En Agosto, Sermos Galiza publicará un caderno de verán con textos literarios inéditos

Un relato de Xabier P. Docampo en 5 entregas e a incursión de Pepe de Pura no xénero da literatura erótica son algún dos contidos exclusivos do Caderno de Agosto que oferece xa esta quinta feira o Sermos Galiza.

Esta quinta feira, é 31 de Xullo, mais para Sermos Galiza xa é agosto. Daí que o único semanario en lingua galega estreará ese día o seu novo suplemento, Caderno de Agosto, que se publicará durante cinco números consecutivos.

Neste período estival tomará un merecido descanso o caderno de análise AFONDO, após ter completado un total de 76 números nesta a súa primeira etapa. Co mes de setembro voltará o AFONDO.

O Caderno conterá un relato inédito de Xabier P. Docampo, Operación Monte de Lixo, e outro de Pepe de Pura, un texto de "costumismo sexual"

O Caderno de Agosto, que coordenará o xornalista Rodri Suárez, oferecerá unha dupla páxina literaria, con textos inéditos. En concreto, un relato inédito dun dos nomes máis importantes da literatura galega, Xabier P. Docampo, baixo o título de Operación Monte de Lixo. Canda el fará a súa estrea nas nosas páxinas Pepe de Pura, cunha serie de relatos que o propio autor distancia da pornografia para situar no que chama "costumismo sexual".

Non só de literatura viviremos estas ferias, así que o Caderno de Verán tamén se debruzará sobre as festas do verán, a vida cotiá, a gastronomía, a música e as idílicas paisaxes do noso país.

Festas do verán? Música? Vida cotiá? Literatura? Quen mellor para sintetizar todo iso que Xurxo Souto, escritor e músico, animador da literatura e da música bravú. Terá neste Caderno sección fixa, ponto de encontro para a arroutada musical e o arrichamento literario. Realmente imperdíbel.

Reserva o teu exemplar
Así as cousas, o mellor é que, este mes de agosto, reserves o teu exemplar de Sermos Galiza nos teus quiosques ou se tal que optes por te faceres asinante do noso semanario, neste enderezo

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios