FERNANDO BLANCO, SOBRE A FONDO DESTA SEMANA

"Analizamos o acoso ás persoas que recollen comida do lixo"

Hai xa onde procurar comida do lixo é obxecto de sanción. O presidente de Esculca, Fernando Blanco, fálanos sobre a criminalización da pobreza. Coordena o A Fondo desta semana, nos quiosques a vindeira quinta feira.

fernando blanco 370

-Cal é a pertinencia e a actualidade de reflexionar, neste momento, sobre a criminalización da pobreza en Galiza?

-A crúa realidade económica que estamos a padecer fai que o foco de debate recaia sobre novas formas de pobreza... mais existen importantes colectivos na nosa sociedade que, previamente a este axuste económico, viñan padecendo unha situación de exclusión social, hereditaria nas máis das ocasións. Unindo esta realidade social ingrata e visíbel-ocultada, sempre en risco de esquecer, cunha perspectiva de dereitos, pareceu oportuno abordar dende unha perspectiva variada estas formas de estigmatizacion "legal" da pobreza

 -Que colectivos sofren, no noso país, en maior medida criminalización?

-Dentro do campo abordado neste A Fondo, os nosos relatores destacan a fonda estigmatización que sofre o pobo cigano e os nacionais romaneses. 

-Que temas se abordarán neste A Fondo?

-Hai unha dupla análise do fenómeno  do acoso ás persoas que recollen comida do lixo: un máis de contido técnico-xurídico verbo das normas de aplicación e outro que asina o profesor Brandariz, de desvelamento da ideoloxía que ampara estes actos de violación de dereitos. A experiencia de Arquitectos Sen Fronteiras permite facer relacionar casos de criminalización indignantes como as de As Mulleres Colleiteiras (proxecto lanzado por ASF), cun pano de fondo estrutural ben coñecido por ASF como a exclusión e criminalización do pobo cigano no acceso a vivenda. 

-Un dos artigos chega dende Portugal e aborda outro tipo de violencia, máis oculta, de carácter simbólico, como a practicada polas representacións feitas dende os medios de comunicación…

"Neste A Fondo destacamos a fonda estigmatización que sofre o pobo cigano e os nacionais romaneses"

-A reflexión procedente de Portugal desvela os discursos de creación de inimigos sobre os que aplicar mais doadamente a criminalización.

-É isto aplicábel a Galiza?

-Infelizmente si, mesmo o artigo parece lembrar como se abordan as informacións de "sucesos"  sinalando orixes nacionais moitas das veces de nulo interese informativo, na procura de crear un discurso social xenófobo e excluínte.

-Por que escollestes como entrevistada a Belén Arranz, do colectivo Diversidades?

-A do colectivo Diversidades é a análise dende unha asociación que traballa a "pé de obra" mantendo un discurso crítico da actuación dos poderes cos nacionais romaneses, abordando realidades que moitos descoñecemos desta poboación no noso país. Estimabamos esencial una visión real da situación das persoas romaneses, tanto no seu contexto nacional como na súa situación aquí para romper estereotipos que o discurso "oficial" fomenta.

-Incidides sobre todo en dous concellos: A Coruña e Betanzos. Por que? É extensíbel o problema a outra partes de Galiza?

-É posibel que haxa casos tan ou máis graves que os da Coruña e Betanzos. Mais quixemos destacar a duplo raseiro de quen dita normas cunha finalidade (que termina por ser simbólica) para acadar fins materias espúreos como o hostigamento da pobreza para que desapareza. Por outra banda, a análise dos casos da Coruña e de Betanzos permiten un punto de partida para un sólido achegamento teórico a estes fenómenos como o que fai o profesor Brandariz no seu traballo para o A Fondo.

"Non só non fomos quen na nosa sociedade de eliminar pobreza "hereditaria" senón que a falta de medidas estruturais "preventivas" permite a aparición de novas formas de exclusión social"

-As medidas criminalizadoras optan por penalizar a pobreza no canto de atender o problema estrutural do que parte. Hai realmente un interese político por abordar medidas estruturais?

-A resposta é a titulo meramente persoal. Non, non só non fomos quen na nosa sociedade de eliminar a pobreza "hereditaria" senón que a falta de medidas estruturais "preventivas" permite a aparición de novas formas de exclusión social 

-En que medida a Risga ou as medidas de acceso á vivenda para colectivos marxinalizados serían mellorables?

-Recentemente a Oficina de Dereitos Sociais-ODS Coia analizaba criticamente a RISGA, sinalando que os orzamentos a ela adicados rozan a miseria, con prestacións con contías mínimas, longos tempos de espera que se prolongan até os oito meses, incompatibilidades absurdas, esixencias a modo de contraprestación de participar en proxectos de inserción sen seguimento e inútiles. Nomeadamente, sinalaba este colectivo que un dos aspectos máis crueis é o que ten que ver cos atrasos na concesión da RISGA, cunha demora totalmente inaceptable por tratarse dunha axuda dirixida a persoas e familias nunha situación de verdadeira emerxencia social. A finais de agosto deste ano  a Xunta recoñecía que estaba a resolver as solicitudes de decembro do 2013, cando a Xunta ten 2 meses para resolver dende a entrada de toda a documentación, mentres que os concellos teñen un mes para enviar a documentación completa á Xunta.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios