#sermos124: O ensino vai ás urnas

Neste número falamos das eleccións do 4D, con 33.000 docentes chamados a votar; entrevistamos a Guadi Galego e ‘Superpiñeiro’; e analizamos as razóns do baixo prezo do leite. Isto, e moito máis, nos quiosques e na loxa.

unnamed

O número 124 do Sermos Galiza xa está na rúa e na nosa loxa. O Tema que analizamos esta semana é as eleccións sindicais no ensino non universitario, con 30.336 docentes con dereito a voto para elexir 140 representantes. Unha cita coas urnas que chega após catro anos de ofensiva dos gobernos autonómico e central contra o ensino. A reportaxe acompáñase dunha opinión de Mercedes Queixas.

Entrevistamos a Alberte Mera, reeleito secretario xeral de Galiza Nova na XIII Asemblea Nacional da organización xuvenil. “Temos o reto de facer o nacionalismo ilusionante para a mocidade”.

Galiza produce o 40% do leite do Estado, porén rexistra os prezos máis baixos en orixe. Explicámosche as razóns neste número, no que tamén entrevistamos o queixeiro Modesto Toubes.

Máis un desmantelamento

‘Integración de recursos minguantes’ é o título da reportaxe na que falamos de como se está a desmantelar a rede de apoio a persoas con necesidades especiais. A Xunta presentou o ‘ticket eléctrico’ como a medida contra a pobreza enerxética. Mais desde oposición e colectivos sociais defínese a proposta como mera propaganda.

Tamén debullamos como a Operación Zeta destapou as asociacións afíns que o alcalde da Coruña impulsou con cartos públicos. Unha aposta en contrarestar o asociacionismo máis combativo.

Guadi Galego: O corpo pedíame arriscarme co pop”

Guadi Galego vólvese pop en ‘Lúas de outubro e agosto’, o seu segundo disco en solitario. Entrevistámola para Sermos Galiza, onde nos confesa que o corpo lle pedía “arriscarme co pop”. En ‘A escribir tamén se aprende’ abordamos a escola de escritores e escritoras da AELG.

Viaxes na Miña Terra lévanos a un paseo de máis de 2.000 anos de historia mediante unha camiñada pola Muralla romana de Lugo. En ‘A escrita oceánica’ o escritor Miguel Mato Fondo debrúzase sobre a relación entre a literatura e o mar.

‘Superpiñeiro’

Na contra-capa entrevistamos a Xosé Manuel Piñeiro, ‘Superpiñeiro’: “Se pensamos que o país o vai facer só unha élite, non haberá país”.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios