Un acrónimo na capa de Sermos Galiza

Chega ás miñas mans o número 149 do semanario Sermos Galiza. Na capa leo, titular a todo o largo, a palabra Precariado. E axiña se destapa a tampa das lembranzas para saíren as etiquetas precisas de análise. O aroma retronasal da gramática.

Novecento
photo_camera O Cuarto Estado, de G. Pellizza Volpedo

Precariado, do punto de vista da forma, nada ten de particular. Entra dentro do procedemento normal de formación por acronimia que deu lugar a outras palabras como ofimática ou informática. Mais para alén de ser unha palabra relativamente nova na lingua, -non máis de cinco ou dez anos-  merece un comentario por ser, posibelmente, a primeira vez que esta forma aparece na capa e como titular nun xornal. Desde logo en Sermos é. Na prensa portuguesa non encontramos pegada da palabra antes de decembro de 2014, e sempre en artigos de análise ou en recensións de libros como o de Ruy Braga, "A política do precariado" ou Guy Standing,  "O Precariado, a nova clase perigosa”. E pouco máis. 

"Merece un comentario por ser, posibelmente, a primeira vez que esta forma aparece na capa e como titular nun xornal"

No ámbito académico, o sociólogo Robert Castel estudou o fenómeno do precariado en Les Métamorphoses de la question sociale: une chronique du salariat  (Fayard, 1995) e noutras obras posteriores. As referencias abundan estes últimos anos en alemán, español, francés, inglés, italiano ou portugués, quer na prensa xeral, nos blogues persoais e nos medios académicos e profesionais.

Precariado, unha clase social?

Se do punto de vista gramatical a palabra encaixa perfectamente nos parámetros de acrecentamento léxico, é no punto de vista semántico onde radica o interese da composición, pois non existe unanimidade en determinar a base léxica de que procede o segundo elemento. 

Procede de PRECARIedade + asalarIADO ou de PRECARIedade+ proletarIADO ?

Isto é, con PRECARIADO estamos a nos referir a unha clase social ou a un conxunto de persoas en situación de desemprego ou con traballo en precario, quer polo nivel de ingresos quer pola incerteza sobre o seu futuro laboral?

"Con PRECARIADO estamos a nos referir a unha clase social, ou a un conxunto de persoas en situación de desemprego ou con traballo en precario, quer polo nivel de ingresos quer pola incerteza sobre o seu futuro laboral?"

Para Guy Standing, mencionado antes, profesor de Economía na Universidade de Londres e autor de The Precariat: The New Dangerous Class (2011), un texto, case un manifesto, en que reflexiona sobre ese emerxente grupo social situado -para el- entre os indignados españois, o Den Plirono (Non Pagamos) grego e as revoltas árabes,  o precariado é unha “clase en construción que se aproxima dunha consciencia da vulnerabilidade común” e que estaría constituída por todos aqueles que senten que a súa vida e identidade está formada de fragmentos dispersos a partir dos cales non son capaces de construír unha narrativa desexábel ou unha carreira”. 

Para outros autores, como Alex Foti ou Robert Castel, o precariado ven sendo, nesta sociedade que eles denominan postindustrial, o equivalente ao que foi o proletariado na sociedade industrial. 

Mais o certo é que as persoas que poderíamos incluír dentro do precariado non partillan, necesariamente, a mesma clase de pertenza aínda que resulta evidente que a palabra serve para situar o precariado (da mesma forma que no seu momento sucedeu co proletariado) nun determinado lugar na escala social e, tamén, da loita política, o que nos permitiría falar dunha clase social constituída polos precarios.

"A utilización, cada vez con máis frecuencia, do termo pon de relevo que o precariado se tornou estrutural, tratando, sistema e patronal, que a responsabilidade do emprego recaia sobre o propio traballador"

Ora, o concepto está en evolución e se hai uns anos, ben poucos, se aplicaba case exclusivamente a persoas con pouca formación e empregos precarios, hoxe, o grupo maioritario e tamén o que máis se visibiliza, é o de titulados universitarios sen traballo ou traballando en empregos que requiren pouca cualificación.

Á marxe das definicións e da evolución semántica da palabra, lóxica para se adaptar á nova organización do capitalismo, a utilización cada vez con máis frecuencia do termo pon de relevo que o precariado se tornou estrutural, tratando, sistema e patronal, que a responsabilidade do emprego recaia sobre o propio traballador, externalizando así todo o que era amparo social e garantía colectiva contra a perda de traballo. 

Ben por Sermos Galiza que describe con palabras novas as novas situacións. 

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios