados (e o rural é unha máquina de fabricar parados) teñen o gran potencial transformador do mundo. O perigo -un perigo real, que xa se está dando- é que os parados queden prendados das farolas.

-Que ten o xénero da entrevista para facelo volver ao xornalismo?

Como se di en 'Lampíricos', non volvo, non fuxo: sempre estiven aquí, incluso no momento gutural da amnesia, e reaxio: respiro, pénsome, retórzome...

-As súas entrevistas teñen características que case desapareceron do xornalismo. Demoradas, de encontro corpo a corpo, sen presa, literarias... son tamén “extintivas”?

Hahahahahahahah ¡Claro!

-Desde hai moitos anos toda a súa actividade literaria, artística e xornalística desenvolveuse en galego. É unha das razóns para que a sección se publique en Sermos Galiza?

A pesar da aniquilación selectiva que sufriron os traballadores deste país, sobreviven profesionais e proxectos que non renuncian á súa responsabilidade, como Ana Romaní ou o Sermos Galiza, por exemplo.

Imaxe de Eduard Velasco tirada nos preparativos de Lampíricos na Casa do Izquierdo de Cereixa. A fotografía forma parte da exposión titulada "A casa de Cereixa" que se pode ver neste mes de setembro no café A Gramola na Praza de Cervantes en Compostela. 

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios