ENTREVISTA A ANXO QUINTANA

"En Allariz o nacionalismo demostrou que o seu era un proxecto político de goberno"

No A Fondo desta semana, "Allariz: a revolta en curso", entrevistamos a Anxo Quintana, alcalde da vila dende 1989 até 2000. Fálanos da revolta social que levou o BNG ao poder naquel entón e do proceso de transformación da vila nestes 25 anos.

entrevista Quintana 350 2

Xa non vive en Allariz, porque motivos profesionais e persoais llo impiden, pero Anxo Quintana mantén vivo o cordón umbilical coa vila do Arnoia. Para el non é só un afecto, senón todo un modo de vida, e un fito para o nacionalismo. "Allariz foi un dos sitios onde o nacionalismo empezou a demostrar que o seu era un proxecto político de goberno", responde cando se lle pregunta polo que, para o proxecto nacionalista, supuxo a experiencia de Allariz.

Quintana remóntase a aquel verán de 1989 e ás causas que fixeron posíbel que en Allariz, naquel momento rexido por un alcalde do PP e con fondos problemas de caciquismo e mala xestión, saltase a revolta, e non noutros lugares en contextos similares.  Para Quintana, a aplicación por parte do BNG de políticas participativas, con asembleas nas diferentes parroquias, foi fundamental, así como o achegamento e a implicación da organización política coa cidadanía, "unha organización política disposta a converter a utopía en realidade (…). Non unha organización política dedicada ao ideoloxismo".

O ex vicepresidente da Xunta analiza as claves do éxito na xestión, no día a día, de Allariz, e responde cando se lle pregunta polas dificultades para levar este modelo ao ámbito do país: "Intentei aplicar dende a vicepresidencia da Xunta a mesma formulación. A veces conseguímolo e outras non".

"Intentei aplicar dende a vicepresidencia da Xunta a mesma formulación. A veces conseguímolo e outras non".

Voces expertas analizan o proceso de cambio

O A Fondo sobre a transformación experimentada por Allariz neste cuarto de século conta con artigos de persoas ligadas de modo íntimo a ese proceso de cambio, tal é o caso do actual alcalde de Allariz, Paco García, ou de Daniel Pino, coordinador dos equipos de planeamento urbano que fixeron posíbel a transformación do casco histórico de Allariz. Así mesmo, escriben para o A Fondo, voces expertas que valoran o fenómeno allaricense. Tal é o caso de Tomás Rueda, secretario do Consello de Xestores da Rede Española de Reservas da Biosfera, que abonda na designación de Allariz como tal; de Xosé C. Sierra Rodríguez, director do museo etnolóxico de Rivadavia-Ourense, quen aborda a recuperación do patrimonio cultural e etnográfico, e de Rubén C .Lois, catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago e ex director xeral de Turismo, quen afonda na aposta da vila polo turismo sostíbel.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios