NO CADERNO DE ANÁLISE DE SERMOS

Afondando no VIH dende Galiza

O A Fondo desta semana analiza a realidade do VIH dende Galiza, con voces expertas do ámbito médico, activistas e experiencias persoais. Podes adquirilo na nosa loxa

capa A Fondo

Un diagnóstico de VIH positivo deixou de ser xa, na nosa contorna, sentenza de morte. Os avances científicos conseguiron domear o virus e reducilo a enfermidade crónica (en Occidente, non no resto do planeta con difícil acceso a antirretrovirais). Porén, os logros médicos foron acompañados da necesaria normalización social? Elimináronse os prexuizos? A discriminación desapareceu? O A Fondo desta semana adéntrase neste debate, dende Galiza e con persoas expertas tanto no ámbito médico como do tecido cívico. Afrontamos, ademais, os efectos da crise na abordaxe do VIH e na amputación do movemento cidadá, así como as ameazas específicas da contracción do virus para as mulleres.

O caderno de análise de Sermos Galiza está coordenado, esta semana, por Flora Miranda Pena, médica e voluntaria do Comité Anti Sida de Santiago nos anos 90. Escriben, dende o ámbito médico, Antonio Antela, internista na consulta de Enfermidades Infecciosas do Hospital Clínico de Santiago; e Lola Ferreiro Díaz,feminista e experta en saúde mental, que aborda o VIH dende a perspectiva de xénero.

"Tentouse abrir o debate sobre a controvertida normalización da enfermidade e facer un chamamento á necesidade de conservar un patrimonio irrenunciable, a Sanidade Pública Universal", afirma  Flora Miranda.

Voces expertas e activistas

Dende a experiencia persoal, dende a convivencia co virus, fala Xulia Alonso Díaz, autora do libro Futuro imperfecto (Xerais, 2010). A partir da súa experiencia como activistas do movementos cívica escriben Ignacio Iglesias, traballador social e liberado, nos anos 80, do Comité Anti Sida de Santiago, e Cándida Álvarez, da asociación Lazos, de Vigo. A entrevista, á psicóloga Dorotea Martínez, traballadora do Comité Antisida de Santiago durante máis dunha década, até a súa desaparición, aborda, entre outras cuestións, os efectos da diminución nas axudas públicas no movemento cidadá.

"Tentouse neste monográfico abrir o debate sobre a controvertida normalización da enfermidade e facer un chamamento á necesidade de conservar un patrimonio irrenunciable, a Sanidade Pública Universal", afirma a coordenadora do A Fondo, Flora Miranda.

Os avances científicos

Antonio Antela expón a evolución no tratamento do VIH: "Dende o punto de vista dun clínico dedicado case exclusivamente ao coidado de persoas que viven con VIH dende o comezo da década dos 90, resulta emocionante reflexionar sobre o moito que avanzamos". Ao importante papel desempeñado polas e polos profesionais da saúde pública fai referencia Xulia Alonso, quen denuncia o actual desmantelamento do sistema sanitario: "Custou tantos anos conseguir todo isto que resulta inxustificable o proceso de desmantelamento que a nosa sanidade esta sufrindo".

"Hai unha sensación de normalidade, de que temos o control, pero non é certo", explica Dorotea Martínez, ex traballadora do Comité Antisida de Santiago.

As discriminacións que se manteñen

Aos riscos específicos que o VIH ten para as mulleres, que chegan a metade das persoas afectadas no mundo e o 60% das afectadas na África subsahariana, alude Lola Ferreiro Díaz: "A menor resistencia mecánica da mucosa vaxinal fai que se erosione máis doadamente que a pel do pene durante o coito e, xa que logo, o risco de infección é máis alto".

"Hai unha sensación de normalidade, de que temos o control, pero non é certo", explica Dorotea Martínez en relación ao VIH. Na entrevista que protagoniza, explicita a discriminación sutil que se mantén na actualidade, o relaxamento nas medidas de prevención e o consecuente repunte do virus.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios