Este 17-M cúmprense 2 anos do número 0 de Sermos Galiza

Hai 2 anos, o número 0 de Sermos Galiza saía á rúa e non por acaso foi un 17 de Maio.

Unha rúa ateigada de xente. Unha foto en branco negro. No recanto inferior dereita ábrese a cor. Unha muller porta un cartaz. Unha lenda sinxela. Eu + un corazón+ Galego.

Esa foi a imaxe de apresentación do número 0 de Sermos Galiza, que chegou ás rúas da Galiza o 17 de Maio de 2012, hai 2 anos, cando se fixo un reparto masivo no meio da multitude que asistiu á manifestación convocada por Queremos Galego.

Eu + un corazón + Galego. Toda unha declaración de principios. Aquel número -disponíbel na nosa loxa debalde- é xa parte da historia do máis recente xornalismo galego, toda unha declaración de principios, vocacionalmente dirixida a recriar -após o desaparecimento de sucesivas cabeceiras- o espazo de comunicación galego e en galego. Vocacionalmente dirixida a dar voz a aquelas e a aqueles que na nosa nación non a teñen porque non llela prestan nen os poderosos nen os seus meios.

"Temos a convicción de que, neste tempo e neste País, a imprensa libre só pode ser construción colectiva. Un medio como o que soñamos apenas será unha realidade perdurábel co compromiso activo dos lectores e lectoras"

Aquelas vibrantes 16 páxinas contiñan artigos de persoas moi comprometidas co noso país e a súa lingua, co erguemento de alternativas que nos devolvan a dignidade como pobo e que rachen coa nosa dependencia secular. Persoas como Néstor Rego, Teresa Moure, Carlos Callón, Sés, Neira Vilas, Carlos Quiroga...E unha viñeta, a primeira, de Xosé Lois, un dos grandes do humor gráfico desta nación, o autor do lendario Carrabouxo.

Unha frase resume o alento daquelas páxinas: "Temos a convicción de que, neste tempo e neste País, a imprensa libre só pode ser construción colectiva. Un medio como o que soñamos apenas será unha realidade perdurábel co compromiso activo dos lectores e lectoras. Aquí todos os corazóns son necesarios".

97 números

Dous anos despois, aquel número 0 tivo 97 entregas posteriores. O Sermos Galiza vai camiño do número 100. Xa non son 16 páxinas, senón 40, nunha aposta editorial por agrandarmos a Comunidade Sermos. Si, Comunidade Sermos, porque se algo é este meio de comunicación é un meio comunitario, das súas e dos seus suscritores, das súas e dos seus case 900 accionistas, das súas e dos seus leitores.

Pois ben, xusto no momento en que nos achegamos ao número 100, e dentro da campaña Amígate con Sermos, Sermos Galiza pon en marcha unha nova iniciativa para tornar máis económico o acceso ao noso xornal impreso, hoxe o único semanario en galego que se edita no país. Destarte, apartir da pasada quinta feira, é posíbel subscribirse ao Sermos Galiza por só 12 euros ao mes, através da nosa nosa loxa.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios